Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Cultura

Librarías como espazos sociais que tecen redes e afectos en pequenas vilas galegas

Fronte a franquicias e a grandes cadeas, existen librarías periféricas que son moito máis que un punto de venda, posto que impactan na comunidade que as rodea creando espazos culturais e de socialización para o seu pobo. A Chicha, ULA ou Rosalía son tres exemplos de boas prácticas en Galicia e de que outros modelos si son posibles

A Chicha, exemplo de libraría como espazos sociais nos que tecer rede e afectos.

Jose Lores

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Carolina Sertal

Carolina Sertal

Vigo

Non é esaxerado afirmar que entrar nelas é se cadra para moitas das persoas que traspasan as súas portas o máis semellante a botar un anaco de lecer no salón da casa. Case semella que os libros nos andeis son apenas a escusa, pois atópanse nelas a confianza, a conversa, a escoita activa e, co paso do tempo, incluso a amizade. Fronte a franquicias e a grandes cadeas, en Galicia existen e agroman pequenas librarías independentes que son moito máis que un punto de venda, pois a procura dun impacto positivo na comunidade que as rodea a través da creación dun espazo sociocultural nas súas vilas centra en gran medida a ollada deste tipo de establecementos.

Nin un mes leva aberta en Ponteareas e, dende a libraría social A Chicha, Clara Jorge conta que un «bo síntoma de que había ganas» dunha iniciativa como a proposta que está impulsando na vila é que tanto o club de lectura como o taller de escritura que lanzou para o mes de agosto «cubriron os cupos rapidísimo».

Crear cultura dende lugares periféricos, apostar por produtos de proximidade, ofrecer un espazo que constitúa un punto de encontro para o pobo e tamén dende o que potenciar o talento local son algunhas das liñas de traballo que rexen a filosofía de libraría social A Chicha. Clara Jorge explica que «a proposta é que a libraría, ademais de ser un lugar de adquisición de libros, tamén sexa un lugar de conversa onde a xente da vila poida atopar lecturas, pero que tamén teñan a posibilidade de falar sobre elas, de compartir entre nós. Temos habilitada unha zona na que poder facer actividades con xente de aquí e potenciar o que acontece en Ponteareas, porque hai moitas persoas con ganas de facer cousas e a idea é que teñan a posibilidade de levalas a cabo neste espazo».

Neste senso, a responsable desta nova iniciativa sinala que A Chicha «tamén nace coa idea de ser comunidade, de que poidamos construír colectivamente o espazo que queremos. Confiamos moito no traballo en rede, porque podemos facer cousas marabillosas e que teñen sentido cando o facemos xuntas, por iso é un espazo aberto ás propostas das persoas». Reflexionando sobre a súa propia experiencia de marchar de Ponteareas a vivir a Barcelona, cidade na que pasou oito anos, Clara Jorge apunta que «marchei coa idea un pouco errada de buscar alí o que non atopaba na miña vila, que xorde dunha pulsión de ser nova, pero tamén dese discurso de abandonar o rural porque o futuro e as posibilidades están nas grandes cidades, e claro que atopei proxectos moi interesantes, pero tamén moita violencia e desigualdade en termos económicos, no acceso á cultura, por exemplo, e tamén á hora de desenvolver ideas propias porque as condicións materiais non o posibilitaban. Por iso, cando volvín a Ponteareas, pensei na posibilidade de ofrecer dende unha vila pequena un espazo cultural como os que poden existir nas cidades, pero cun acceso máis sinxelo», engandindo que «as persoas teñen moitísimas ganas de crear, de apostar pola cultura, de proxectos sociais dende zonas máis rurais e descentralizadas, e A Chicha é agora un espazo que se suma a esa rede de proxectos en Galicia».

Maitane Vicente fronte á porta de ULA Libraría Social.

Maitane Vicente fronte á porta de ULA Libraría Social, en Outes. / Cedida

Poñer en marcha este proxecto no rural ten moitísimo máis impacto

Maitane Vicente

— ULA Libraría Social, Outes

É precisamente dende o rural galego dende onde Maitane Vicente leva xa practicamente dous anos tecendo unha forte rede comunitaria cos libros como ferramenta de transformación social. Situada en Outes, ULA Libraría Social é o proxecto que esta traballadora social impulsou a raíz do seu desexo de querer vivir e habitar o rural, pero tamén coa idea de erixir, máis alá da venda de libros, un espazo sociocultural no que a veciñanza de Outes puidera xuntarse, favorecendo así o intercambio interxeneracional de coñecementos, vivencias e impresións.

«Sempre pensei que os libros son unha ferramenta perfecta para traballar con xente de distintos eidos, idades, orixes, xéneros... Porque ao final nos libros podes atopar de todo e testemuños de persoas que escriben a súa propia historia, polo que son unha ferramenta indispensable. A conversa e o traballo común son a base de ULA, que é un espazo tanto de venda de libros como un espazo sociocultural que ofrece un lecer que non había, sobre todo un lecer fóra do bar. Poñer en marcha este proxecto no rural ten moito máis impacto, xa non só como veciña, senón polo que recibes. A sociedade móvese moito polos afectos e, no rural, cada cousa que fas ten o triple de impacto e xa non só porque ao mellor non haxa proxectos así, senón porque estás ofrecendo algo a persoas coas que compartes algo moi importante: a convivencia», menciona Maitane Vicente.

Clubs de lectura para crianzas e persoas adultas, obradoiros de escrita e tamén de éuscaro, así como iniciativas estrela como un club de calceta e os cafés interxeneracionais de mulleres, son as actividades coas que esta libreira engarza á comunidade en Outes e que gozan dunha importante acollida entre a veciñanza do municipio, pero tamén doutros concellos próximos como Muros e Noia. Así, Maitane Vicente sinala que «cando antes falaba do lecer do bar, esta é unha realidade moi masculina, e no rural é raro ver ás mulleres maiores a partir das seis da tarde fóra da casa, polo que os cafés favorecen un encontro con mulleres máis novas e neles tocamos temos que nos interesan como a maternidade, a menopausia, ecoloxismo e como se aplica nos cultivos, vivir sen tóxicos... todo tipo de temáticas! E o club de calceta é un exemplo de actividade que se abriu, sen apenas intervención e por petición da propia xente, que funciona moi ben e no que as mulleres maiores se senten moi validadas».

Tania Lago, responsable da libraría Rosalía e Compañía, situada en Redondela.

Tania Lago, responsable da libraría Rosalía e Compañía, situada en Redondela. / PABLO H. GAMARRA

A xente volve necesitar espazos físicos nos que falar sen distraccións

Tania Lago

— Libraría Rosalía e Compañía, Redondela

Nun contexto totalmente distinto, ter aberto unha libraría independente nunha vila máis grande non impide a Tania Lago constatar unha realidade presente en parte da sociedade: a necesidade de espazos para conversar. A responsable da libraría Rosalía e Compañía, situada en Redondela, comenta que «a xente volve necesitar espazos físicos nos que falar, un lugar sen pantallas, sen distraccións, un lugar no que falar directamente con outra persoa. Empézase polo libro, pero logo remátase falando de todo e nótase moito que a xente marcha agradecida».

No ano de vida da súa libraría, Tania Lago tamén comprobou que o espazo non só funciona como punto de encontro para persoas cos mesmos gustos literarios ou paixón lectora, senón que «acaba tecéndose unha rede de persoas moi diversas que comparten conversas que, ao mellor, doutro xeito non se terían dado».

Estas sinerxias son posibles grazas ao propio establecemento, pero tamén aos tres clubs de lectura que impulsa en Redondela, ademais de presentacións e contacontos, favorecendo así a dinamización cultural e a socialización. A este respecto, Tania Lago destaca que esa mesma rede que se tece entre persoas adultas tamén se dá entre a cativada que acode ás actividades dirixidas a público infantil, o que esta libreira redondelá considera «o máis bonito deste proxecto».

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents