Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Nuria Vil Premio de Poesía Erótica Illas Sisargas

«Dentro do imaxinario sáfico e bisexual, non temos onde mirarnos, é algo que se borra consciente e constantemente»

«Desobediensia» é o poemario co que Nuria Vil acadou o XX Premio de Poesía Erótica Illas Sisargas e que xa está dispoñible en librarías

Nuria Vil.

Nuria Vil. / Ricardo Lede

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Carolina Sertal

Carolina Sertal

Vigo

«Nós non saímos nos anunsios da tele/ nin nas telenovelas da tarde/ todo o que temos é un exersisio de arquitectura invisíbel/ un colocar o dedo sobre a evidensia e nomeala/ un sinalar: / son noivas/ non amighas». Escribe así a poeta non binaria Nurial Vil en «Desobediensia», o poemario co que acadou o XX Premio de Poesía Erótica Illas Sisargas, que xa está dispoñible en librarías e que presentará en distintas cidades galegas durante o vindeiro mes de setembro.

-Como nace «Desobediensia»?

-Xorde de varios poemas que eu xa tiña escrito e que falaban sobre todo da paisaxe. A min gústame moito inspirarme en fotografías, películas, que é o que me atravesa máis o imaxinario, e cadrou que Iria Silvosa estaba gravando a curta de «A Pena» mentres eu escribía o poemario, polo que eu recibía moita información sobre pedras, sobre conxuntos megalíticos, sobre as penas que hai na Terra Chá, as abaladoiras, as lendas que hai arredor delas. No intre de enviar o poemario ao premio, pedinlle varios fotogramas e escribín varios textos para eles e outros eran algúns que xa tiña e que falan de desexo, corpo, paisaxe. O que máis me tiraba era escribir sobre a xenealoxía borrada do colectivo; dentro do imaxinario sáfico e bisexual, non temos onde mirarnos, é algo que se borra consciente e constantemente, polo que todo o tempo é un exercicio de mirar para atrás e non ter textos nos que recoñecernos. Agora hai máis películas, unha conciencia máis de creación, estamos creando persoas do colectivo e xa non hai tanto o síndrome da lesbiana morta ou o de ser unha persoa transexual e que vaia pasar algo malo, entón a min turrábame moito iso, quería facer unha 'cursilada', e que fose un libro que leas e que non quede unha mala sensación: pode nomearse violencia, pode nomearse xustiza social, pero debaixo de todo iso está unha ollada máis tenra, máis cursi.

-Está moi presente a terra, pero tamén a denuncia social, a perspectiva queer... Nun momento di que quere «escribir un poema que non sexa político», pero inmediatamente na páxina seguinte ofrece «un día de boicot na autopista, unha mobilisasión multitudinaria que colapse ‘rande’».

-Si, algo que se empezou a dicir creo que na década dos 60 é que a poesía social ten menos calidade literaria, é algo que eu escoitei en moitas ocasións dirixido cara min como unha forma de intentar desprestixiar o que recito, sobre todo, porque a meirande parte da miña obra non pasa á escrita e queda na oralidade, e a oralidade segue sen ter o mesmo prestixio que a escrita. E logo ao tratar temáticas sociais sempre se repite que non ten calidade literaria, que para que algo teña calidade literaria que non pode ser, como se di de forma negativa, un ‘planfleto’ político, por así dicilo. Creo que hai moitas persoas escribindo dende perspectivas moito máis fascistas, dende a homofobia, dende a misoxinia, e iso tamén é política e non se castiga. A quen temos unha perspectiva de intentar desfacer iso, de ofrecer unha ollada crítica, de intentar ser coherentes, sempre se nos acusa de que non vai ter a mesma calidade ou que estamos facendo un ‘planfleto’ político, o cal me parece absurdo.

-E cando o fan as mulleres, é peor, pesa máis.

-Si. Eu identifícome como persoa non binaria, pero creo que se trasladan as mesmas violencias, ou unha capa máis, de maneira que a existencia dubídase, pero as violencias son as mesmas compartidas. A violencia de xénero actívase da mesma maneira, entón, despretíxiase, efectivamente. A meirande parte da xente aínda me identifica como muller e si que é absurdo dicir: 'Non existe, trátanme igual que un home'. Ás mulleres e ás identidades disidentes non nos tratan igual cós homes, eu seino, non se recibe da mesma maneira, non teño as mesmas oportunidades, infantilízasme constantemente... Hai uns estereotipos que funcionan ao saír de calquera norma, as normas están para afogar, e o que se fai é castigar e dar castigos exemplarizantes, e eu creo que recibín bastantes de forma pública. Creo que tanto a miña obra como a miña forma de poesía, arte en xeral, si que recibiu bastante castigo exemplarizante.

-Volvendo a «Desobediensia», que marca a diferenza con respecto a outras pezas escritas ou orais?

-En «Desobediencia», na escrita eu reflicto o seseo e a gheada, que é algo que antes non fixen nos meus relatos e poemas. Creo que tamén hai unha escrita divertida. É verdade que nalgunhas das miñas performance ou nalgunhas das miñas pezas falo moito da violencia, creo moito dende a rabia, dende facer que o público reaccione á violencia, porque moitas veces non o facemos, e creo que este libro é o contrario, é un resistir nese caldo de cultivo de violencias, de lgbtifobia, de racismo, de clasismo na crise de vivenda… A idea de desobedecer para min é esa, en xeral as normas que nos fan cumprir pasan por gardar silencio ante diferentes violencias e para min desobedecer era iso, desobedecer o xénero, o pacto da cisheterosexualidade.

-Que supuxo ter acadado o Illas Sisargas?

-O premio facíame ilusión gañalo, porque aínda que levo varios anos interesándome por reformular a erótica, tamén por ofrecerme a min mesme cousas que ler, porque ás veces non as temos, creo que é o único premio que existe de poesía erótica, polo que gañalo fíxome moitísima ilusión.

-E deixando un pouso de resistencia.

-Si, a min interesábame moito alimentar ese imaxinario, sobre todo dende o bisexual e o sáfico. Durante o poemario menciónanse uns versos de Emily Dickinson, entre outras referencias, e en moitas ocasión fálase da obra de Emily Dickinson e non se menciona que lle gustaban as mulleres, elimínase das traducións, é unha historia borrada. A medida que pasan os anos de vida vou sendo máis consciente dese borrado, vou descubrindo máis historias e querendo que iso quede rexistrado, porque o mesmo que pasou con outras autoras pasará comigo e seguirá pasando con persoas que teño arredor. Hai unha presión tamén da sociedade con como temos que vivir a nosa vida, entón, dar unha alternativa creo que é o mínimo que podemos facer.

-Como valora a escena actual en Galicia?

-Creo que non hai un circuíto que poida soster o noso traballo. Agora mesmo estou centrade en conseguir orzamento para unha peza máis grande, unha peza escénica, o cal pode tardar dous anos... Estou centrade nisto, pero agora mesmo creo que non hai un circuíto que nos programe, que nos respecte os cachés. Sempre se di que o mundo da música está mal, pois ao lado do mundo da música, o da poesía escénica, oralidade, performance, artes vivas, está peor. É que non hai onde programar.

-Non hai espazos nin vontade, entendo.

-Si que creo que hai vontade, porque hai moitas persoas con espazos pequenos que queren programar, que preguntan, que queren facer ciclos pequenos. Si que é verdade que hai moita cultura do underground que aguanta, pero o que non hai é un tecido que poida soster ás persoas profesionalizadas. Unha vez que nos profesionalizamos, a realidade é que non hai onde facer o noso traballo.

-Como foi o seu achegamento á poesía e cal foi o momento no que se decidiu a apostar por ela?

-Sempre fun un pouco cu inquedo e recordo que estando na facultade en Vigo, eu estudei un Grao de estudos galego-español, había unha asociación de dinamización lingüística que se chamaba Trabalingua e da que eu formaba parte, e empezamos a facer micros abertos. Neses micros abertos empecei a ler contos, a contar historias e penso que aí empecei a recitar. O momento de profesionalizalo foi un pouco inconsciente nun comezo, pero empezaron a ofrecernos ir a diferentes espazos e no momento no que queres acceder a festivais grandes sempre necesitas estar de alta na Seguridade Social e claro, o ideal sería que os festivais nos contraten. Durante un tempo loitei moito, contratábanme, cobraba moi pouco, pero chegou un momento no que pensei que tiña que darme de alta como autónoma para poder profesionalizar isto de todo, ter un caché e tamén cotizar e convertelo nun traballo, que era ao que dedicaba máis tempo.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents