Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

In memoriam

Víctor Coyote, amigo raiano e alma indómita

A cantautora Uxía Senlle lembra ao seu amigo, cantante e creador, falecido onte aos 68 anos en Segovia

Uxía Senlle e Víctor Coyote no mes de maio no Círculo Recrativo Cultural do Porriño

Uxía Senlle e Víctor Coyote no mes de maio no Círculo Recrativo Cultural do Porriño / FdV

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

Uxía Senlle

Víctor Aparicio Abundancia, «Víctor Coyote» de Tui, era un gran tipo e un amigo excepcional. Describir máis de catro décadas de amizade, cada vez máis fermosa e profunda, non é doado. Unha mesma alma raiana e unha maneira de mirar o mundo que sempre nos aproximou.

Rabudo, cascarrabias, lúcido, valente e visionario. Sempre foi un paso por diante. Mágoa que cousas así non sucedan en vida, traducidas en traballo, atención e recoñecemento. Cando es pioneiro no rock latino, tes unha mirada persoal e te moves sen ataduras, abrindo camiños que outros percorrerán despois, debería ser posible recoñecelo a tempo. Co recente recopilatorio El propio tivo, por fin, máis presenza nos medios.

Conversamos moito sobre mirar o mundo con liberdade, sobre a cultura popular, a identidade galega e ese sentimento raiano que nos unía. Faciámolo con humor e retranca, en apaixonados debates que parecían non ter fin. Botarei moitísimo de menos esas conversas. Tiña devoción polas mulleres fortes e rodeouse delas. Bendita paixón!

Quédame a memoria da ilusión coa que me contou o seu último proxecto, presentado en Tui arredor do Siñor Afranio, xunto a Pancho Álvarez e Pablo Novoa, produtor de De pueblo y de río, unha fermosura de traballo.

Algo do Siñor Afranio había tamén en Víctor: esa vontade de fuxir, transmutarse, habitar soños e quimeras para imaxinar un mundo mellor. América e Portugal estaban moi presentes na súa obra e na súa vida; coñecía profundamente as tradicións portuguesas e a concertina, á que dedicou un documental.

Víctor era un artista total: comiqueiro xenial, músico, escritor e cancionista; deseñador gráfico, cineasta, actor e pintor delicadísimo. Autor de portadas emblemáticas e de cartaces aos que imprimía o seu selo. Deseñou a portada das Baladas da Galiza Imaxinaria, que gravei con Narf, Estou vivindo no ceo e La Sal de La Vida. Compartimos discos, escenarios, o Xabarín Club, Jaguarundi.

Coidaba a posta en escena como parte esencial da creación. Lembro, na Illa de Arousa, unha exposición na Casiña da Comboa sobre os cons da illa, debuxados a carboncillo. Despois foi ao monte coller ramallos para a escenografía e creou un ambiente fermosísimo.

O icónico Coyote deixounos algunhas das páxinas máis brillantes do rock en español e tamén en galego: Pode ser no Xabarín Club, Vimos do monte e tantas outras colaboracións nas que participei encantada cada vez que me chamaba. Menino Víctor, botarei de menos o amigo rabudo, a túa xenerosidade sen límites, o teu humor, a túa resistencia ao éxito fácil e esa fidelidade absoluta ao teu camiño, persoal, indómito, libre e xenuíno.

A vida foiche inesperadamente roubada, montado nunha bici. Pero podería ter sido nunha piragua, atravesando as augas bravas do Miño; nun acantilado, contemplando a inmensidade; diante dun eclipse. Porque sempre estabas nese lugar onde a vida se fai máis intensa e fermosa. Mais o gran eclipse foi a túa desaparición.

Quedan eses cons da Illa, rochas fortes que desafían o paso do tempo e parecen sempre a piques de transformarse. Algo así eras ti.

Que tristeza, Víctor. Que enorme perda. Meu peito é como unha «táboa de tiro ao álvaro», non ten máis onde furar, como diría o grande Adoniran Barbosa. Unha aperta inmensa para toda a xente, amizades e familia que hoxe o chora. ?? E un bico moi especial a Valentina, Valo.

Malditos prazos traizoeiros!

Esta noite iremos bailar a Cumbia do Milagro polas comarcais, evitando autostradas, e navegaremos nun mar de sargazos, coa alma en pena, mais cun sorriso de medio lado de quen tivo a sorte de coñecerte e terte preto.

Tracking Pixel Contents