Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O violín máis aló da música clásica

Un verán máis, a asociación Galicia Fiddle organiza un campamento musical na illa de San Simón para os cativos

O violín máis aló da música clásica

Instrumentos como o violín, a viola ou o violoncello son inconscientemente asociados á música culta. Porén, nada máis lonxe dunha realidade na que a música de raíz (tradicional, folk, bluegrass, xitana...) esténdese por todo o mundo coma un amplo eido de sons e ritmos saídos dunhas cordas libres e pouco dadas á cordas máis libres e nada dadas ao virtuosismo.

Para nomear ao violín utilizado polo mundo ´tradi´, utilízase internacionalmente o nome de fiddle. O instrumento é o mesmo, máis non a forma de interpretalo. "É o violín que se toca para a festa, para bailar. Por iso buscamos un son máis duro, completamente diferente ao máis limpo e exquisito do violín clásico. O fiddle tócase forte, con moitos adornos e moitas dobres cordas, para que se escoite en calquera sitio, por moito barullo que haxa", explica Alfonso Franco.

El foi un dos fundadores, en 2010, de Galicia Fiddle. Nacida arredor da Escola Municipal de Música Folk e Tradicional de Vigo (ETRAD) e do grupo Sondeseu, da asociación forman parte músicos como Anxo Pintos, Begoña Riobó ou Xosé Liz, responsábeis en gran parte do revival que vive o fiddle na música tradicional galega.

Galicia contou durante séculos cunha importante tradición violinística encarnada nos cegos cantores de coplas, quen co seu violín tanto acompañaban o relato das novidades máis cruentas como facían bailar a toda unha aldea. Coa creación da ONCE, este oficio foi aos poucos desaparecendo e con el a tradición do violín popular. Por sorte, quedaron gravacións en audio e vídeo do último dos violinistas tradicionais, Florencio dos Vilares, grazas ás cales coñecemos a súa maneira de interpretar a música tradicional.

Co xurdimento da música folk e a fundación de Sondeseu, onde por primeira vez varios violinistas folk tocaban xuntos, o instrumento comezou a coller pulo de novo. "Durante vintetantos anos, eramos só 5 os violinistas que tocabamos folk en Galicia. Agora hai moitísima xente, sobre todo en Vigo", apunta Franco.

"Queremos que saian os milleiros de violíns que permanecen agochados nos armarios", afirma o músico, para quen o obxectivo principal da asociación é precisamente promover o uso do violín máis aló dos conservatorios. "A do fiddle é unha música comunitaria, na que non hai ningún tipo de competitividade;_por iso, dende o principio xa se comeza a tocar co resto, porque do que se trata non é de buscar a perfección senón de facer gozar e bailar á xente".

San Simón Fiddle

Tras anos tendo de sede a súa casa nunha aldea preto de Pontevedra, dende abril deste ano a asociación conta cun local no Berbés onde ensaia a súa orquestra e no que se organizan diversos cursos ao longo do ano, incluída a Sementeira, una actividade de iniciación para rapaces de 3 a 6 anos que se celebrou o pasado mes de abril.

Pero quizais a súa proposta máis sobresaínte sexa o campamento de verán San Simón Fiddle, que celebra a súa sétima edición do 1 ao 8 de xullo, adicado desta vez ás músicas do mundo árabe.

Trátase dun campamento de verán dirixido a rapaces de 7 a 18 anos no que as clases de música van acompañadas de actividades de lecer como paseos en goleta para tocar pola ría, xogos populares, veladas de cine e un concerto de clausura no que participan todos os cativos.

Ademais das prazas reservadas para os nenos que xa saben tocar o violín, ofrécense dez prazas para aqueles que non teñan ningunha noción do instrumento. "Nós dámoslles un violín e ensinámoslles durante unha semana a facer cousiñas. Evidentemente non van volver sabendo tocar melodías, pero si a pasar o arco, facer golpes rítmicos, harmonías...", resume Franco.

Finalizado o campamento, a orquestra de Galicia Fiddle, creada hai dous anos, viaxará até Escocia, onde participará nun congreso internacional de fiddle en Edimburgo. "Na noite adicada a Galicia, tocaremos con grandes violinistas e cellistas do panorama internacional aos que xa coñecemos porque os invitamos a dar clase aquí algunha vez. Vai ser unha noite incríbel".

Compartir el artículo

stats