Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O Festival de Teatro Semente nace para fomentar a cultura en galego

» O Auditorio de Teis alberga o evento, que terá lugar os días 5, 10, 11 e 12 de maio » Representaranse catro obras, dúas para público adulto e dúas para público familiar

Unha escena de "Té con Kant", de Inversa Teatro. // FdV

A Asociación Pro-Escola Semente Vigo vén de presentar a primeira edición dun festival de teatro que nace co obxectivo de fomentar a cultura en galego.

Os días 5, 10, 11 e 12 de maio representaránse no Auditorio de Teis catro obras na nosa lingua, dúas para público adulto e dúas para público familiar.

Na primeira xornada do evento, Inversa Teatro levará a escena "Té con Kant". O venres 10, Peter Punk Pallaso ofrecerá aos cativos o espectáculo "Chungo que te cagas"; mentras que o día 11, A cova das letras presentará a obra, tamén para público infantil, "Procúra-se Pepa a Loba". O festival remata o día 12 con "Uralita", de Iria Pinheiro.

As entradas para os espectáculos pódense adquirir nos establecementos colaboradores, ou solicitarse por e-mail a sementevigo@sementevigo.gal. O prezo é de cinco euros para as obras destinadas a persoas adultas e catro para as infantís. Estes cartos destinaranse a sufragar os gastos do festival, que non ten ánimo de lucro.

Durante as obras para adultas ("Té con Kant" e "Uralita") haberá un servizo de ludoteca para crianzas, para fomentar a conciliación cultural. Para acceder a el hai que reservar previamente.

"Esta primeira edición é un paso tímido de cara a enriquecer o panorama escénico en galego na cidade de Vigo, pero a idea é que este festival medre e se consolide, e que poda presentar, cos anos, moitas máis obras a prezo asequible", explican os organizadores.

A Asociación Pro-Escola Semente Vigo (www.sementevigo.gal) é unha entidade sin ánimo de lucro que traballa para ofrecer aos cativos galegofalantes espazos de socialización na súa lingua materna. Conta cun centro de ocio no barrio de Teis, na rúa Doutor Corbal, 102, onde acuden nenos e nenas de dous a seis anos.

Compartir el artículo

stats