Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A vela entra nas aulas

Educación implanta un ciclo medio de ensinanza no IES Bouza Brey de Vilagarcía

O conselleiro Román Rodríguez, durante a presentación da iniciativa.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e a secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, asinaron un acordo de colaboración ao abeiro do que a Xunta implantará por primeira vez, na Comunidade Autónoma de Galicia, as ensinanzas de vela nun centro educativo. En concreto, o acordo traducirase na impartición no IES Fermín Bouza Brey de Vilagarcía de Arousa das ensinanzas deportivas de grao medio en vela con aparello fixo e en vela con aparello libre. Ao acto asistiron tamén o delgado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís; e o presidente da Federación Galega de Vela, Manuel Villaverde, entre outras autoridades.

Os títulos de técnico deportivo impartiranse de forma compartida entre o IES e o Centro Galego de Vela, adscrito á Secretaría Xeral para o Deporte; de tal forma que o bloque común do currículo se desenvolverá no instituto Bouza Brey e o específico no devandito centro de vela. Será a consellería quen se faga cargo dos gastos do profesorado, mentres que Deporte asumirá a xestión e mantemento relacionado cos gastos derivados do axeitado funcionamento das instalacións para o óptimo desenvolvemento das ensinanzas.

Especializacións

A Consellería de Cultura e Educación abrirá unha convocatoria específica para que 12 alumnos se matriculen nestas dúas titulacións, que se desenvolverán ao longo do presente curso e do seguinte, esta convocatoria saíu publicada no Diario Oficial de Galicia do pasado venres 13 de outubro. Para acceder a estas ensinanzas será necesario ter o título de graduado en educación secundaria obrigatoria ou equivalente para efectos académicos, e superar a proba de carácter específico establecida. A impartición compartida destas ensinanzas configura un contexto idóneo para a formación e preparacións dos futuros titulados, dando un novo impulso aos ciclos deportivos e á súa integración no sistema educativo.

En total as titulacións constan de 1.100 horas repartidas en dous cursos académicos, que inclúen un total de 350 de formación práctica (150 horas no ciclo inicial e 200 horas no ciclo final), co fin de que o alumnado entre en contacto coa realidade do mundo laboral. No referido ao título de técnico deportivo en vela con aparello fixo, conta cunha soa especialización, a de vela adaptada con aparello fixo. Quen rematen estes estudos poderán exercer o seu labor profesional como adestrador de tecnificación en vela con aparello fixo, coordinador doutro persoal técnico de iniciación á vela, xestor ou organizador de eventos de vela de promoción e iniciación, responsable da seguridade da navegación e das instalacións deportivas utilizadas na tecnificación, ou no traballo de acompañamento e dirección ao regatista en competicións.

No caso do título en vela con aparello libre, as especializacións posibles serán as de Kiteboarding e a de vela adaptada con aparello libre. Os titulados poderán exercer ocupacións e postos de traballo como as de monitor de iniciación á vela ou adestrador de iniciación á competición.

Visita ao IES

Tras a sinatura do acordo, que se celebrou no Centro Galego de Vela, o conselleiro de Cultura e Educación, a secretaria xeral para o Deporte e o delegado da Xunta en Pontevedra, visitaron o instituto Fermín Bouza Brey, centro que xa ten experiencia na impartición de ensinanzas deportivas. Non en balde, puideron coñecer o alumnado e docentes de Baloncesto, que cursan estudos nas instalacións deste instituto.

Compartir el artículo

stats