Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Cultura

Galaxia reúne a máis de 25.000 persoas arredor das súas actividades no primeiro semestre de 2026

Os nomeamentos de Marcos Calveiro, como director, e de Tamara Andrés, como directora de Edicións, e o traslado das oficinas á sede da rúa Travesía de Vigo, foron tres fitos máis destacados deste periodo de tempo

As citas culturais programadas pola editora en todo o territorio galego nos primeiros seis meses do ano superou as 350

De esquerda a dereita, o director de Galaxia, Marcos Calveiro; o presidente da editora, Antón Vidal, e a directora de Edicións, Tamara Andrés, na presentación das novas oficinas en Vigo o pasado mes de xullo.

De esquerda a dereita, o director de Galaxia, Marcos Calveiro; o presidente da editora, Antón Vidal, e a directora de Edicións, Tamara Andrés, na presentación das novas oficinas en Vigo o pasado mes de xullo. / Alba Villar

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

R. S.

Vigo

A Editorial Galaxia presentou esta semana o seu balance de actividades do primeiro semestre de 2026, periodo de tempo no que reuniu a máis de 25.000 persoas arredor de presentacións, propostas en centros de ensino, funcións de Letras Galegas, encontros con autoras e autores, exposicións, actos en feiras do libros, premios e outros eventos que superaron as 350 citas culturais en todo o territorio galego.

O primeiro semestre estivo marcado por tres fitos importantes na historia da editorial: os nomeamentos de Marcos Calveiro, como director, e de Tamara Andrés, como directora de edicións, e o traslado das oficinas á sede de Vigo no baixo da rúa de Travesía de Vigo 71, no mesmo edificio do seu centro loxístico, onde acubilla un almacén que distribúe a toda a comunidade galega.

Entre as iniciativas a destacar, dende Galaxia puxeron en valor a celebración da exposición "Un país ilustrado. As cubertas de Galaxia", comisariada por Xurxo Martínez e con deseño de Hayat Husein no Museo MARCO de Vigo. Como colofón aos actos do 75 aniversario de Galaxia, esta mostra permitiu percorrer a historia visual da editorial a través dunha selección das súas cubertas, ao igual que a peza de monicreques de Tanxarina, "A biblioteca galáctica contra a IA fantástica", gañadora dun Premio María Casares, que contribuiu a esta celebración con actuacións neste 2026 ou a presentación no mes de abril de toda a colección da Biblioteca 75 anos, acto no que se lle rendeu unha homenaxe a María do Carmen Krukenberg no seu centenario.

Presentacións singulares como a do libro “Asasinato no muíño do cura”, de Arantza Portabales, realizada na praia de Loira onde ten lugar a acción desta novela negra ou a dos cinco audiolibros editados neste 2026 realizada en colaboración coa ONCE, na sede do seu centro de recursos educativos de Pontevedra, son exemplos dunha multitude de presentacións que concitan unha parte moi significativa do labor de divulgación dos libros do catálogo da editorial, que neste primeiro semestre aproxímanse aos 50 títulos.

Por outra banda, o Ano Oteriano 2026 levou á Galaxia a darlle un novo pulo ás publicacións do que fora o primeiro presidente da editorial, Ramón Otero Pedrayo. Así como a exposición que se inaugurou na Fundación Penzol de Vigo ou a colaboración nun proxecto co Consello da Cultura Galega da utilización da intelixencia artificial nun bot sobre o chamado patriarca das Letras Galegas, no que se pode manter unha conversa, e é accesible a toda cidadanía. Así mesmo, a actividade da editora nos centros de ensino tamén foi continua no curso académico con 49 presentacións coa participación directa de autores e autoras, e máis de 20 funcións vencelladas ás Letras Galegas, entre outras iniciativas nestes espazos.

Como unha das actividades máis concorridas organizadas pola editora, sen dúbida destacou a función "Chaves invisibles" de Vero Rilo e Luis Iglesias, dedicada á figura de Begoña Caamaño, autora homenaxeada no Día das Letras Galegas 2026, que reuniu a preto de 4.000 persoas en sesións por toda Galicia. Moitas outras actividades tiveron relación con Begoña Caamaño, como a sentida presentación da súa biografía en Santiago de Compostela “Volveredes brindar por min” de María Xesús Nogueira e Ana Romaní, ou a exposición exterior no barrio do Calvario de Vigo, onde Begoña Caamaño naceu e viviu os seus primeiros anos e baseada no libro “A nena que perdeu un zapato na lama”, de Ramón Nicolás, con ilustracións de Carlos Gallego.

Galardóns

O primeiro semestre do ano tamén estivo cheo de boas novas para a editora en canto a recoñecementos, comezando por que a novela galadora do Premio Galaxia do 75 aniversario, "O lanzador de coitelos", de Fernando Castro Paredes, foi distinguida coa concesión do Premio Nacional da Crítica Española de narrativa en lingua galega. Na listaxe de galardóns para títulos de Galaxia entre os meses de xaneiro e xuño tamén se rexistraron a concesión do Antón Losada Diéguez para “Son coma glaciares os barcos de aceiro” de Cynthia Menéndez na modalidade de novela e, na de ensaio, á obra “As tolas que non o eran” de Carmen V. Valiña. Por outra banda, cómpre destacar tamén que o Premio García Barros foi outorgado a Iria Collazo por “A muller de mentira”.

Tracking Pixel Contents