Música
Skanderani sorprende no Festival Sinsal de San Simón coa súa fusión de sons africanos, blues e dos Balcáns
A cita SON Estrella Galicia que se celebra na illa de Redondela tamén acolleu a banda luso-galaica Mocho Gris na súa última xornada así como propostas de Colombia, España e África
Sinsal prosegue a vindeira fin de semana en Braga, Vigo e Oia

Skanderani no Festival Sinsal SON Estrella Galicia en San Simón. / M. Mato

A dirección do Festival Sinsal SON Estrella Galicia pechou onte as súas xornadas na Illa de San Simón en Redondela. Na apertura do domingo, unha sorpresa para os oídos e tamén para os ollos: o grupo galego Skanderani.
O nome, segundo descubrimos, significa Alexandrino en árabe, de seguro como homenaxe ás raíces etíopes do frontman, Ahmed, que tamén se traducen nos sons arabescos da súa música.
Vindos desde A Estrada presentaron temas do seu último disco, «Maalouf» e con versión en vinilo, editado polo prestixioso e independente selo Raso Studio, o mesmo de Baiuca e Aliboria.

Terceiro día do Festival Sinsal en San Simón. / Aigi Boga
Os Skanderani fixéronse co público do Sinsal pola súa mestura orixinal de electrónica e ritmos africanos con toques de psicodelia. Tamén por poñer a bailar a audiencia a última hora da mañá.
Sons arabescos, balcánicos e do sahel
Unha vez rematado o concerto, aos pés do Paseo dos Buxos, Ahmed atendía a FARO para sinalar entre as súas influencias a música do nixeriano Fela Kuti así como a do selo Trojan Records que bautizaron como o Trojan Dub. Sobre a música do grupo, resumía que «é unha mestura de sahel, balcánico, afro e árabe cun pouco de blues». Recoñecía tamén que o marcara a música que escoitaba seu pai (de orixe exipcia) cando el era cativo. «Xuntamos todas esas influencias pero non sabemos moi ben definir o resultado, sabes?», sinalou.
Unha máscara e unha roupa diferente
O público tamén quedou impactado pola súa posta en escena e as súas vestimentas, estas últimas con fortes cores e xogos xeométricos que lembraban as teas africanas de influencia tribal. «Se saíramos normais, non se sentiría igual», sinalaba. Sen dúbida o que máis chamou a atención foi a máscara dun dos integrantes. «Deseñouna el pero pediulle á súa nai que lla fixera», comentaba entre risos para despois falar da orixe do grupo.
«Skanderani empezou hai moitos anos. Igual hai 15. Quedou gardado e despois un selo en Madrid (Travesuras Sónicas) pensou que molaba mogollón e editou un vinilo. Foi no 2020, no 2021, dixéronme que querían un concerto en directo na sala Maravillas de Madrid e tiven que montar a banda. Tocamos en directo e a xente pasouno guai. Decidimos seguir», resumía Ahmed cuxo grupo tamén tocou no pasado no Play-Doc de Tui.
Sobre a súa presenza no festival en San Simón, indicou: «O Sinsal é superselecto e que nos inclúa na programación é un recoñecemento».

O grupo Mocho Gris actuou no Festival Sinsal. / Aigi Boga
Os dj lusos Matéria Prima, os irmáns maiores do Sinsal
Moi recomendables, por singulares, tamén foron as sesións de DJ do galego Phonotoner (galis115) así como dos portugueses Matéria Prima Djs. O Sinsal e estes últimos están unidos dende hai anos. Matéria Prima é tamén a tenda de discos que venden estes pinchas no Porto. Ata alí baixaban os directores do Sinsal, Luis Campos e Julio Gómez hai case tres décadas para mercar discos ata que un día pensaron que podían abrir eles tamén unha tenda así en Vigo. As galerías Durán de Príncipe acollérona e foi alí onde comezaron a pensar en crear un festival baixo o nome de Sinsal con músicas de aquí e máis alá fóra da canle comercial.
Os luso-galaicos Mocho Gris
Xa no inicio da tarde, as melodías baixaron a un tempo musical máis lento pero de enorme fermosura e poesía co grupo galego-luso Mocho Gris onde a coidada voz protagonizaba o espazo xunto ao saxo e un sintetizador polifónico analóxico para os sons dixitais. Esta banda xunta o galego Lucas de Centi (do grupo Néboa) e o portugués João Neves, que teñen colaborado con Baiuca e que tamén son uns protexidos de Raso Studio. En San Simón presentaron o seu álbum debut, «2».
O público puido tamén escoitar os sons de Nadeem Din-Gabisi, Virginie Dembelé (de Mali), Indus (Colombia) e Juventude (Andalucía). Sinsal tamén ofreceu percorridos históricos pola illa con especial atención ao pasado de San Simón e San Antón como campo de concentración tralo golpe do 1936.
O festival proseguirá a vindeira fin de semana en Braga, Vigo e Oia.
Suscríbete para seguir leyendo
- Muere un marinero del cerco en un accidente mientras faenaba en las Cíes
- El Náutico de San Vicente vuelve a instalar una valla opaca para ocultar sus conciertos y reducir los problemas que causan
- Un incendio forestal que ya supera las 20 hectáreas moviliza decenas de medios en Ponteareas
- Manuel Freire y Dolores Pastoriza celebran los 60 años de casados
- La universidad pasa factura emocional en Galicia: casi 500 estudiantes piden ayuda psicológica a sus campus en un año
- Muere en Ourense Marcos Rodríguez Pantoja, el hombre que vivió más de una década aislado con lobos en Sierra Morena
- Un lunes de colapso en las carreteras de O Morrazo
- Portugal perfila los 12 trenes con los que unirá con Alta Velocidad Lisboa, Oporto y Galicia: más de 500 plazas en dos clases y sin cafetería