Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

MEMORIA E ARTE

As claves do Guernica galego: «A derradeira leición do mestre», de Castelao, que se amosa ata outubro en Pontevedra

O cadro exponse ata setembro no Museo de Pontevedra con éxito de público: as visitas guiadas de agosto están esgotadas

A directora do Museo percorre as claves dunha pintura cuxa lámina inicial percorreu Europa e América como propaganda da República contra a desfeita da Guerra Civil e os asasinatos do fascismo

O cadro "A derradeira leición do mestre", de Castelao, no Museo de Pontevedra.

O cadro "A derradeira leición do mestre", de Castelao, no Museo de Pontevedra. / Gustavo Santos

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Mar Mato

Mar Mato

Vigo

Hai sensacións que acompañan á persoa mentres lle persista a memoria. Unha delas é o que sentín ao entrarmos na sala do Museo Provincial de Pontevedra onde amosan «A derradeira leición do metre», de Castelao. A pintura está considerada o Guernika galego. Visitala é como entrar na cripta dun sepulcro; ten a aura dun altar. Impactan a escuridade e a luz, a exposición minimalista, Alexandre Bóveda no chan do lenzo nun charco de sangue, asasinado.

Dende a súa inauguración na vila do Lérez o 25 de xuño ata agora, a mostra converteuse nun imán. O Museo resalta que os datos das visitas «son bos, superiores ao habitual». Daraos a coñecer esta semana nunha nota de prensa.

Para cada mércores, xoves e sábado, artellaron visitas guiadas con 20 persoas de cada vez. Estas lograron un enorme éxito: para agosto, xa non quedan ocos. Para setembro só restan dez días con prazas. En outubro, a pintura regresará a Buenos Aires.

Falamos coa directora do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve, para afondar na iconografía do cadro e nos elementos que explican a atracción que exerce.

ANGELES TILVE, DIRECTORA Do MUSEO DE PONTEVEDRA.

ANGELES TILVE, DIRECTORA Do MUSEO DE PONTEVEDRA. / GUSTAVO SANTOS

Cal é o precedente do cadro?

«No Museo, podemos ver a lámina número seis do álbum ‘Galicia mártir’ que debuxa Castelao en marzo do 1937 en Valencia. Dos tres álbumes de guerra que fai Castelao, en ningún hai un personaxe recoñecible a excepción desa lámina. Esta estampa é feita a plumiña e augada. Tivo unha enorme repercusión cando se editou xa que foi un dos primeiros álbumes de propaganda da República que se publica. Despois faríano con outros autores como Arturo Souto (Pontevedra, 1902-Ciudad de México, 1964). A diferencia doutros artistas, Castelao non reproduce a fronte bélica, senón os efectos da guerra e a violencia nos civís».

Que busca comunicar?

Tanto a pintura como a lámina amosan a Alexandre Bóveda morto e a dous nenos xunto a el abatidos pola perda. Explica Tilve que as persoas de fóra de Galicia poden entender o cadro ou a lámina (esta circulou no seu día por Europa e América) como unha referencia á «persecución terrible que houbo contra o maxisterio republicano». Porén dende Galicia, sabemos que o protagonista é Bóveda. «É absolutamente recoñecible a súa cara. Non é un mestre de escola, senón un mestre e un redentor das ideas. Bóveda é o mártir do galeguismo. Os nenos ven que deu a vida por uns ideais e que eles van recoller esa memoria para trasladala ao futuro», indica Tilve.

Lámina "A derradeira lección do mestre" do álbum "Galicia mártir" de Castelao.

Lámina "A derradeira lección do mestre" do álbum "Galicia mártir" de Castelao. / Mar Mato

Que relación tiñan Alexandre Bóveda e Castelao?

Tilve lembra que Castelao coñece a nova do asasinato de Bóveda pouco tempo despois de se producir e decide «facerlle unha homenaxe» cunha lámina: «Castelao confiaba moito nas ideas de Bóveda. Este foi un dos redactores fundamentais do Estatuto do 1936. Castelao víao como o gran líder do galeguismo se non fora fusilado. Para el, foi terrible a nova do seu asasinato» dentro da represión fascista dos sublevados..

Inspiración en Goya

«Goya era un artista referente para el e inspírase nos «Desastres de la guerra» para o seu álbum. Na súa colección persoal, tiña un exemplar de ‘Os caprichos’.

Que simbolizan as árbores

O asasinato de Bóveda foi no mes de agosto do 1936, por que aparecen árbores sen follas no cadro e na lámina? Tilve responde que aparecen uns gromos nas puntas. «Parecen indicar que a árbore inda non está morta. Presentan un enorme parecido as do cadro e as da estampa. Este tipo de árbores xa apareceran noutras obras como o álbum ‘Nós’». Tilve detalla que Castelao nunca reproduce elementos paisaxísticos recoñecibles senón que procura simbolismos. «A paisaxe nunca é real; é arquetípica», aclara. É máis, a Bóveda asasinárono contra uns piñeiros.

Por que é unha paisaxe cae núa?

Tilve responde que «non quere que ao ollar o cadro te perdas en elementos superfluos. Elimina todo tipo de referencia especiais para centrarse nas figuras».

"A derradeira leición do mestre", de Castelao.

"A derradeira leición do mestre", de Castelao. / M.Mato

Que é a pedra que aparece?

A directora do Museo de Pontevedra explica que é un marco, unha pedra que serve para sinalar os límites das fincas no rural.

Por que hai elementos con pouca definición?

Se nos fixamos, os trazos na estampa (do ano 1937) aparecen máis definidos que no cadro (1945). «Cando Castelao pinta o cadro estaba practicamente cego. É un exercicio enorme de vontade que fai para realizalo. El non fai obra asinada e datada dende o ano 1943 porque está moi mermado da vista pero era un compromiso que ten co Centro Ourensán de Bos Aires e coa figura de Bóveda. Pídenlle que reproduza a estampa e el faino. El era moi preciso e firme no debuxo pero no cadro é menos potente o trazo. Tivo que ter moitas dificultades para pasar o debuxo dunha estampa de 29 centímetros a un cadro de dous metros. Tivo que ter axuda», engade Tilve.

Recalca que no cadro pérdese a calidade dos trazos con Bóveda. «O corpo del queda como unha mancha sen volume; tampouco se aprecia tanto a mancha do sangue. Penso que foi polas dificultades que tiña para pintar», engade.

Quen son os nenos?

Dous raparigos de diferente idade están cabo de Bóveda ollando para el, conmovidos, con tristura. Un tápase a cara como se estivera chorando. O maior intenta consolar o pequeno. Descoñecemos as identidades. Como as árbores son arquetipos. Pero recae sobre eles a importancia. «As camisas dos nenos recollen as mellores pinceladas do cadro. O primeiro que te chama a atención é que o fogonazo de luz está nas camisas dos pequenos. É un recurso simbólico para dicirnos que a luz queda aí, neses nenos que co tempo van ser os herdeiros desas ideas», sinala a directora do Museo sobre a arte de Castelao.

A dureza do título

A exposición en Pontevedra permítenos fitar en detalles como o título pintado a man do cadro e da estampa. Nesta última, fainos reflexionar como cambia o trazo cando escribe «derradeira», mesmo a liña empeza a ser descendente e as letras parecen minguar. Todo isto fainos pensar o duro que tivo que ser para Castelao. «Para el, foi moi traumático saber da morte de Alexandre Bóveda. Para el, era como un irmán novo e unha persoa de moita valía», destaca Tilve.

Quen era Bóveda?

«O que queremos é destapar a figura de Bóveda que está solapada ou tapada polo feito da súa morte. A maior parte da xente di que foi un galeguista fusilado na Guerra Civil pero non coñecen a enorme profundidade do personaxe. Era moi intelixente cunha valía profesional enorme como economista. Adiántase a Keynes nas súas teorías económicas. Coas súas indicacións, créanse as caixas de aforros. Calvo Sotelo quixo levalo a Madrid para o Ministerio de Facenda pero a el, como Castelao, gustáballe Galicia e quería quedar aquí. Foi fundamental no Partido Galeguista», resume.

Público na exposición do Museo de Pontevedra, na sala onde se atopa "A derradeira leición do mestre".

Público na exposición do Museo de Pontevedra, na sala onde se atopa "A derradeira leición do mestre". / Gustavo Santos

Onde se poden reservar as visitas guiadas?

O cadro pode verse sen visita guiada no Museo de Pontevedra, ubicado no Casco Vello da cidade. Non hai que pagar para entrar. Só hai que respectar os horarios de apertura. Alí, pódense apañar folletos informativos. Se se precisa información adicional pódese participar nunha visita guiada cuxas reservas se poden realizar aquí: https://museodepontevedra.clorian.com/gl/1439-individual/13860/info

Despois de setembro, a onde marcha o cadro?

A pintura é propiedade do Centro Galicia de Bos Aires. «Alí, expóñeno nun salón do Centro Galicia. Téñeno como un santuario; está exposto ao lado dun busto de Castelao. Tamén teñen unha vitrina ao lado con obxectos persoais de Castelao; así como un busto de Bóveda feito por Domingo Maza e que entregou ao Centro Ourensán o mesmo día que se entregou 'A derradeira leición do mestre'. É un busto de Bóveda morto. Primeiro, fixérono en escaiola e despois en bronce. É un centro social onde o cadro está accesible se pides permiso. A maiores, teñen unha copia na entrada. Coméntannos que todos os galegos que van a Bos Aires pasan por alí a velo. É unha obra moi simbólica», responde Tilve.

Polo tanto, tras amosarse tres meses no Museo de Pontevedra retornará á súa casa, Bos Aires.

Habería posibilidade de que quedase para sempre na Galicia nun futuro?

Ángeles Tilve comenta que cando foron a Bos Aires para a sinatura do préstamo da obra «todos os xornalistas nos preguntaban iso. Eu dicíalles e digo que o cadro non pode quedar aquí. Castelao fixo esa pintura para o Centro Ourensán que anos despois se uniu con outros no Centro Galicia. Leváronse para alí o patrimonio de todos eses centros. Foi o Centro Ourensán quen lle pagou o cadro. Foi unha institución fundamental para el porque mantiveron a Castelao e a Virxinia ata o fin dos seus días. Grazas a este centro publicouse o 'Sempre en Galiza' e outras obras. É deles, é propiedade dese centro».

A única posibilidade sería que ese centro autorizase a entrega definitiva da obra a Galicia. Pero Tilve recalca que o cadro «ten unha enorme carga simbólica para esta colectividade galega ou os seus herdeiros. Eu quedei sorprendida da galeguidade desa colectividade. Dende mediados do século XX xa non vai xente galega emigrada alí; non quedan exiliados alí. Como é posible que eses fillos e netos de galegos sigan falando galego, implicándose nas actividades da cultura galega? Eses símbolos mantéñenos unidos. Eles teñen medo a que non se lle devolvera o cadro. O Museo quixo traelo noutras ocasións e non fora posible. Ese centro está economicamente boiante. Eles son responsables do Colexio Santiago Apóstol de Bos Aires onde os rapaces falan galego. É un colexio de elite; sexan ou non galegos, os alumnos e alumnas aprenden o idioma. Paréceme ben que este símbolo estea alí».

Lembremos que o cadro só estivo en dúas ocasións na Galicia. A primeira, no 2029, na Cidade da Cultura, pola Xunta de Galicia.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents