Colouse a IA nos libros galegos para corrixir, suxerir tramas ou diálogos?
Ledicia Costas, María Oruña, Pedro Feijoo, Goretti Irisarri, Marcos de la Fuente, Malores Villanueva e Jesús G. Maestro responden
Oruña: «O meu absoluto desprezo polo traballo literario de calquera escritor profesional que empregue a IA»
Costas asegura que empregala é un «demérito» mentres Goretti Irisarri alerta que non vale para documentarse: «Se te fías dela podes acabar fatal»

Os libros comezan a estar atravesados pola IA na súa documentación, corección ou msmo escrita. Simulación da pantalla con código binario. / M. Mato /ChatGPT

O universo da intelixencia artificial é unha nube de luz e de sombras que cada vez se expande máis. O pasado mes de maio, Olga Tokarczuk, gañadora do Premio Nobel de Literatura no 2018, abraiaba a uns e mesmo anoxaba a outros por unhas declaracións. Nelas, confesaba que empregaba a IA para que lle axudara a plantexar tramas ‘maxistrais’.
No Estado español, o galego Manuel Jabois recoñecía que botaba man da IA para documentarse ou consultala. No programa da SER onde é colaborador, sinalaba en castelán: «Para a última novela que escribín, falei con ela. Vaiche dicindo ‘isto non se entende’ e sempre acaba coa pregunta ‘queres que che arme un paragrafo?’. Díxenlle que non quería que me volvera preguntar iso».
O caso de Manuel Jabois: «Escribe mellor ca min»
Mais un día Jabois claudicou. «Era unha escena de limpeza; había que limpar unha mancha que non saía e pedinlle produtos químicos para quitala. Preguntoume se quería que o puxera nun paragrafo. Acabou dicindo que a protagonista collía unha espátula e algo e dicía: ‘Agora vas falar’. Pensei ‘que bo, agora que fago con isto? O paragrafo, non (o usei) pero deixei ese final. Chamei á miña editora e díxenlle que non lle volvía preguntar nada porque escribe mellor ca min», sinalou ante o micrófono o xornalista e autor de Sanxenxo.
Nos corredores do xornal, comezamos a falar sobre como de entrelazada estará a IA aos libros que lemos. Unha persoa coñecía un escritor que lle confesara que a empregara; outra persoa lembrou outro autor que tamén a usara. Pero ninguén citaba nomes. Con estes apuntamentos e os precedentes de Tokarczuk e Jabois, iniciamos unha consulta entre varias escritoras e escritores galegos para coñecer cal é a súa relación con IA na súa obra. Eliximos falar con Ledicia Costas, María Oruña, Pedro Feijoo, Goretti Irisarri, Marcos de la Fuente, Malores Villanueva e Jesús G. Maestro para coñecer as súas opinións e experiencias.

A novelista viguesa María Oruña. / Pedro Mina
María Oruña «despreza» o traballo literario feito pola IA
Entre as visións máis críticas, atopamos a de María Oruña (que vén de publicar «La cámara de las maravillas» sobre o mercado negro da arte e que é articulista de FARO). A novelista foi taxante: «Para comezar, o meu absoluto desprezo polo traballo literario de calquer escritor profesional que empregue a IA para traballar. É unha falta de respecto para o lector. Nótase cando se utiliza para as tramas. Se te fixas, os rusos sempre son os malos. Hai moitos elementos que nos recordan a películas e é un pastiche como se estiveras ante unha colcha de patchwork».
Para Oruña, a literatura debe nacer dos humanos, «non dunha máquina. O problema non é que che dea ideas senón que as ideas que facilita teñen directrices ideolóxicas e políticas con algún sesgo. Iso é perigoso. Se buscas os datos dun personaxe histórico preguntándolle á IA, asegúroche que non serían os datos que atoparías ti nos arquivos que visites. Ao mellor é a mesma información, pero ti vas escoller outra».
Ledicia Costas rexéitaa: gústalle «romper a cabeza para argallar tramas»
Na mesma cidade de Vigo, a escritora Ledicia Costas fala tamén de IA e literatura. No seu caso, a resposta xira ao redor do oficio da escrita e dos sentimentos que exerce nela. «A min, gústame escribir», comeza sinalando para engadir: «Gústame romper a cabeza para argallar tramas. Gozo moito con todo o proceso, con mergullarme e evadirme da realidade, crear outros mundos. Iso quero facelo eu. A IA nunca vai ser unha ferramenta; rexéitoa, non a vexo como un apoio no meu oficio. É máis, moléstame bastante cando en petit comité compañeiras e compañeiros falan da IA como un recurso. Eu aí síntome desconectada. A min, gústame todo o proceso da escrita, para que vou usar a IA?».

A escritora Ledicia Costas. / Jose Lores
«A min, sorpréndeme que a masa social non detecte que escribe unha IA. Para min, é un demérito. A IA ademais escribe moi mal. Eu xoguei con ela e pareceume terrible. Como vai ser creativa? Aliméntase de imaxes manidas e, de non ser así, sería a miña inimiga porque me rouba o que eu quero facer», reflexiona Ledicia Costas. A autora aproveitará o mes de agosto para escribir de cheo xa que desde setembro terá que centrarse na promoción das dúas novas obras súas que saen do prelo.
O 17 de setembro publica con Xerais nunha edición moi coidada «Soños de Lunaria», para o público xuvenil. «Tamén estreo unha colección infantil que se chama «Zodiac Kids» que sairá en galego con Xerais e en castelán con Destino sobre un grupo de nenas e nenos con poderes do zodiaco», apunta a creadora olívica que homenaxea nesta última a «Os cabaleiros do zodiaco» que alumearon a rapazada dos 80.
O experimento que abraiou a Espido Freire
Para Costas, que tamén é colaboradora de FARO, ‘escribir’ cunha IA «é un autoengano absurdo». María Oruña recoñece que ten rumiado moito sobre este asunto: «Pensei en que os libros podían pasar un filtro dunha IA para saber cales foran feitos con intelixencia artificial e cales non. Os que non poderían ter un distintivo. Pero iso non funcionaría. Faleino coa miña amiga e escritora Espido Freire e comentoume que metera a obra súa que gañara o Planeta – «Melocotones helados» publicouna no 1999 cando non existía a IA- nun programa deses e obtivo que esa obra tiña un 80% de IA».
Estamos desamparados ante un baleiro legal terrorífico
Como é posible? «Acontece porque a IA, a día de hoxe, xa utilizou esa obra para dar contidos. Todos estamos nesas bases de datos», sinala Oruña. Polo tanto, debemos deixar pasar o que está acontecendo? «Na miña opinión, responde a escritora galega, quen se teñen que mover son as institucións. Estamos desamparados ante un baleiro legal terrorífico. Isto é un pouco incendiario pero teño claro que se non se lexista é porque non interesa. Hai intereses políticos ou empresariais detrás. É preocupante para escritores, ilustradores, tradutores, xornalistas. Para a miña última obra, lin informacións de grandes xornais que eran un pastiche de IA porque mesturaban personaxes que non eran desta última novela. Notábase enseguida porque é unha linguaxe moi esaxerada e moi ben escrita. Os textos de IA sempre empezan cunha frase moi lapidaria ou un aforismo, usan moitas adversativas. É unha pena que se perda o contexto, o carisma do autor. É un tema que me cabrea moito pola inacción lexislativa do noso goberno».

En Santo Estevo do Sil, na Ribeira Sacra, o escritor Pedro Feijoo. Prepara alí a súa nova novela. / Cedida por Pedro Feijoo
Pedro Feijoo: moita documentación pero sen a IA
De Vigo, damos un chimpo a Sober (Lugo), na Ribeira Sacra onde leva uns meses vivindo Pedro Feijoo. «Vin aquí para documentarme para a miña vindeira novela. Quero coñecer ben o terreo, escribir no sitio. Agora mesmo é moi bonito, vai calor; pero o inverno foi duro», explica.
Nese momento, non o podo evitar e chántolle que ben puido ir de vacacións a un destino de praia e encargarlle á IA que lle escribira sobre esa zona lucense. «Si, puiden dicirlle a ChatGPT que viñera á Ribeira Sacra e mo contara despois... Pero que va!», comenta entre risos.
Feijoo explica: «Non emprego a IA nada de nada. Claro que me picou a curiosidade pero úsoa para facer parvadas e bromas aos amigos». Nin sequera a usa para unha corrección: «Eu teño os meus lectores cero cos que teño confianza. Doulles os primeiros capítulos ou o borrador para que me dean a súa opinión. O máis parecido que teño a unha IA é a miña editora. Eu veño da maneira de entender o oficio no que un escritor vai parello a un editor. Non uso nada de nada a intelixencia artificial».
As editoriais ármanse contra a IA
Lembra tamén o autor vigués unha reunión coa editora de Penguin en Barcelona. «Contábame que na central estaban desenvolvendo un software para detectar textos xerados por IA para rexeitalos automaticamente».
Tamén aforma Feijoo que agora nos contratos editoriais engadiron unha clásula extra. Ademais de declarar que é unha obra orixinal, hai que xurar que non empregaron unha IA. «Supoño que é para protexer a orixinalidade do traballo humano», apunta mentres envía o pantallazo desa parte contractual que corroboramos.

A profesora e investigadora Malores Villanueva, tamén escritora. / Ricardo Grobas
Esas declaracións de orixinalidade e de que non se empregou a intelixencia artificial están a darse tamén nalgúns certames literarios. No Premio Illa Nova de Narrativa da Editorial Galaxia, por exemplo. A secretaria do xurado deste ano, a profesora e escritora Malores Villanueva, sinala que «non foi por detectar nada en edicións anteriores senón porque din que agora se usa cada vez máis. Ponse por defecto en todos os premios».
Malores Villanueva alerta sobre o risco de perder o estilo propio
No seu caso, Malores Villanueva confésase «bastante analóxica». Porén recoñece que «aínda que eu non teño o hábito, hai ferramentas que poden ter un potencial pero hai que contrastalas. A base é que ti escribas. Se pode suxerir para mellor un texto como cando llo dás a unha persoa a ler valería como un corrector. Pero neste caso, tes que medir o que achega porque non podes perder o teu estilo».
Pola súa parte, o poeta Marcos de la Fuente –que estes días participa en Ibiza no festival poético Poetiuses– defende que «eu non escribo poemas coa IA. Eu pídolle que faga imaxes dos meus poemas. Na comunidade da poesía, está mal visto que se empregue a intelixencia artificial. É como se houbera unha lei non escrita».
Un libro de Marcos de la Fuente sobre a IA e a poesía
Porén si considera que se pode usar para «expandir o traballo dos poetas. Eu deille os meus poemas para que xerara ilustracións e vídeos que se poden ver no meu libro ‘O poeta versus a máquina’. Nel, reflexiono sobre como a IA inflúe sobre as artes e a literatura, como as está transformando. Non creo que sexa unha boa idea usar moito a IA e que nos substitúa no traballo. Nos poemas falo de se a máquina ten sensibilidade, se vai poder sentir, en liña dalgúns filmes de ciencia ficción do século pasado».

Marcos de la Fuente, poeta vigués. / Fdv
O crítico literario Jesús G. Maestro -que días atrás escribía no FARO sobre o proxecto Panamá- recoñece que emprega a IA para a corrección de erratas textuais. «Chega un momento no que un xa non identifica os erros e a IA é bastante útil para identificar erros do teclado que a veces o cerebro humano non pilla. Tamén a uso para o deseño de páxinas para ilustracións. Para outras cuestións, non a uso e renego dela. É divertido ver a ignorancia que ten sobre temas literarios. A IA foi programada por xente que non ten coñecementos literarios entón o que sabe de literatura é ridículo», reflexiona.
Jesús G. Maestro: «Non se pode confiar na IA»
Recoñece que é «perigosa. Na intelixencia artificial, non se pode confiar porque está programada para apoderarse de ti. Mide os teus coñecementos e trata de levarte a un terreo no que es vulnerable intelectualmente. En realidade, é o equivalente á serpe do paraíso. Se a serpe tivera coñecido a IA, Deus estaría perdido porque lle tería ocupado o seu lugar. Confiarlle a creatividade é poñerse nas mans do demo», asegura Maestro.
A escritora viguesa Goretti Irisarri sabe do que fala Maestro. Ela escribe a catro mans con José Gil Romero novelas históricas; a última, «La voz del viento», a historia do tornado que arrasou Madrid a finais do século XIX. A autora sinala que, á hora de documentarse coa IA, hai que ter moito coidado: «Ela diche cousas con moita seguridade e despois mete a pata moito. Quizais para unha primeira aproximación te poida axudar pero hai que ir sempre ás fontes. O mellor é o libro escrito naquela época e os xornais daquel tempo así como as teses. É a mellor información porque dá os datos, a atmosfera, a interpretación que se lle daba aos feitos no momento... Iso a IA non cho pode facilitar. Se te fías da IA, podes acabar fatal».
En canto ás tramas, Irisarri recoñece que «cando apareceu quedamos fascinados e preguntámonos se nos ía substituír na profesión. Pero, de momento, é moi tópica, moi simple. A psicoloxía que utiliza é máis propia da autoaxuda. O que ofrece de tramas e personaxes é tosco. O que se lle ocorre é o mediocre, pero pode estimularnos».
Suscríbete para seguir leyendo
- Portugal perfila los 12 trenes con los que unirá con Alta Velocidad Lisboa, Oporto y Galicia: más de 500 plazas en dos clases y sin cafetería
- La secuela más desconocida del fentanilo llega a los hospitales vigueses
- Muere en Ourense Marcos Rodríguez Pantoja, el hombre que vivió más de una década aislado con lobos en Sierra Morena
- Un equipo médico para un corazón de 100 toneladas: en las tripas de un titán del mar
- El Náutico de San Vicente vuelve a instalar una valla opaca para ocultar sus conciertos y reducir los problemas que causan
- Rescatan a un niño de 5 años que se estaba ahogando en una piscina del balneario de Mondariz
- Xonxa Otero y Paula Rivas: «Estamos moi felices por ser as primeiras mulleres en poder bailar a danza de San Roque»
- Ni una alerta roja por calor frena la devoción a San Roque: más de 16.000 personas disfrutan de la fiesta patronal