Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Artes escénicas

A compañía viguesa da ONCE, Setestrelo, conquista ao público no Festival Internacional de Teatro Amateur de Girona

A agrupación artística, de tan só tres anos de vida, foi escollida entre numerosas propostas a nivel internacional para participar na 26ª edición do FITAG. A obra que interpretaron foi unha adaptación en galego da inacabada «Comedia sen título», de Lorca, reivindicando o achegamento do teatro ao pobo

A agrupación de teatro Sestrelo tras finalizar a súa función no FITAG, en Girona.

A agrupación de teatro Sestrelo tras finalizar a súa función no FITAG, en Girona. / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Carolina Sertal

Carolina Sertal

Vigo

De camiño a Caldas de Malavella, tras pechar «dous bolos» cun importante éxito de público e antes de baixar o pano coa derradeira función que tiñan programada onte en Girona, os integrantes da agrupación artística de teatro da ONCE en Vigo, Setestrelo, non podían estar máis emocionados e ilusionados coa que constitúe a súa primeira grande experiencia en «palcos» fóra de Galicia. E non é para menos, posto que a compañía viguesa, con tan só tres anos de vida, foi unha das escollidas entre diversas propostas a nivel mundial para participar na 26ª edición do Festival Internacional de Teatro Amateur de Girona (FITAG), un evento impulsado pola Deputación de Girona co obxectivo de exhibir unha mostra de agrupacións teatrais procedentes doutras rexións de España e de ámbito internacional favorecendo así un punto de encontro para os amantes das artes escénicas ao mesmo tempo que se establecen vínculos para crear un circuíto cultural que transcende fronteiras.

Sobre a oportunidade de representar unha peza de teatro ante público e profesionais do sector no FITAG, a directora da compañía viguesa, Mónica Sueiro, conta que «foi unha das integrantes, que precisamente é de Girona e coñece o FITAG, a que propuxo que intentaramos participar no festival, polo que decidimos enviar a obra que estamos xirando este ano, enviamos o vídeo e ao director encantoulle a nosa proposta, así foi que nos escolleu entre un montón de proxectos de todas partes para participar no FITAG, o cal é un orgullo porque ademais só levamos tres anos». E é que Setestrelo, segundo apunta Sueiro, iniciou a súa traxectoria como un obradoiro, ao igual que todas as agrupacións artísticas da ONCE, até que finalmente decidiron dar o salto e constituírse como compañía para poder levar o seu traballo e o seu talento aos escenarios.

Un intre durante a representación da función de Setestrelo en Girona.

Un intre durante a representación da función de Setestrelo en Girona. / Cedida

A obra que lle valeu a esta compañía viguesa, integrada por oito persoas afiliadas á ONCE -cinco cegas e tres con restos de visión, ademais de catro persoas externas á entidade-, ser seleccionada no Festival Internacional de Teatro Amateur de Girona e que interpretaron durante tres días consecutivos no evento foi a inacabada «Comedia sen título», de Federico García Lorca, cando se cumpren 90 anos do seu asasinato a mans das tropas franquistas. E outro motivo de orgullo para Setestrelo foi ter a posibilidade de representar a adaptación desta peza en galego en dúas das tres funcións do festival, precisamente, a petición da mesma organización da cita de teatro amateur.

Así, Mónica Sueiro comentou que «a primeira actuación foi o xoves en Sant Gregori e o grupo de teatro que nos acolleu díxonos que, por favor, fixeramos a obra en galego, porque se veñen grupos ucranianos ou británicos co seu idioma, pois o galego tamén tiña que estar, xa que entenden que hai que promover e defender as linguas minorizadas do país. E, claro, nós encantados e encantadas. Tanto o xoves como o venres, que participamos dentro do propio festival xa nun teatro en Girona, actuamos en galego e a compañeira que é de aquí tamén fixo algúns pequenos parlamentos do seu personaxe en catalán».

A compañía viguesa da ONCE tras finalizar a función en Girona.

A compañía viguesa da ONCE tras finalizar unha función en Girona. / Cedida

Sobre a «Comedia sen título», Mónica Sueiro apunta que nesta obra inacabada de Lorca «atopamos unha reflexión do que el considera que debe ser o teatro, máis alá das clases burguesas que poden pagalo. El fai unha reflexión en contra do teatro burgués, por non contar a verdade do que acontece no mundo, arremete contra a súa hipocrisía e defende que se achegue o teatro ao pobo, porque é a súa escola e ten que ser de todas e de todos». E con respecto á súa representación en escenarios como os do FITAG, a directora da compañía viguesa sinala que «unha das cousas máis importantes para nós e para a ONCE é que a nosa agrupación se mova polos mesmos circuítos que o resto de grupos de teatro, e iso é o que fai Setestrelo, actuar en espazos que non son exclusivos para persoas con discapacidade».

Tras o seu paso polo FITAG, Setestrelo continuará co percorrido da «Comedia sen título» en Galicia con paradas na Coruña, o vindeiro 11 de setembro, para logo pechar xira o día 18 en Vigo, tras ser convidados por segundo ano pola organización do Revoltallo a ter presenza no festival que celebran na parroquia de Valadares. Mais a compañía viguesa non estará moito tempo fóra das táboas, pois xa preparan nova obra que estrearán o vindeiro 4 de novembro no Auditorio Municipal de Vigo, onde o público poderá gozar dunha adaptación de «Turandot», de Bertolt Brecht.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents