Entrevista | Miguel Calvo Marques Premio Literario Pinto e Maragota
«Na intimidade das familias nas que existe unha persoa queer pode haber múltiples violencias»
Xerais publicou este ano «As esquinas», a novela coa que o autor vigués gañou a quinta edición deste certame arredor da diversidade sexual e de xénero

O escritor vigués Miguel Calvo Marques. / Pedro Mina

Edicións Xerais publicou recentemente «As esquinas», a novela coa que Miguel Calvo Marques acadou o Premio Pinto e Maragota pola diversidade sexual e de xénero. Nado en Vigo, no ano 1985, está é a primeira incursión de Miguel Calvo no eido literario, posto que estudou Psicoloxía e actualmente forma parte do Equipo de Orientación Específico de Pontevedra, na especialidade de trastornos de conduta, ademais de ser membro da Xunta Coordinadora da Rede educativa de apoio LGBTIQ+ de Galicia.
-Como nace este debut en narrativa?
-Si, é o meu debut e eu agora case o vivo como un exorcismo persoal. Isto empezou a raíz dun proceso terapéutico, no que comecei a escribir ideas nada relacionadas co que finalmente é «As esquinas», e de aí xurdiu a motivación inicial de transformar o que estaba escribindo nunha novela. A escritura de «As esquinas» non foi dende logo terapéutica, porque conectei con moitas cousas similares que me aconteceron na miña experiencia vital, e si que o proceso creativo foi moi gozoso, pero tamén un pouco duro.
-Non é autoficción, mais hai unha serie de experiencias ou situacións na novela que permiten a calquera persoa que sufrira violencia de xénero, tamén violencia na contorna familiar, poder identificarse.
-Si, realmente «As esquinas» reflexiona sobre as consecuencias da violencia de xénero na relación dunha nai e un fillo, polo que penso que a calquera persoa que tivese experiencias similares pode resoarlle esta novela e sentirse identificado ou identificada. Tamén circunvala a historia a orientación sexual do protagonista masculino, do fillo, nunha contorna bastante homófoba. Aínda que non subliño moito esta parte da historia, si que é un contexto importante e tamén as persoas do colectivo poden sentirse identificadas, porque na intimidade das familias nas que existe unha persoa queer pode haber múltiples violencias, se cadra non tan extremas como as da novela, pero seguro que algún tipo porque é común en todas as familias queer, polo menos nas dos 90.
-Precisamente, o protagonista vai expoñendo unha serie de violencias e vai rachándose a medida que avanza a novela ese silencio que, en moitas ocasións, pode ser un cadaleito. Que importancia ten nomear esas violencias como autor ou como persoa do colectivo LGBTIQ+?
-O silencio, como ben dis, é unha das consecuencias directas da violencia de xénero, sobre todo o silencio entre a nai e o fillo. É un silencio que tampouco permite comunicar e falar sobre a orientación sexual e moitísimos outros aspectos, todo o que compón unha vida, e moi especialmente nos anos 90, cando a violencia de xénero e o colectivo aínda estaban moi silenciados. Para min, como persoa e como autor, a día de hoxe, aínda que non están silenciadas e falta moitísimo para, por un lado, erradicar a violencia de xénero e, por outro, converter o mundo en máis queer, é moi importante seguir visibilizando e contando historias de persoas gays, lesbianas, trans, intersex e queer, nas que a súa orientación sexual non sexa o centro da historia, senón sinxelamente persoas do colectivo que habitan a súa vida e ás que lles pasan cousas. Despois, un dos meus obxectivos ao escribir «As esquinas» era que o protagonista non tivese unha homofobia interiorizada nin que a obra «fose de saír do armario», simplemente que o protagonista fose un home gay ao que lle pasan cousas.

Miguel Calvo Marques. / Pedro Mina
-Mais a loita pola identidade marca tamén moito a novela, que resulta moi acaída nos tempos que vivimos e nos que se rexistran agresións, por desgraza bastante a miúdo, xunto con discursos reaccionarios.
-Si, o relato social que estamos vivindo agora mesmo mete un pouco de medo. Eu, que non me considero nin positivo nin negativo e que vivo nunha burbulla moi cómoda, sendo tamén consciente do que hai fóra, penso que armarse de comunidade e crear lazos con persoas queer, que non teñen por que ser queer, pero si cunha mirada e cunha perspectiva política queer, penso que é o que nos fará máis fortes para loitar o que teñamos que loitar. Crear comunidade pode ser unha solución inmediata a este relato conservador e retrógrado que parece que é no que estamos entrando.
-Outro tema moi presente está relacionado coa depresión e as doenzas mentais. Resulta moi chamativa a relación do protagonista coas esquinas, como chegou aí?
-Iso é unha influencia do diario, porque traballo con adolescentes que están en risco suicida ou que se autolesionan. O das esquinas é se cadra unha licencia literaria, non recordo ben como chegou esa idea a min, pero si que me parecía bastante novelesco que o personaxe se puidese autolesionar con todas as cousas que teñen esquinas, que son moitas, e que tamén é algo que resulta abrumador para o personaxe, que comeza a novela querendo abandonar esa práctica, pero claro, as esquinas sempre están aí. O tema da saúde mental, a depresión, que tamén é outra consecuencia directa da violencia de xénero, tanto para a nai como para o fillo, si que vén do meu ámbito profesional.
-Como foi recibir o premio e que supón sumar o seu nome á listaxe de gañadores do Pinto e Maragota?
-Agora si que o teño máis asimilado, porque como eu veño dun campo profesional que non é o literario, non esperaba o premio, polo que o estou vivindo con moitísima felicidade e, ao mesmo tempo, con moitísimo temor polo impacto emocional que podería supoñer para o meu círculo próximo a lectura de «As esquinas», que é bastante dura e crúa. Todas as presentacións e coloquios, estounos gozando moitísimo porque outra das cousas moi positivas desta experiencia é que estou coñecendo a persoas que forman parte do ámbito literario, que non coñecía e que doutra maneira non tería coñecido, e está resultándome reconfortante e estimulante. Por outra banda, resulta bastante abrumador que a primeira gañadora deste premio fose María Reimóndez, polo que estar na listaxe dá vertixe, pero faime moitísima ilusión porque é un premio no que está Eva Mejuto, amiga, e porque é un premio vencellado á diversidade e liberdade sexual e de xénero.
-Agora que abriu a veda no eido literario, continuará?
-Pois estou escribindo agora, si. Agora como estou de vacacións, o mellor lugar para facer cousas humanas como pasear, ir á praia, non facer nada, de súpeto neses momentos as ideas cáenme e estou aproveitando estes días de descanso para escribir algunha idea e aproveitarei este impulso creativo. Estou configurando algo, si.
Suscríbete para seguir leyendo
- El convento de Vilavella vuelve a la vida: GBC Hoteles invierte casi 10 millones para convertir el edificio del siglo XVI en un complejo hotelero con spa
- Detenido un conductor de madrugada por saltar por las escaleras de Joaquín Loriga en una persecución policial
- Evacúan de madrugada a un vigués de un velero fondeado en Arneles en la ría de Aldán
- Volotea cancela la venta de 32 rutas para este invierno
- El germen de un icono futbolístico y urbanístico de Vigo
- Lalín dijo sí a sus dos primeras novias
- Evacuado un marinero por un accidente a bordo de un palangrero a 15 millas al oeste de las Cíes
- El calor se ceba con Cíes y Ons: cinco urgencias atendidas en menos de media hora en el Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia