Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Patrimonio cultural

A simboloxía que agochan os hórreos galegos

Rosetas hexapétalas, esvastiformes e outros símbolos astrais, así como cruces ou pináculos de formas cónicas ou redondeadas. O antropólogo Rafael Quintía achega o significado e a evolución destes elementos das tradicionais construcións que salpican a paisaxe galega

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Carolina Sertal

Carolina Sertal

Vigo

Erixidos historicamente como anexos aos fogares para o secado e a almacenaxe das colleitas e espallados por todo o territorio, os hórreos galegos son construcións que levan séculos conformando o patrimonio etnolóxico da comunidade. Con importantes distincións entre os situados nas zonas de costa e no interior, é moi habitual atopar nestes emblemas do patrimonio cultural inmaterial de Galicia diversos elementos que ou ben coroan os seus tellados ou ben configuran a ornamentación das portas ou dos laterais da construción. Lonxe de cumprir unha mera función estética, rosetas hexapétalas, esvastiformes e outros símbolos astrais, así como cruces ou pináculos de formas cónicas ou redondeadas, constitúen toda unha simboloxía que agocha diversos significados.

O antropólogo Rafael Quintía comeza sinalando que «é importante matizar que existen distintas tipoloxías, porque a diferencia dos asturianos, os nosos hórreos teñen un tellado a dúas augas e a decoración é diferente. Nos de interior, estes símbolos podemos atopalos nas propias labras das portas, nos respiradeiros, e moitos están tallados a diferenza da imaxe arquetípica dos hórreos que teñen estes elementos nos cumios do tellado». Segundo apunta o investigador, moitas destas representacións «teñen que ver en orixe coa protección», explicando que «o hórreo é unha construción anexa ao fogar e, antigamente, todo o relacionado co fogar tiña símbolos de protección: cornos, ferraduras ou cruces, entre outros, eran unha constante en todos os accesos, nas portas, nas ventás, nas cociñas, nos fornos, nos muíños... O hórreo era un almacén, polo que era propicio á protección, posto que do que gardaba no seu interior dependía a subsistencia da familia, posto que era o alimento, neste caso, o gran».

Rafael Quintía analiza que entre os elementos máis característicos que se poden contemplar nos hórreos galegos «moitos son símbolos de carácter cristiano, tales como cruces ou custodios, como cálices do corpo de Cristo, e mesmo pombas que representan o Espírito Santo. En realidade, estes non deixan de ser a evolución doutro tipo de elementos protectores que xa había nas casas e que tiñan unha orixe pagá».

Neste senso, o antropólogo engade que «en moitas casas é posible observar no pincho do tellado unha pedra cónica ou tamén un ovo de seixo branco, o cal está relacionado coa protección das tormentas e favorecer a bonanza na propia casa. Sabemos que os elementos que hoxe vemos de carácter máis cristiano, puramente estéticos, son a evolución deses amuletos, dos símbolos protectores, porque a ubicación é a mesma e vemos que onde antes había unha pedra de seixo que protexía da tormenta acaba facéndose un pináculo ou substituíndose por unha cruz. A lóxica é a mesma, malia que os símbolos van modíficándose e son a evolución deses seixos moi abundantes».

Rafael Quintía indica que «é moi interesante tamén a presenza constante das rosáceas hexapétalas, que temos xa en áreas grecorromanas, en áreas funerarias, que teñen ese carácter astral, vencellado co sol e coa protección, e que tamén é posible atopar en carros e na decoración dos arcóns de madeira. Nos hórreos son moi abundantes nos dinteis e nas labras, tanto en pedra como en madeira, e os esvastiformes tamén son moi frecuentes. Xunto cos símbolos de carácter cristiano, estes aparecen moito e tamén é interesante como se establece ese diálogo entre os antigos e os novos».

A este respecto, o antropólogo menciona que, a medida que pasa o tempo e a cidadanía esquece tanto os significados dos elementos como o por que da súa ubicación nos hórreos ou nos fogares, dá comezo unha colocación meramente «decorativa», dando lugar á aparición de construcións «que xa non teñen ese carácter protector, que veñen da evolución deses elementos cando se perde o seu significado, como un cazador e un raposo ou un raposo e unha galiña, entre outros. Tamén é frecuente atopar reloxos solares».

Por último, Rafael Quintía destaca que símbolos como as rosáceas hexapétalas ou os característicos trisqueis son milenarios, así mesmo, sobre os hórreos, o antropólogo fai referencia a que «os canastros como ese almacén de gran feito de mimbre, os graneiros redondos feitos en material vexetal, veñen xa do Neolítico. Cando os humanos se fan sedentarios, comezan a cultivar, precisan almacéns para o excedente, ben en silos, buratos en terra que se recubrían de barro e se tapaban cunha lousa, ou ben elevados para evitar a putrefacción e que accederan animais. Logo foron evolucionando e se fan en pedra, pero teño fotografado construcións semellantes ás galegas en Senegal, co cal son moi antigas», conclúe o experto.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents