Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Fenda de xénero nos escenarios

«Hai suficientes mulleres artistas para un 50/50 nos festivais»

Artistas galegas analizan a escasa presenza de propostas femininas en festivais, a raíz da análise elaborada por FARO dunha mostra de case 30 citas musicais de gran e mediano formato que revela que é do 23%, mentres que a das galegas cae a un 11%. Wöyza, La Yaya DJ e Law achegan as súas impresións ao respecto

Wöyza.

Wöyza. / GF estudio

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Carolina Sertal

Carolina Sertal

Vigo

A Asociación Mulleres da Industria da Música presentou o pasado mes de xuño o seu terceiro estudo de xénero e diversidades analizando 145 festivais e ciclos españois, detectando que só o 22% de artistas programados son mulleres. FARO publicou a pasada fin de semana as cifras da análise dunha mostra de case 30 citas musicais de gran e mediano formato celebradas en Galicia, constatando que a dita cifra ronda o 23%, mais a presenza das artistas galegas cae á metade con tan só un 11,3% de representación. Wöyza, La Yaya DJ e Law toman a palabra para achegar as súas impresións sobre esta fenda de xénero nos escenarios musicais.

Pioneira en Galicia e cunha traxectoria de máis de 20 anos consolidando o hip hop, soul e R&B na escena nacional, Wöyza sinala que, ante umbral de paridade fixado nun 60/40, «eu considero que debería ser obrigatorio un 50/50 se hai diñeiro público. Sempre fun defensora das cotas se hai cartos públicos e os programadores adoitan queixarse de que así non teñen ‘liberdade’ para programar porque din que supostamente hai máis grupos masculinos que femininos, pero eu penso que hai suficientes mulleres artistas para un 50/50. Se fas un evento privado, pois estás no teu dereito, pero con fondos públicos debería ser obrigatorio. Porque xa non só estamos falando de representación, senón dunha visión, de que contamos e como o contamos, é ter a oportunidade de ter outros referentes cos que comulgar ou cos que te vas a sentir ben».

Por outra banda, sobre a traba que supón esta situación, e tamén a réplica das mesmas propostas, á riqueza e diversidade musical sobre os escenarios, Wöyza indica que «ás veces se argumenta que os carteis se deseñan polos gustos musicais do público, pero é que non é certo iso de que elixe a xente, en certa medida están un pouco impostos e determinados polo que nos poñen, e que haxa outras artistas non resta calidade. Penso incluso que isto non é san para os propios artistas, porque eu mesmo recordo como se me etiquetou en Galicia de ser ‘a raíña do hip hop’, porque había poucas daquela traballando, e veume de volta. Eu sempe quixen que houbese moitísimas máis, de feito, o que máis me fastidiou sempre foi precisamente verme soa ou ver que as miñas compañeiras non se podían dedicar á música, porque non as contrataban ou quedaban no ‘underground’».

Malia que considera que si cada vez hai máis concienciación, Wöyza conclúe destacando que «aínda queda moito que axustar na industria e non só coas artistas, senón tamén coas mulleres que ocupan outros roles».

«A partir dunha idade somos invisibles. As mulleres temos que estar demostrando sempre que debemos estar nos escenarios»

La Yaya DJ

La Yaya DJ.

La Yaya DJ. / Cedida

Iniciou a súa traxectoria na música con 50 anos e confesa que o seu maior orgullo hoxe é que a súa neta diga: «A miña avoa é DJ». La Yaya DJ ten clara a súa reivindicación tanto arriba como abaixo do escenario e é que «non só poño música, senón que expoño o dereito que temos de ocupar espazos que tradicionalmente non se asocian a mulleres da miña idade».

Se ben recoñece que ten «moita sorte» e que en todos os festivais nos que estivo non achou estereotipos, La Yaya DJ afirma que «non se ten en conta a perspectiva de xénero ata o punto de que directamente hai festivais nos que no seu cartel son todo homes. Poderiamos pensar que vendo só un ano é unha casualidade, pero é que é algo que se repite edición tras edición e penso que non é unha cuestión de substitución, senón de ampliar o espazo, que non quede condicionado polo xénero ou pola idade, porque creo que iso beneficia tanto aos festivais, ás artistas e tamén ao propio público, que poderán acceder a unha oferta máis rica e representativa».

La Yaya DJ dá un paso máis alá das evidentes desigualdades nos carteis e fai referencia a que «a partir dunha idade somos invisibles e non debe haber caducidade, pero seguimos arrastrando que as mulleres temos que estar demostrando sempre que debemos estar nos escenarios. No meu caso, eu ocupo ese espazo dende o feminismo, dende a igualdade e dende o apoio ao colectivo LGBT porque creo no respecto, na diversidade e na liberdade para vivir como queiras e amando a quen queiras».

«Que haxa poucas mulleres nos escenarios perpetúa a situación, porque non teremos referentes»

Law

A artista viguesa Law.

A artista viguesa Law. / Candela Lora

Xunto con Wöyza e La Yaya DJ, a artista viguesa Law tamén achega as súas impresións sobre a fenda de xénero nos festivais en Galicia asegurando que «que haxa moitísimos máis homes que mulleres é algo que levo vendo dende hai anos e, por desgraza, segue estando presente, algo que máis alá da miña opinión é facilmente contrastable. A menor participación das artistas galegas para min é algo moi grave, porque poucas mulleres nos escenarios perpetúa a situación e quedamos sen referentes».

Neste senso, Law defende que en Galicia «hai un nivel moi alto de artistas mulleres e incluso proxectos femininos con moita máis calidade que proxectos masculinos que conseguen ir adiante ou ser máis coñecidos. Nós, como mulleres, sempre temos que facelo excesivamente ben para que se nos considere válidas».

Ao longo da súa traxectoria, Law ten experimentado dende «infantilización» a «ninguneo» e incluso un maior respecto cara os músicos que a acompañaban que cara ela mesma como líder do seu propio proxecto, algo que afirma que mudou un pouco nos últimos tempos.

En relación coa contratación nos eventos, Law destaca que «os concellos, as entidades, os organizadores dos festivais teñen responsabilidade á hora de contratar mulleres. Hai moitísima calidade, como pode ser que contraten tan pouco? Agora ben, eu sempre tiven traballo no 8M, por exemplo, pero é que non quero que só se me contrate nesa data, senón tamén nas festas grandes, non que sexa un lavado de cara», conclúe.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents