Música
O dúo galego Bala, no evento de música alternativa en español máis importante de EE UU
A formación de Violeta Mosquera e Anxela Baltar é un dos tres proxectos que forman parte da delegación de bandas de España de Sounds from Spain para participar este ano na Latin Alternative Music Conference
As galegas actuarán mañá en Nova York, onde amosarán temas dos seus catro álbums

Violeta Mosquera e Anxela Baltar, integrantes de Bala. / Leo López

«Estivemos en California, pero nunca tocamos en Nova York. É unha viaxe que apetece, aínda que Estados Unidos estea daquela maneira, porque no artístico, no musical, no profesional, é unha grandísima oportunidade para chegar á xente de alí. A verdade é que é unha pasada». Un día antes de coller o avión, estas eran as palabras de Anxela Baltar, voz e guitarra de Bala, formación que integra xunto con Violeta Mosquera e que foi seleccionada xunto con outros dous proxectos para formar parte da delegación de bandas de España de Sounds from Spain para participar esta mesma semana no evento de música alternativa en español máis importante de Estados Unidos, a Latin Alternative Music Conference (LAMC).
Co apoio do Ministerio de Cultura e da Fundación SGAE, o dúo galego cuxo estilo oscila entre o rock intenso e o grunge, achegándose tamén ao stoner, hardcore e metal, actuará mañá na mesma cidade na que, case como unha premonición, foron promocionadas nun letreiro luminoso en Times Square no ano 2021 da man da plataforma Spotify e o proxecto Equal, que procura a visibilización das mulleres na industria musical para fomentar a igualdade de oportunidades. Sobre o concerto en Nova York, Anxela Baltar adiantou que «vai ser breve, é un ‘showcase’ no que non teremos moito tempo, pero tocaremos os temas máis ‘cañeros’, sen moito parón para respirar entre tema e tema, moi a tope para poder aproveitar ben o tempo. Tocaremos ‘singles’ basicamente, pero temas dos catro discos segurísimo, porque ademais coincide que agora mesmo estamos coa xira das reedicións de ‘Human Flesh’ e ‘Lume’, co cal repasaremos un pouco todos os traballos».
Cada ano, a LACM reúne a máis de 1.200 profesionais da industria musical, polo que constitúe o evento de música alternativa en español máis importante do territorio estadounidense e un dos escaparates máis prestixiosos das novas tendencias do xénero «latin alternative», no que se aglutinan estilos musicais que van dende o rock e o rap até a música electrónica, o pop e mesmo sons tradicionais de Iberoamérica.

Violeta Mosquera e Anxela Baltar. / Leo López
Coa actuación que Anxela Baltar e Violeta Mosquera ofrecerán mañá na cidade neoiorquina, Bala engadirá unha pica máis na súa proxección internacional, pois o dúo galego xa ten deixado pegada cos seus enérxicos directos en Xapón, Australia, Colombia ou Reino Unido. Así mesmo, o grupo vén de vivir dúas citas emocionantes en Galicia, pois a semana pasada ofreceron un concerto no Gaiás e foron a antesala á actuación dos icónicos Europe no Sachaso Rock, dous eventos que Anxela Baltar asegurou que «foron unha pasada. O do Gaiás foi un concerto con moita xente e moi entregada e no Sachaso abrimos con ruído e sentimos moitísimo agarimo por parte do público, foi moi ben e poder estar aí é unha maneira de chegar a xente que doutro xeito non chegariamos».
Próximos traballos
Con máis datas por confirmar aínda en Galicia e tras o lanzamento do seu último traballo en 2024, Anxela Baltar explica que, na actualidade, Bala está combinando «os últimos concertos da xira de ‘Besta' cos da reedición dos dous primeiros discos».
En canto a próximos traballos, a vocalista e guitarra do dúo galego comenta que «aínda non hai data de saída, pero nos próximos meses sairá o EP que gravamos con Niña Coyote e Chico Tornado e a idea é facer conxertos conxuntos, proximamente lanzaremos máis información». Neste senso, Anxela Baltar indica que «xuntámonos as dúas bandas, somos catro, dúas baterías e dúas guitarras, ademais de varias voces e ao proxecto chamámoslle ‘Niña Bala’. O primeiro agora é darlle saída, organizar o calendario, e o seguinte xa será comezar nós a compoñer temas novos pensando nun novo traballo, pero con calmiña».
Preguntada pola presenza das artistas galegas sobre os escenarios nos festivais, se ben recoñece que, «por sorte», Violeta e máis ela teñen presenza, Anxela Baltar sinala que «analizando os carteis dos festivais é certo que é alarmante a pouca presenza de mulleres que hai en xeral, pero en particular en moitos dos festivais máis grandes. Algúns como o Noroeste, na Coruña, están facendo as cousas moi ben, cunha programación moi boa e con moitas mulleres, pero hai outros que non poden dicir o mesmo, diría que a maioría, polo que aínda queda moito por facer e propostas hai, vese claramente no Noroeste e noutros festivais», conclúe.
Suscríbete para seguir leyendo
- Rescatada del agua una persona que flotaba boca abajo en una playa de Sanxenxo
- Dos toneladas de microplásticos llegan a la ría de Vigo cada año desde el Morrazo
- «Ya no me queda nada por hacer en el partido ni en la política»
- Abraham Mateo consigue dejar 'loco enamorado' al público de Castrelos
- La Europol incluye en su lista de más buscados a una mujer que se hizo pasar por médica en Lugo y A Coruña
- La estudiante viguesa del campus de Pontevedra, Marta Domínguez, se proclama de nuevo campeona de squash del mundo universitario
- Un Celta 'in crescendo' empata ante el Nápoles
- Tres heridos en dos accidentes de tráfico en Cangas y Moaña