Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Letras de Babel no colexio Divino Salvador de Coruxo

Inés González-Rey Puig, alumna de 1º da ESO, foi a gañadora absoluta

María Oruña entregoulle o galardón a Inés González-Rey, gañadora absoluta.

O colexio Divino Salvador (Coruxo-Vigo), co gallo do Día do Libro, celebrou a cerimonia de entrega de premios do seu Certame Literario "Letras de Babel" que este ano acadaba a súa novena edición.

O xoves 26, recolleron o seu galardón os alumnos de 3º, 4º, 5º e 6º de Educación Primaria. Na categoría de 3º e 4º, resultaron gañadores os rapaces: Martín Tombilla ("Un amor separado", relato), Uxía López ("La casa encantada", relato), Silvia Álvarez ("La vuelta al mundo en una semana", relato) e Nahom Campos ("Os megaliens", relato). Na categoría de 5º e 6º, foron galardoados os alumnos Ismael García ("Un viaje a los 40", relato), Paula Misa ("Volver a empezar", relato), Bruno López ("El misterio de la montaña maldita", relato) e Ainhoa Magaz ("Los diamantes del hada", relato).

O venres 27, recolleron o seu galardón os alumnos de 1º, 2º, 3º e 4º da ESO. Na categoría de 1º e 2º da ESO, foi merecente do 1º premio o relato "Imaginaciones" de Inés González-Rey Puig (1º ESO). O 2º premio foi para a alumna de 1º ESO Julia Doval Caparrini ("El calendario", relato) e o 3º premio, para a alumna de 2º ESO Érica Abalde Alonso ("El tren de mi abuelo", relato). Nesta categoría, o xurado decidiu outorgarlle un accésit ao traballo presentado pola alumna de 2º ESO, Mª Eduarda Gomes Seleiro ("Dicen", prosa poética).

Na categoría de 3º e 4º da ESO, obtiveron premio os traballos de Denise Vázquez Comesaña (medalla de ouro polo relato "Cinco segundos más"); Marta Iglesias Prado (medalla de prata polo relato "Mariposas") e Alba Riera Vázquez (medalla de bronce polo relato "Este soy yo"). Nesta categoría, o xurado decidiu outorgarlle un accésit ao traballo presentado polo alumno de 3º ESO, Diego Rodríguez González ("Esperta, Galicia", poesía).

O mesmo día 27, revelouse o nome do gañador absoluto da IX edición de "Letras de Babel". Por decisión maioritaria, o xurado, composto por profesores do Centro, resolveu conceder o máximo galardón a Inés González-Rey Puig, alumna de 1º da ESO, autora do texto intitulado "Imaginaciones". A escritora María Oruña foi a encargada de facerlle entrega do galano á gañadora: un lote de libros e a xa tradicional "Parella lendo", peza en porcelana de Sargadelos.

O Premio "Letras de Babel" recaía este ano en Inés González. A novel escritora presentou a concurso un texto longo pero construído con boa prosa e ritmo narrativo. Nel contásenos a historia dunha nena que non é quen de superar o falecemento da súa nai. Unha relación cuxos lazos se estreitan máis alá da morte. O final é insospeitado.

Os actos de entrega de premios víronse amenizados polas actuacións musicais de Brais Sánchez (6º EP, violín), Cristina Müller (5º EP, piano), Jorge Figueroa (3º ESO, violín), Mar Fernández (2º ESO, piano), Alejandra Serantes (2º ESO, guitarra), Tomás Prado & Nuno Suárez "Dúo Numas" (1º ESO, clarineta/trompeta), Gabriel Barros (4º ESO, batería), Jorge Ruiloba (4º ESO, piano), e mais un espectáculo de maxia a cargo do mago Luk´a (Luca Riego, 4º ESO) e un ocorrente monólogo a cargo de Elijah Pérez (4º ESO); todos eles alumnos do colexio.

Segundo os organizadores do certame, a cantidade e a calidade dos traballos presentados a concurso foi moi notable e, daquela, moi difícil o labor do xurado. Tanto a directiva do colexio coma os profesores queren felicitar a todos os alumnos participantes, de xeito especial os premiados, animándoos a prodigarse na lectura e na escritura e, así mesmo, na aspiración de elevar a súa escrita á categoría de arte, con vistas, por exemplo, á vindeira edición de "Letras de Babel". O vindeiro ano, o certame literario cumpre dez anos, unha década formando e promovendo a nosa canteira de escritores.

Compartir el artículo

stats