Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Patrimonio cultural inmaterial

Preservar a sabedoría téxtil de Galicia: o liño como nexo comunitario

Co obxectivo de investigar, valorizar, divulgar e catalogar os coñecementos tradicionais arredor dos procesos do tecido e da obtención de fibras tanto do liño como da la, naceu a Comunidade Téxtil do Umia. O pasado mes de abril levaron a cabo a primeira sementeira de liño en Cuntis e o vindeiro mes de setembro darán paso á maza

A prioridade é xerar comunidade ao mesmo tempo que preservan a sabedoría que gardaron as mulleres sobre unha tradición con forte arraigamento en Galicia e que en moitas zonas acabou desaparecendo

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Carolina Sertal

Carolina Sertal

Vigo

«Sabes canto coñecemento tiña que ter unha muller ou un grupo de mulleres para sacar adiante unha tea? É que son coñecementos matemáticos, físicos, biolóxicos, ademais dunha serie de variables enorme. Durante o século XVIII os teceláns eran principalmente homes, pero despois pasou ao eido doméstico e foron as mulleres quen se ocuparon; todo o coñecemento acumulado até hoxe nun 98% ou nun 99% é grazas ás mulleres. No caso do liño, os homes tamén colaboraban en procesos como a sementeira, pero en todo o relacionado co procesamento das fibras foron elas quen o preservaron. É algo impresionante e ademais moitas non sabían nin ler nin escribir, pero o seu nivel de coñecemento era incrible».

Esa sabedoría do patrimonio téxtil en Galicia á que fai referencia Manuel Otero López e que as mulleres transmitiron de xeración en xeración é o que hoxe fai posible que persoas coma el, un tecelán da época contemporánea, poidan impulsar iniciativas como a que xunto a Belén Pazos Touriño, Martiña Fernández de la Torre, José Andrés Barreiro Garrido e Manuel Rodríguez Calviño, está agromando na comarca do Umia. Co obxectivo de investigar, valorizar, recuperar, divulgar e catalogar os coñecementos tradicionais arredor dos procesos do tecido e da obtención de fibras tanto do liño como da la, hai algo máis dun ano este grupo de veciñas empezou a bosquexar a que denominaron Comunidade Téxtil do Umia (CTU), unha proposta cuxa prioridade é favorecer a colectividade tendo como eixe vertebrador o liño ao mesmo tempo que preservan os coñecementos dunha tradición con forte arraigamento en Galicia e que en moitas zonas acabou desaparecendo, tal e como aconteceu nesta contorna.

Se ben a idea do proxecto xa foi xestada o ano pasado, foi realmente neste 2026 que a CTU iniciou a actividade conxunta como tal, pois o pasado mes de abril levaron a cabo a que foi a súa primeira sementeira de liño en Cuntis e o vindeiro mes de setembro, en apenas tres semanas, darán paso á maza. Manuel Otero López conta que «os cinco temos claro que a aprendizaxe en común e compartir o coñecemento, como se fixo sempre, é un valor moi importante para nós. Sementamos en Castrolandín, na casa da nai de Belén, e foi unha actividade que xerou moita comunidade porque houbo persoas que empezaron a ir velo, foi sumándose xente e tamén persoas maiores que gardan na memoria ese proceso de tratamento».

Neste senso, Otero indica que «o liño sementouse sempre en toda Galicia, era unha planta que se aproveitaba en toda a comunidade, pero nesta zona perdeuse hai moito tempo, de feito, a nai de Belén, Esther, que ten 93 anos, e María Vontade, outra veciña que estivo con nós, tamén duns 90 anos, lembraban velo. María aínda traballou de nova o liño, pero Esther xa non o traballou directamente, senón que lembraba ser unha nena e ver o proceso xa dos seus avós. É por isto que poder crear toda esta comunidade arredor dunha planta, está resultando moi gratificante».

Paso a paso, de xeito tradicional

Moitos pasos e, algúns, «bastante duros» polo esforzo físico que require. O cultivo de liño que a Comunidade Téxtil do Umia está emprendendo está desenvolvéndose de xeito totalmente tradicional porque, precisamente, é de interese da agrupación o achegamento fiel a este patrimonio cultural inmaterial de Galicia con fins de dinamización e investigación, de tal maneira que «todo ese coñecemento quede dispoñible para a xente que nun futuro queira empregalo, para nós esta é a prioridade, e mesmo o impulsamos coa idea da creación dun centro de interpretación téxtil de Galicia e así entregalo con acceso libre a el», explica Manuel Otero, que engade: «Nós levamos tempo investigando, sempre visitamos tecedoras e nunca ninguén se negou a contarnos como eran os procesos. Recibimos un coñecemento de todo un pobo e queremos que a xente que o necesite ou teña interese poida ter acceso a el».

É por isto que, facendo gala da mesma xenerosidade que demostraron con eles moi especialmente esas mulleres gardiás da memoria téxtil galega, Manuel Otero conta como están vivindo esta primeira experiencia da CTU de sementar o seu propio liño e como será todo o procedemento até obter as marañas de fíos que lles permitirán reproducir produtos que antigamente se tecían para os fogares galegos ou pezas para o traxe tradicional. A este respecto, este integrante da Comunidade Téxtil do Umia sinala que «existen dúas variedades, unha que se sementa en abril e outra en novembro. Nós sementamos en abril e ao principio hai que estar pendentes de arrancar as malas herbas e, sobre todo, de regar moito durante tres meses, porque necesita moita auga. Unha vez que empeza a poñerse amarela e a madurar a semente, arríncase, sácase a semente e póñense en feixes para levar até o río, onde ten que estar uns 9 días».

En relación a estes procesos que xa puideron experimentar de primeira man, Manuel Otero comenta que «a planta ten entre a casca e o tronco unha especie de pegamento natural e o que fai o río é que a auga disolve ese pegamento. Logo toca poñelo a secar e recóllese até que se maza». A maza é precisamente a vindeira etapa que completarán proximamente para, logo de romper a casca cuns mazos de madeira, retirar cunha «espadiña de madeira pegada a un espadeleiro as cascas que quedaron. Unha vez limpo, hai que separar as dúas cavidades principais do liño: a estopa, que é a máis brava, e o lenzo, que é a máis fina. Despois xa se fía, fanse as marañas, branquéase, lávase, ponse ao sol e xa está listo para tecer», conclúe.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents