Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Arte

Pezas de deseño a partir de boias que cuspe o mar

Laura Boor é unha artista de Oza-Cesuras que, ademais de grandes debuxos fotorrealistas, elabora pequenas pezas de arte a partir de boias recuperadas das praias galegas. O que deu comezo como unha exploración plástica persoal acabou transformándose nun proxecto de arte independente ao que se dedica exclusivamente na actualidade

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Carolina Sertal

Carolina Sertal

Vigo

Conta que, xa dende ben cativa, sempre gozou de crear artisticamente con todo tipo de materiais e texturas. Co paso do tempo, a súa imaxinación, creatividade e necesidade de producir coas mans confluíron coa súa formación profesional en Educación Social e, logo de especializarse en Sostibilidade e Innovación, a súa ollada xa non volveu ser a mesma cando a dirixía cara o medio natural que a rodeaba. E é que a Laura Calvo, coñecida como Laura Boor no eido artístico, lle mudou a mirada a súa experiencia laboral en educación ambiental e tratando a problemática do lixo mariño, de maneira que cada vez que paseaba polas praias non podía evitar fixarse naqueles elementos artificiais que cuspía o mar. Se ben non deixaban de ser residuos, esta creadora natural de Oza-Cesuras achou un material «moi interesante» para a súa exploración plástica persoal: as boias.

Foi así que Laura Boor empezou a intervir sobre restos do sector pesqueiro que remataban nos areais galegos, inicialmente, como pezas artísticas para si mesma ao mesmo tempo que contribuía coa súa recollida a coidar o medio natural. A irrupción da pandemia do COVID en 2020 atopouna en Finlandia e supuxo para ela un punto de inflexión pois, xunto coa súa irmá Inés, apostou por iniciar un proxecto artístico de debuxo para despregar esa vea creativa que ambas compartían: «Comezamos a subir a Instagram os nosos debuxos, ao principio sen ningunha intención comercial, pero foron gustando e foi a máis. Así naceu Boor e hoxe é un proxecto de arte independente ao que xa me estou dedicando eu soa en exclusiva dende finais do ano pasado, aproximadamente», indica Laura Boor.

Se ben as boias recuperadas do mar non son as únicas pezas que a artista deseña na actualidade, xa que tamén compón grandes debuxos fotorrealistas, si que centran boa parte do seu proxecto e dos seus valores. Neste senso, Laura Boor explica que «comecei a pintar as miñas primeiras boias por gusto, acompañando ese proceso de todo o meu traballo en educación ambiental, e a medida que avanzaba pensei que esta era unha forma de chegar a outros públicos e falar do lixo mariño. Por iso sigo pintando boias, aínda que o proxecto agora evolucionou moito e na actualidade fago exposicións, cursos, talleres e debuxos en papel».

Deseños de Laura Boor nas boias recuperadas do mar.

Deseños de Laura Boor nas boias recuperadas do mar. / Cedida

Laura Boor sinala que «é verdade que ao principio iniciei a recollida por querer actuar dalgún xeito e facer pensar á sociedade sobre por que realmente pinto estes materiais. O 100% das miñas boias son rescatadas de praias galegas e ao principio eran recuperadas pola miña propia familia e por mi mesma, pero é que agora hai xente que as recolle a partir de ver o que eu fago e ou ben me escriben para amosarme o que fixeron con elas ou ben mas dan para que as pinte. A idea é dignificar o material, o plástico, que o problema é como o estamos empregando, e así dignificar tamén a súa función».

Recollida e proceso

Principalmente procedente de areais da provincia da Coruña, por proximidade ao seu lugar de residencia, esta artista comenta que adquire estes «lenzos» tan particulares durante os meses de inverno, pois detalla que «é sobre todo nesa época na que moitas quedan varadas e como non hai limpeza mecánica nas praias nin tanta xente é bastante común que aparezan, sobre todo as que teñen forma de dónut. Hai praias e zonas de costa nas que son máis propensas a quedar aí e tamén entre as pedras, porque quedan enganchadas cando sube a marea e non as leva cando baixa. Sobre todo, recollemos un montón en inverno porque hai moito mar de fondo, temporais, e tamén se rompen máis redes».

Con respecto ao proceso, Laura Boor menciona que, tras a recollida, «o que fago é lavalas ben, porque moitas traen falso percebe, algas e lixo, e tamén veñen golpeadas de tantas embestidas contra as pedras. Hai unha primeira parte na que o que fago é lixalas e logo botarlle unha imprimación para que logo se fixe ben a pintura. A partir de aí, xa comezo a pintar e para os debuxos o que emprego é a técnica do puntillismo. Normalmente eu debuxo as miñas coleccións, pero tamén hai xente que me escribe para facer encargos personalizados».

Máis alá da súa intervención artística sobre estes residuos que atopa nos areais, o certo é que o proxecto de Laura Boor tamén ten un impacto positivo no medio natural e, cando se lle pregunta sobre medidas para reducir a contaminación nos espazos mariños, a artista galega fai referencia a que «é un tema tan amplo, diverso e complexo que reducilo a un consello xeral non ten sentido. A miña idea é que temos que considerar os residuos un fallo como sociedade e que todas as mentes nos poñamos a buscarlle solucións, dende políticas creativas, de deseño ou corporativas». A modo de exemplo, Laura Boor alude a estratexias como a redución das emisións do CO₂ na produción, promover outras formas de consumo, deseñando embalaxes que cumpran certas garantías e que xeren menos residuos, facilitando a reciclaxe ou retirando o lixo e non deixalo no chan logo dun evento, entre «un longuísimo etcétera».

Con respecto ao resto do seu traballo artístico, Laura Boor expón que, a diferencia da técnica que emprega nas ilustracións das boias, nos outros debuxos recorre a garabatos para as composicións e apunta que «son moitísimas horas de traballo porque son debuxos de gran formato». O obxectivo desta creadora galega é poder dedicarse en exclusiva ao seu proxecto artístico, un camiño que deu comezo a tempo completo este mesmo ano e, para celebrar a decisión, durante case dous meses, até o pasado xullo, realizou unha exposición titulada «Festa» nun espazo da rúa Real, na Coruña: «Foi ese inicio de celebrar que me vou dedicar a isto logo de 29 anos, porque é o que se me dá ben e co que desfruto», conclúe.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents