Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Premio á investigación escolar do Patrimonio

O CPR Mª Inmaculada de Silleda e o CPI de Rianxo, galardoados

Persoalidades asistentes a entrega dos Premios Antonio Fraguas.

O CPR María Inmaculada de Silleda e o CPI Ana María Diéguez de Asados (Rianxo) foron galardoados cos premios do Proxecto didáctico Antón Fraguas de investigación escolar en galego sobre o Patrimonio. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou na entrega dos premios no Museo do Pobo Galego. Este certame de investigación escolar sobre o patrimonio lingüístico e cultural galego é unha iniciativa da Fundación Antonio Fraguas Fraguas coa que colabora a Consellería de Educación por medio da Secretaría de Política Lingüística.

Valentín García referiuse á importancia de fomentar desde as escolas "vocacións investigadoras en galego, tanto no ámbito das humanidades, no que incide o Proxecto Didáctico Antonio Fraguas, como no das ciencias". O secretario xeral felicitou os premiados "por levardes adiante en galego un proxecto de análise e de pescuda serio e rigoroso, un proxecto que vos permitirá coñecer e apreciar mellor o voso patrimonio próximo e dalo a coñecer no voso contorno". Acompañaron a Valentín García na entrega de premios o presidente da Fundación Antonio Fraguas, Justo Beramendi González, e a concelleira de Acción Cultural compostelá, Branca Novoneyra.

A esta XI edición do Proxecto Didáctico Antonio Fraguas presentáronse 12 traballos de investigación arredor de temas diversos do patrimonio, como as fontes, o pan ou a historia de determinados barrios urbanos.

Na modalidade de ensino primario resultou gañador o proxecto "Pintando o patrimonio, definimos a nosa identidade", do CEIP Ana María Diéguez de Asados, Rianxo (A Coruña), polo esforzo en divulgar os elementos do patrimonio etnográfico e histórico da súa contorna a través dun traballo de investigación escolar que culminará nun mural colectivo que poderá servir de referencia para a comunidade local.

O proxecto seleccionado na modalidade de ensino secundario foi "Iconografía sacra e profana no concello de Silleda", presentado polo CPR María Inmaculada desta localidade pontevedresa. O xurado considerou que se trata dunha proposta exhaustiva e ambiciosa que requirirá a implicación permanente tanto da comunidade escolar como de especialistas e valorou que favoreza estratexias de investigación e de divulgación que permiten o coñecemento das manifestacións artísticas do concello.

O Proxecto Didáctico Antonio Fraguas Fraguas pretende alentar entre a comunidade escolar un traballo sistemático orientado á educación patrimonial, ao coñecemento da lingua e do medio e á valorización dos máis diversos elementos do noso patrimonio cultural.

Compartir el artículo

stats