Música
O galego Manu Seoane conquista en Lorient o «Mundial» da gaita, o Trofeo MacCrimmon
Tras ser preseleccionado até en sete ocasións para representar a Galicia no concurso internacional para gaiteiros solistas máis prestixioso a nivel mundial, por fin á sétima foi a vencida para o galego Manu Seoane, quen con 27 anos de idade foi quen de proclamarse gañador no Festival Intercéltico de Lorient, en Francia

Manu Seoane co trofeo tras rematar o certame en Lorient, Francia. / Eva F. Prieto

Pensaba que sería quen de asimilalo logo de rematar o certame, pero nin sequera co trofeo xa colocado nos andeis da casa é capaz de «dixerir» que vén de conquistar o que el mesmo define como o «Mundial» da gaita, o Trofeo MacCrimmon. Tras ser preseleccionado até en sete ocasións para representar a Galicia no concurso para gaiteiros solistas máis prestixioso do mundo, o Festival Intercéltico de Lorient, en Francia, por fin á sétima foi a vencida para o galego Manu Seoane, quen este mes cumpriu un soño que confesa que leva perseguindo practicamente dende cativo, pois afirma que «todos os grandes gaiteiros que adoitan participar en certames pasan por aí».
Natural das Cruces, en Sobrado dos Monxes, aos seus 27 anos de idade Manu Seoane acaba de proclamarse gañador «do máximo galardón ao que se pode aspirar agora mesmo dentro do panorama de concursos en Galicia e en Asturias», asegura o gaiteiro, quen tamén fai fincapé na importante esixencia que require o dito certame, pois explica que «case botas media hora enriba do escenario ti só tocando repertorio galego, repertorio asturiano e repertorio bretón. Esta é de feito unha das partes que o fan tan interesante, porque te pon fóra de contexto, xa que en vez de competir dende a túa música, tes que aprender outro tipo de repertorios, de rexistros e de maneiras de tocar».
Neste senso, Manu Seoane indica que as composicións coas que logrou conquistar o «Mundial» da gaita foron, no caso do repertorio galego, o «Canto de Arrieiro», peza tradicional de Florencio dos Vilares e con arranxos de Daniel Fernández López, ademais da «Muiñeira de Pontesampaio» e unha Coda, con arranxos e autoría propios. Para o repertorio asturiano, o intérprete decantouse polo «Xiringüelu de Remis» e por «Xota Asturiana», namentres que para o repertorio bretón escolleu tocar «Suite Pourlet».

O galego Manu Seoane erguendo o trofeo tras a súa participación no certame en Lorient. / Eva F. Prieto
Con respecto á preparación do certame, Manu Seoane conta que, previamente, é preciso superar un proceso de selección en Galicia: «Antes de ir a Francia a competir é necesario clasificarte primeiro aquí e logo vas concursar representando a Galicia xunto a outros tres compañeiros a un dos maiores festivais de música que hai no mundo de música celta», sinala o gaiteiro, quen engade que tanto para esa fase clasificatoria como para o certame, nesta ocasión, dedicou aproximadamente un mes e medio. O intérprete tamén fai alusión a que o proceso é longo, polo que comenta que «é moi fácil entrar en bucle, ao tocar sempre o mesmo repetorio e estar ensaiando tanto tempo o mesmo, polo que é fácil perder o fío, xa que a repetición excesiva non adoita ser a mellor amiga á hora de facer unha proposta artística interesante, polo que eu nesta edición intentei fuxir un pouco diso».
É por isto que Manu Seoane recoñece que, logo de terse presentado anteriormente até en seis edicións, este ano viaxou a Francia cun «chip diferente». A este respecto, o intérprete galego menciona que «levaba moitos anos presentándome e nunca chegaba a culminar o concurso, é por isto que este ano quixen montar un repertorio que me parecera interesante, que fora desfrutar e que tamén me supuxera un reto, pero sobre todo para chegar alí e desfrutar ao máximo da experiencia, e ao final saíu todo xenial. Cando te subes ao escenario, vale que eu desfrutei, pero esas táboas impoñen porque hai moita xente e botas moito tempo ti só alí enriba. Ademais, este ano eu toquei enfermo, pero ao final saíu todo ben. Desfrutei moito tamén porque sempre me gustou moito a experiencia de tocar só, que é moi diferente a tocar con outra xente». Rematado o Festival Intercéltico de Lorient co mellor dos resultados, Manu Seoane aínda fica abraiado con ter ser recoñecido co Trofeo MacCrimmon e di que «non deixa de ser platónico aínda, non me creo que sexa eu un dos gaiteiros que o teñen, porque ademais en Galicia non o gañou tantísima xente».
Logo de «coroalo todo» nos certames da comunidade galega e acadar, por fin, o prestixioso e ansiado Trofeo MacCrimmon, Manu Seoane afirma que agora «despois de levar tanto tempo vendo a música dende a parte dos concursos, algo que recoñezo que desfruto moitísimo e que é moi positivo a nivel de visibilidade, si que me gustaría volver agora á música dende un apartado que non sexa o competitivo, que facer música non sexa para medirme con outras persoas. Para min agora o foco está posto en volver a facer máis concertos, a facer proxectos a máis nivel artístico e non seguir na etapa de competición que, repito, creo que é necesario, pero si que me apetece gozar máis da música dende outro punto».
Sobre a súa relación co instrumento que o levou a cumprir todo un soño, Manu Seoane relata que foi na Asociación Cultural e Musical ‘A Maristela’, en Sobrado dos Monxes, onde empezou a súa aprendizaxe con tan só catro aniños porque os seus curmáns tamén tocaban. O gaiteiro conclúe lembrando que «tiven a sorte de que o meu primeiro profesor tamén estaba preparando daquela o tema do concurso en Lorient e foi a primeira persoa que me falou do certame e que me puxo no horizonte este trofeo, levo téndoo dende que era cativo, ademais da participación noutros concursos».
Suscríbete para seguir leyendo
- Detenido un conductor de madrugada por saltar por las escaleras de Joaquín Loriga en una persecución policial
- Volotea cancela la venta de 32 rutas para este invierno
- El calor se ceba con Cíes y Ons: cinco urgencias atendidas en menos de media hora en el Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia
- Uruguay no abrirá licitación para otras patrulleras en lugar de las de Cardama: hará una compra «Estado a Estado»
- Crecen en Vigo las demandas de padres divorciados que van a la vía judicial para liberarse de pagar la pensión a sus hijos
- Muestra de madurez del Fortuna
- El concejal Xerardo Díaz y Diego López contraen matrimonio
- Una pontevedresa vivió once meses de calvario con su novio hasta que lo denunció