Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Verán cultural

Espazos culturais singulares: das Uxíadas con música nun xardín da Illa de Arousa á experruquería-galería Argonautas en Nigrán

Uxía sinala que «as Uxíadas son máis que un ciclo de concertos; quero que a xente teña a sensación de estar vivindo algo único»

O galerista Diego Santomé: «Traemos a maioría dos meses directores de museos, galeristas de fóra aos que lles pagamos o avión para que veñan e vexan o proxecto aquí»

Uxíadas concerto na Illa de Arousa

Uxíadas concerto na Illa de Arousa / Uxía

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Mar Mato

Mar Mato

Vigo

Facer cultura neste país é un «acto de resistencia», defende a cantante Uxía. Esa defensa realízase mesmo en espazos pequenos da xeografía galega, moitos deles sen subvencións. Son varios exemplos desde a corte das vacas convertida en espazo teatral e cultural no Teatro das Cortes de O Vicedo; ao Centro Goianés en Goián coa súa cantina cultural con xardín para concertos e outros eventos; pasando pola galería de arte Argonautas na Ramallosa en Nigrán que conserva o cartel da perruquería antiga ata o xardín da casa na Illa de Arousa da cantante Uxía onde ofrece un ciclo de concertos.

No caso do espazo de Uxía, a artista arrancou hai tres veráns coas denominadas «Uxíadas». Trátase de directos de diferentes músicos e cantantes, todos, a partir das oito da tarde. O vindeiro será o domingo con Judit Neddermann e Darío Barroso. «Ía ser o luns pero como vai chover decidimos adiantalo», explica a promotora.

Uxía é a organizadora dun ciclo peculiar de concertos con alma no xardín da súa casa na Illa de Arousa.

Uxía é a organizadora dun ciclo peculiar de concertos con alma no xardín da súa casa na Illa de Arousa. / Uxía

Concertos únicos no xardín dunha casa

Unha xornada especial será a dedicada a Caetano Veloso o 9 de agosto onde estarán «Caetaneando» Uxía, Mirla Riomar, Sérgio Tanus, Carlos Blanco ou Chus Domínguez entre outros. Para o resto das datas, Antía Muíño, Miguel Arribas, Radio Pesquera ou Emiliano Faryna ata o 27 de agosto.

«Comecei despois de facer aquí un mural de sequeiras no xardín. Pareceume fermoso abrilo cunha proposta musical con xente que quero e admiro para concertos de pequeno formato e íntimo», explica a cantautora.

Para ela, as Uxíadas «son máis que un ciclo de concertos. Quero que a xente teña a sensación de estar vivindo algo único. Nacen no xardín e na Illa de Arousa que é un paraíso e o meu refuxio».

Concerto no xardín de Uxía co mural de Xurxo Romero de fondo adicado ás sequeiras, ás mariscadoras.

Concerto no xardín de Uxía co mural de Xurxo Romero de fondo adicado ás sequeiras, ás mariscadoras. / Uxía

O nome da proposta ocorréuselle a Jorge Drexler. «Pareceume moi bonito o nome, ten que ver coa Ilíada, cos Lusíadas e o que ten que ver coas illas míticas», reflexiona Uxía.

Os concertos son unha xanela á improvisación xa que pode xorder alguén do público que se sume como aconteceu días atrás con Janet Novás que bailou un par de pezas.

Aforo pequeno e arte

O aforo é pequeno, como moito acollen 70 persoas, polo que recomenda reservar para non quedar ás portas. Non hai idea de crecer: «Creo que, cada vez máis, sinto que a xente necesita deste tipo de espazos. Máis ben é unha experiencia. Tamén é un espazo de arte» porque ademais do mural das sequeiras (as mariscadoras) de Xurxo Romero, tamén o público atopa unha pintura exterior dunha serea de Leandro Lamas e outro dun peixe piraña de Lasko.

Ao ser un espazo reducido, facilítase tamén o contacto do público cos artistas para parolar. «Onde a xente fai concertos no día a día é nos espazos pequenos. Quizais esta sexa unha tendencia», sinala a artista.

Fachada da galería Argonautas en Nigrán que conserva o letreiro da antiga perruquería de barrio.

Fachada da galería Argonautas en Nigrán que conserva o letreiro da antiga perruquería de barrio. / Alba Villar

Galería en Nigrán nun concepto diferente

De reducidas dimensións é tamén a galería de arte Argonautas de Nigrán, asentada nun salón de peiteado antigo. Xusto fronte ao aparcamento público de A Ramallosa, en Nigrán, un pequeno local sinala na súa fachada cun cartel «Peluquería de Caballeros González».

Nestes momentos, un vinilo vermello aparece na vidrieira. Se franquean a porta, daranse conta de que non hai nin tiseiras, nin espellos, nin agua, nin colonia. Dentro, só están as fotografías e a obra audiovisual de Carla Andrade.

Fóra, a pé de rúa Diego Santomé, director da galería, explica que «esta saliña project room foi durante moito tempo unha perruquería dunha persoa moi querida no pobo. Ao morrer, quedou o local e collémolo. Mantivemos o cartel como respecto ao anterior inquilino. Dalgunha maneira, quitalo era sacarlle a vida ao local».

Tamén abriu hai tres anos. «Facemos moi poucas exposicións ao ano pero iso permítenos afondar moito nas obras dos artistas. Traballo con creadores que admiro e que axudan a construir o relato da galería», sinala Santomé.

Na nómina de autores: Din Matamoro, Jorge Barbi, o ceramista Xabier Toubes, Virxilio Vieitez ou Carla Andrade. «Son todo galegos porque aquí hai un talento desorbitante», sinala o galerista.

Este puntualiza que «non queremos replicar o sistema galerístico actual. Non queremos gastos elevados. En lugar de investir diñeiro nun local grande, preferimos destinar a convidar xente de fóra. Traemos a maioría dos meses directores de museos, galeristas de fóra aos que lles pagamos o avión para que veñan. Ven o proxecto aquí, no almacén, comemos por aquí e pola tarde volven no avión á súa casa. É unha estratexia para proxectar desde aquí un espazo. Estamos máis pretos dunha sastrería cool das aforas de Milán que dunha tenda de Giorgio Armani».

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents