Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

La música tradicional recuerda a "Moxenas"

» O encontro de música tradicional terá lugar no auditorio d'O Pedregal os días 10, 17, 19 e 24 de marzo

Meiró. // Cedida

Durante o mes de marzo, Valladares réndelle homenaxe ao mestre de gaitas 'Moxenas' no festival A música tradicional Re-vista, que se celebra no auditorio d'O Pedregal os días 10, 17, 19 e 24 deste mes.

"Perfeccionista, inventor de melodías, figura irrepetible na música popular galega, alma das festas, tamén Vigués Distinguido, Nazario González, coñecido polo alcume de 'Moxenas', ten moitísimas caras polas que ser recordado dende o seu pasamento en 1995", explican os organizadores do memorial.

En 1978 creou o grupo Muxicas a partir de Lembranzas Galegas. Dúas gaitas, tamboril, bombo e pandeireta que viñeron revolucionar a música tradicional galega. Este quinteto animou os festivais folclóricos de inverno e concedeu importancia a percusión, deixando ademais un importantísimo traballo creativo de case setenta pezas e ao tempo, dignificando a gaita e reivindicando do papel do gaiteiro e da nosa música tradicional.

'Moxenas' recolleu nos seus poemas e mais nas súas pezas de gaita a memoria do Vigo popular. Na cidade podemos pasear por unha rúa que leva o seu nome, entre a Gran Vía e Hispanidade, e todos aqueles que queiran gozar das súas andainas musicais poden ler o disco-libro "Moxenas, a memoria do son. Vida e obra dun gaiteiro".

Foi pioneiro no traballo coa canteira viguesa e cos grupos veciñais. De feito, un dos seus discípulos, Xosé Oliveira, puxo en marcha o proxecto "Moxenas Musical Galego" con 30 músicos para perpetuar a súa memoria, actuando hai uns anos no Festival de Lorient.

Durante este mes de marzo, o Centro Veciñal de Valladares réndelle homenaxe cunha serie de concertos dominicais onde actuarán grandes músicos do panorama folk que tamén están a reinventar a música tradicional galega.

Domingo 10

-Os terribles de Donas. Oitenta anos van xa dende aquela primeira xeración que irrompeu no Val Miñor e que lle valeu o alcume de Os Terribles. O actual quinteto de música tradicional vén presentar o seu novo disco "Alcoucer", que é o barrio onde viviron os fundadores, un lugar que representa as raíces do grupo. Nel atopamos pezas inéditas do repertorio de Os Terribles, pezas novas ao estilo tradicional compostas polos tres músicos melódicos do grupo ou pezas de compositores como Henrique Otero, Ernesto Campos ou Xurxo Antúnez.

-Tanxedoras. Non son un grupo de música tradicional sen máis. Leni Pérez, María Silva e Margó Gayoso son tres mulleres cunha forza que é quen de conmover os corazóns máis duros e de facer bailar os pés menos propicios.

En Valladares presentarán o seu terceiro disco, "1952. Homenaxe a Alan Lomax", un tributo a este etnomusicólogo americano que chegou a terras galegas como parte do seu periplo vital polo mundo na procura de músicas de raíz. Tras remexer nos seus arquivos, Tanxedoras ofrece un crisol de ritmos e xeitos de cantar: os imposibles cantos a dúas oitavas de Corcubión, as encantadoras melodías do Canizo e a divertida peza recollida en Sobrado do Bispo.

Domingo 17

-Anxo Pintos e Begoña Riobó. Son recoñecidos músicos e benqueridos mestres de zanfona e arpa na E-Trad de Vigo. Berrogüetto e Carlos Núñez, respectivamente, foron grupos aos que pertenceron antes de botarse cos seus propios proxectos. Un virtuoso da zanfona e unha violinista que irradia vitalidade dentro e fora do escenario; uns renovadores da música da galega.

-Cans de palleiro. Dende a Terra de Ben Vivir (Bembrive) chega esta agrupación que naceu no 2008 das clases de gaita que imparte o seu director Carlos Crespo e que ofrece un repertorio tradicional galego con moito gusto e calidade.

Martes 19

-Gonzalo Caride Banda. É un cuarteto creado polo gaiteiro e artesán multiinstrumentista no que participan Inés Mouzo (percusión), Cristian Alcaraz (bouzuqui) e Samuel torre (violín). O seu repertorio está centrado no que será o vindeiro CD de Gonzalo Caride, "Ó sair prá romaría", onde fai unha pequena homenaxe aos gaiteiros Os Morenos de Lavadores, con temas tradicionais e composicións propias.

-Comando Curuxás. Un quinteto de música bailable tipo murga pero con arranxos modernos. Un compendio de músicos con percorrido: Sergio tocou en Tiruleque, Alberte Núñez é integrante de Dúbida Dúo, Pablo Pacior de Liño do Cuco, Miguel Axo Chino toca con Vaamonde Grupo e Pablo Pascual estivo en Marful.

Domingo 24

-Meiró. Grupo folk de recente creación no que participan a zanfonista Lucía Comesaña de Matamá, na percusión Chico Estévez e Fernando Vilariño, que representa a parte galega na emigración pois ven do folclore uruguaio, e Josele que ven dende terras compostelás. Moitos son os instrumentos que utilizan nesta revisión da música tradicional onde predominan os clarinetes.

-Tanto nos ten. Dende o fondo a ría de Vigo, da atalaia do Viso (Redondela) chega a música tradicional furtiva liderada polo regueifeiro Josinho da Teixeira. Acaban de gravar hai unhas semanas o seu novo disco que veñen presentar a Valladares.

Compartir el artículo

stats