Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Defensa do Patrimonio Cultural

Salvaterra acolle a entrega de premios do certame da asociación Ponte... Nas Ondas!

Un momento da gala de entrega dos premios en Salvaterra. FdV

A Asociación Ponte...nas ondas! celebrou o Día Internacional do Patrimonio cun acto de entrega de premios do Certame "As imaxes do patrimonio" aos centros educativos participantes de Galicia e do Norte de Portugal na Casa da Cultura de Salvaterra de Miño, con motivo da celebración do Ano Europeo do Patrimonio Cultural .

Máis de 200 xoves e profesorado dos sete centros educativos premiados no Certame "As imaxes do patrimonio" participaron nun acto que tivo como protagonista ao patrimonio inmaterial galego-portugués, e celebrado na Casa da Cultura de Salvaterra de Miño coa presenza da tenente de Alcalde do Concello de Salvaterra, Marta Valcárcel, quen deu a benvida aos asistentes.

Os representantes dos centros asistentes leron os textos que acompañaban ás imaxes premiadas no certame.

Os centros galego-portugueses que obtiveron os premios foron o IES Plurilingüe Fontexería de Muros (A Coruña); o CPI Uxío Novoneira de Pedrafita do Cebreiro (Lugo); a Escola Profissional Infante D. Henrique do Porto; a Escola EB2/3 Sophia Mello Breyner - Arcozelo de Ponte de Lima, o IES Terra de Turonio de Gondomar, o IES Ponte Caldelas de Ponte Caldelas e o CEIP Plurilingüe Infante Felipe de Borbón de Salvaterra de Miño. Este centro foi o que logrou o premio especial á maior participación de aí que o acto se celebre na Casa da Cultura do concello de Salvaterra do Miño.

Marta Valcárcel agradeceu á asociación Ponte...nas ondas! o traballo realizado a prol do patrimonio común galego-portugués e mostrou a colaboración do concello con Ponte...nas ondas! que naceu na Casa da Cultura hai 23 anos e que tanta proxección está a darlle ao patrimonio. A directora xeral de Patrimonio excusou a súa asistencia debido a un problema familiar de última hora.

Santiago Veloso, presidente de Ponte...nas ondas! agradeceu a asistencia e anunciou a apertura do 2º Certame de "As Imaxes do Patrimonio" no que xa poden participar os centros educativos de Galicia e do Norte de Portugal.

As imaxes gañadoras e participantes na primeira edición do certamen poden visualizarse ao completo desde esta ligazón:

http://escolasnasondas.com/i-certame-de-fotografia-imaxes-do-patrimonio-as-ganadoras/

Ao acto rematou coa actuación musical de Cé Orquestra Pantasma.

Ponte... Nas Ondas! convidou aos centros educativos e á sociedade en xeral a celebrar o Día Internacional do Patrimonio Cultural e puxo á súa disposición unha serie de recursos educativos sobre o patrimonio galego-portugués para descargar ou para traballar on line :

http://pontenasondas.org/recursos/

Compartir el artículo

stats