Artes escénicas
Unha revisión sobre Drácula, o novo espectáculo de ButacaZero que rende homenaxe ao Premio Nacional de Literatura Dramática Manuel Lourenzo
Tras o éxito de «Iribarne», a plataforma creativa de Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira levará a partir de setembro a escena «A velada de Londres» como homenaxe ao dramaturgo e actor, figura chave do teatro contemporáneo en Galicia e que finou o ano pasado
A estrea terá lugar o 4 de setembro no Teatro Rosalía de Castro, na Coruña, e chegará a Vigo o 16 de outubro

Xavier Castiñeira, segundo pola esquerda, xunto ao elenco da obra.

«‘A Velada de Londres’ mergúllanos na súa visión sobre o universo de Drácula, unha das súas obsesións creativas. Nela imaxina unha escena tras o primeiro capítulo da novela de Bram Stoker, cando Jonathan Harker coñece ao Conde en Transilvania. No retorno a Londres xunto á súa muller Mina, Jonathan revive obsesivamente aquela experiencia, e a súa relación esborrállase entre o desexo, o medo e a fascinación». É a carta de presentación do novo espectáculo que a plataforma creativa de Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira, ButacaZero, estrearán o vindeiro mes como homenaxe a unha das figuras chave do teatro galego contemporáneo, o dramaturgo e actor Manuel Lourenzo, quen finou o ano pasado.
Tras o éxito acadado con «Iribarne», Xavier Castiñeira confesa que «non tiñamos pensado facer un novo espectáculo, pero hai xusto un ano agora que morreu a quen considero o meu mestre, co que eu comecei dirección de escena, co que eu aprendín, e para min o seu era facerlle unha homenaxe inmediata e non agardar a recoñecementos ou conmemoracións, non quería que fose nada mercantilista, polo que decidín escoller un dos textos que forman parte das súas ‘Veladas indecentes’ e no que eu mesmo fun o seu axudante de dirección e no que el actuaba, e cos que acadou o Premio Nacional de Literatura Dramática, sendo o primeiro dramaturgo galego que acadou este prestixioso galardón».
A peza escollida para unha «posta en escena viva» foi «A velada de Londres», unha adaptación que permite unha revisión sobre o mito de Drácula dende a ollada poética de Manuel Lourenzo cara unha das súas obsesións creativas. Xavier Castiñeira, quen se ocupa da dirección desta nova proposta, sinala que este novo espectáculo presenta dúas cuestións destacables: «A primeira é que permite atoparnos cos textos de Manolo, que non son moi frecuentes no palco galego. En concreto, nesta velada temos a súa visión sobre o vampiro, unha visión moito máis poética ca do cinema norteamericano, ademais de atopar dentro do espectáculo unha ollada moito máis de carácter victoriano, con toda esa estética e con música dunha velada nocturna en directo, interpretada pola chelista e cantante de ópera Esperanza Mara, quen entre escenas irá construíndo a paisaxe sonora», engadindo o director que «na entrada do teatro haberá tamén unha exposición sobre a vida de Manolo, para que a xente coñeza de xeito máis informal todo o que el implicaba como dramaturgo, actor, emprendedor teatral, creador... Todo o que supuxo a súa figura. Será unha especie de montaxe-homenaxe».
A estrea deste novo espectáculo terá lugar o vindeiro 4 de setembro no Teatro Rosalía de Castro, na Coruña, e chegará a Vigo o 16 de outubro, pasando tamén por Muros, As Pontes, Foz, Noia e Cee antes de que remate o ano. Cunha duración concentrada dunha hora, a proposta dirixida por Xavier Castiñeira presentará unha triangulación entre o universo orixinal de Bram Stoker, a visión de Manuel Lourenzo e unha potente dimensión escénica grazas ao reparto integrado por Xurxo Cortázar e novas promesas emerxentes como Sophia Rodal e Teo Piñeiro, sendo fieis a un dos grandes valores do Premio Nacional de Literatura Dramática: a aposta polo talento mozo.
O legado do mestre
Para Xavier Castiñeira, levar «A Velada de Londres» a escena é unha bonita maneira de lembrar a que foi considerado por moitos «un verdadeiro mestre» sobre as táboas e tamén fóra delas. Neste senso, Castiñeira recorda que Manuel Lourenzo era «unha persoa do máis humana, un grandísimo conversador, intelixente e culto, pero non de cultura soberbia. El mantiña conversas de horas e horas, sempre tiña tempo para dedicarlle ás persoas, de feito, dicía que o seu maior tesouro eran os amigos e facer teatro».
Por outra banda, o director de escena refire sobre Manuel Lourenzo que «era un mestre porque non ensinaba como profesor, e aí está para min a clave da mestría, xa que ensina sen adoutrinar, porque ti vendo como fai, aprendes. A min axudoume a erixir a miña pequena sabedoría teatral, foi todo mirando o que el facía, de feito, o primeiro que me dixo no primeiro ensaio foi: ‘Ti abre ben os ollos e róubame o que poidas’. Manolo non determinou tanto a miña estética como a miña ética, todo polo seu traballo, xa que velo sempre traballando, cun horario fixo, fixo decatarme que o teatro non era só un lugar de exhibición, senón un espazo de moitísimo traballo».
Con respecto á escena actual do teatro galego, Xavier Castiñeira fai referencia a que «hai unha calidade artística moi grande. O que falta é apostar polas tempadas teatrais máis que por bolos esporádicos, para que o público empece a velo como fonte constante de cultura. Se tivese que reivindicar unha soa cousa, sería que os espectáculos estivesen máis tempo en cartel nunha cidade e non un día só», conclúe.
Suscríbete para seguir leyendo
- Eclipse de Sol en Vigo y Galicia | Consejos, horarios y dónde ver el eclipse solar del 12 de agosto
- Se entrega en la Guardia Civil tras 20 días fugado el conductor que embistió a un coche de la Policía Local en Salceda
- Restaurantes y hoteles vigueses ya cuentan con una lista negra de clientes conflictivos
- Los camiones del Combo Dominicano se atascaron en Trives pero la orquesta tiró de entrega y talento para mantener la gira: «Nos hicisteis disfrutar igual que siempre»
- Roca Rey y José Tomás, dos figuras para dos «No hay billetes»
- El parque acuático de Monterrei dispara la afluencia de visitantes con los nuevos toboganes: «es mucho más completo»
- Rumbo directo a Vigo desde Irlanda: The Corrs deja 'sin aliento' a Castrelos
- Rebajan la pensión de 13.000 euros mensuales de una viguesa y sus hijos porque deben adaptarse al nuevo «nivel de vida»