Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Memoria histórica democrática

A escalada da violencia franquista en agosto do 36

Este 17 de agosto cúmprense 90 anos do asasinato dunha das figuras máis emblemáticas da defensa do nacionalismo galego, Alexandre Bóveda. Tras o golpe de Estado contra o Goberno constitucional da Segunda República, os franquistas iniciaron en agosto unha brutal represión que tinguiu de sangue e loito a toda Galicia

Homenaxe a Juana Capdevielle, primeira bibliotecaria nunha universidade española, asasinada o 18 de agosto en Galicia polos golpistas franquistas estando embarazada.

Homenaxe a Juana Capdevielle, primeira bibliotecaria nunha universidade española, asasinada o 18 de agosto en Galicia polos golpistas franquistas estando embarazada. / Nomes e Voces

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Carolina Sertal

Carolina Sertal

Vigo

O seu nome non só marcou na historia fitos fundamentais como a creación e o impulso do Partido Galeguista ou o proceso en favor do Estatuto de Autonomía de Galicia entre 1931 e 1936, senón que Alexandre Bóveda tamén é unha das figuras que, desgrazadamente, encarna a brutal represión que exerceron os falanxistas en Galicia tras o golpe de Estado contra o Goberno constitucional da Segunda República.

Coincidindo a data do asasinato do intelectual na Caeira por un pelotón de fusilamento franquista, hoxe conmemórase o Día da Galiza Mártir na súa memoria, mais arredor deste triste 90 aniversario, existen outros nomes e episodios estarrecedores que é posible rescatar grazas ao traballo de asociacións, proxectos de investigación como «Nomes e voces» ou xornalistas como Montse Fajardo, como mostra da escalada da violencia franquista en agosto do 36.

José Edreira Seoane.

José Edreira Seoane. / Estel Negre

José Edreira Seoane

Xunto co anarcosindicalista Antonio Maceiras Amor e con Antonio López, «O Vergueiro», José Edreira Seoane foi asasinado polos golpistas na Reborica, en Aranga. Realizaba o servizo militar na Mariña e a sublevación franquista colleuno de permiso na súa casa de Betanzos. Participou na resistencia contra o levantamento antidemocrático e, tras ser detido o 12 de agosto, foi «paseado» ao día seguinte. Posteriormente, foi xulgado por un tribunal militar franquista por «deserción».

Camilo Díaz Baliño.

Camilo Díaz Baliño. / FdV

Camilo Díaz Baliño

Xunto ao seu fillo, Isaac Díaz Pardo, deseñara e preparara boa parte dos carteis en favor do 'Si' na campaña a prol do Estatuto de Autonomía de Galicia, sendo o seu taller órgano de produción e difusión da causa. Para os franquistas, ese foi motivo suficiente para condenar a morte a un dos deseñadores de decorados máis importantes de Galicia no seu momento, o escenógrafo pintor e ilustrador Camilo Díaz Baliño. Logo de ser enviado a prisión, o ilustrador vencellado ás Irmandades da Fala e ao Seminario de Estudos Galegos foi asasinado na madrugada do 14 de agosto en Palas de Rei, aparecendo o seu corpo na beira dunha estrada xunto ao do doutor galeguista Sixto Aguirre.

Manuel Vales Fernández.

Manuel Vales Fernández. / Estel Negre

Manuel Vales Fernández

O seu cadáver foi achado por unha veciña días despois do seu asasinato o 15 de agosto na estrada de Curtis. O anarcosindicalista Manuel Vales Fernández foi outra das vítimas dos golpistas hai 90 anos, sendo «paseado» xunto con José «O Machacante» Rilo Garabal, de 24 anos de idade e pertencente tamén ao Sindicato de Profesiones Varias de Betanzos, vencellado a CNT. Nado en Betanzos a principios do século XX, Manuel Vales Fernández gañouse a vida traballando como xornaleiro e logo como camareiro nun quiosco de Betanzos. Militante do Sindicato de Oficios Varios da CNT, foi distribuidor e corresponsal da prensa obreira anarquista e a principios de 1933 organizou unha colecta para axudar ás vítimas da masacre de «Casas Viejas», revolta campesiña que foi violentamente reprimida polo Goberno da Segunda República. Tras o golpe de Estado franquista, foi detido xunto con José Rilo, levado a Teixeiro e, finalmente, executado na estrada de Curtis.

Juana Capdevielle asistindo a un desfile militar o 14 de abril de 1936.

Juana Capdevielle asistindo a un desfile militar o 14 de abril de 1936. / Nomes e Voces

Juana Capdevielle

Asasinada polos franquistas o mesmo día que Federico García Lorca, o 18 de agosto, outro episodio de crúa represión rubricado en Galicia polos golpistas foi a execución da primeira muller bibliotecaria nunha universidade española. Casada co Gobernador Civil da Coruña, Francisco Pérez Carballo, primeiro foi encarcerada polos sublevados, logo liberada e, finalmente, apresada pola Garda Civil no refuxio da casa do deputado de Esquerda Republicana Victorino Veiga, en Culleredo, para ser entregada a un escuadrón franquista. Apareceu nunha cuneta con sendos disparos en peito e cabeza, no monte da Gándara, preto de Rábade, en Lugo. Estaba embarazada do que ía ser o seu primeiro fillo.

María Vázquez, no centro, na escola de nenas da Pobra do Caramiñal no ano 1926.

María Vázquez, no centro, na escola de nenas da Pobra do Caramiñal no ano 1926. / Arquivo de Aurora Marco.

María Vázquez

«O que fixeron con ela foi un escarnio». Estas foron as palabras do enterrador sobre o destino que os franquistas reservaron para a renovadora pedagóxica e socialista María Vázquez, quen foi depurada e asasinada o 19 de agosto en Miño. Nada en Sober, María Vázquez non só foi unha mestra pioneira, senón que destacou pola súa relevante actividade político-sindical, pois logo de afiliarse ao PSOE, con cargos orgánicos na agrupación de Pontedeume e sendo cofundadora do PSOE en Miño, algo insólito daquela, foi a primeira muller que deu mitins na zona de afirmación republicana, socialista e agraria. A investigadora Aurora Marco logrou entrevistar a unha muller de 90 anos que dá conta da versión da veciñanza que lembra que a violaron, a vexaron e mesmo que lle cortaron os peitos antes de ser fusilada.

Ánxel Casal

Ánxel Casal / FdV

Ánxel Casal

Foi o grande editor as Irmandades da Fala, da Xeneración Nós e do Seminario de Estudos Galegos. Militante activo das Irmandades da Fala, da Organización Galega Autónoma (ORGFA) e do Partido Galeguista, logo do triunfo da Fronte Popular, tomou posesión como alcalde de Santiago de Compostela a principios de 1936. Meses despois, tras a sublevación militar, os franquistas ocupáronse de deixar orfa á estrutura editorial e á cultura galega ao arrebatarlle a vida ao pioneiro editor, pois tras a súa detención foi executado nunha curva de Cacheiras, preto do cemiterio de Teo.

José Nores Rodríguez, de 16 anos, un dos 11 de Anguieiro.

José Nores Rodríguez, de 16 anos, un dos 11 de Anguieiro. / Nomes e Voces

Os 11 de Anguieiro

Veciños de Cangas de entre 16 e 46 anos de idade, Eugenio Bastos Fernández, Antonio Blanco Rodal, Guillermo Fernández Fernández, Antonio Ferreiro Núñez, Estanislao Ferreiro Núñez, Daniel González Graña, Alejandro Martínez Pazó, José Martínez Pazó, José Nores Rodríguez, Normandino Núñez Martínez e Secundino Ruibal Villar son os nomes dos mártires de Anguieiro. Detidos polos falanxistas foron asasinados o 28 de agosto e fondeados na ría de Vigo.

Rosario Hernández, 'A Calesa'.

Rosario Hernández, 'A Calesa'. / FdV

Rosario Hernández, «A Calesa»

Se ben o seu asasinato tivo lugar os primeiros días de setembro do 36, a barbarie que os franquistas perpetraron na cidade de Vigo sobre Rosario Hernández, «A Calesa», é imposible de excluír. Apenas tiña 20 anos cando lle cortaron os peitos, logo de ser secuestrada e detida polos fascistas tras a sublevación golpista. No cuartel da Falanxe, en María Berdiales, foi violada e torturada toda a noite, para logo ser atada a unha prancha de aceiro e ser fondeada nas Cíes. Afiliada ao sindicato UXT, «A Calesa» era a única muller que repartía a prensa na rúa Príncipe e todos os primeiros de maio lucía orgullosa as súas camisas vermellas polas rúas da cidade.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents