Un fío na lingua

Ilustración de Cavalinho do Demo. / Paula Pereira

Entendo que amole. Velaí está, importunando entre os dentes, rozando o ceo do padal, xogando ás cóxegas no abismo da glote, esvarando ceiba cara a porta da boca, desfechando os beizos e, malia séculos de coerción, ousando pronunciarse. Comprendo tamén que anoxe. Porque cando, esfiañada, semella perdida, feble, case defunta, sempre sempre consegue regresar até a canela para continuar tecendo memoria e identidade.
A miña diglosia enfiouse na cociña. As mulleres que me criaron introduciron inconscientemente no meu ouvido esquerdo dúas fibras trenzadas: seica unha, a máis fachendosa, elegante e educada, era semente dun gran porvir asegurado, namentres que a outra, minguada, malpocada e disque bruta, era nada máis que ruínas dun pasado que non pagaba a pena atesourar. As mulleres que me criaron esqueceron que unha trenza só é trenza se somos tres e que eu mesma, co paso do tempo, remataría escorregando un fío propio pola lingua.
Nunha primeira etapa, o idioma do gran porvir asegurado colonizou absolutamente toda a rutina que transcendía o lintel das aulas. A lingua minguada, malpocada e disque bruta foi aínda a menos cando os ósos do avó esmoreceron e xa só quedou ela na cociña, porque sempre é na cociña onde prenden certas faíscas, esparexendo unha fala que apenas era filamento.
De nome Carola, endexamais sementou xoaniña, bolboreta, riquiña e moito menos luscofusco ou vagalume, «palabriñas bonitiñas» que hoxe forman parte dunha escolma de diccionario dunha estratexia comercial de feble e dubidoso compromiso lingüístico tras o pitido que deixa a tarxeta de crédito ao seu paso. Pola contra, o que aquela muller do rural zurciu no ouvido da cativa que ao seu carón debullaba chícharos foi unha sementeira insubmisa ás marxes da Real Academia Galega de «cachicha», de ovos «ghaleados», de vimbiazos, de «currichos», de pota con comida «esturrada», de aquelar isto e aquelar o outro, de «arrumbar» os animais, de «leghón» e «fouzaña», de pasar o «cuchilo», de cruzar A Raia, de bruxas que levou consigo o avó cando foi á «gherra» até os montes de León, as mesmas polas que remataría vetando as lentellas.
Cando a súa pleura inflamou, rachou e todo encharcou, a fala que apenas era filamento aniñou rexa baixo un peito adolescente, enmarañouse emperrenchada, fíxose nobelo e «ghabeou» até anoar a gorxa. Carola ficaba agora entre as ruínas daquel pasado que non pagaba a pena atesourar e, inevitábel, o fío escorregou axiña lingua abaixo, esvarando non sempre, pero si cada vez máis veces, sempre un chisco máis.
Moitos anos despois, para cando a pequena Sara naceu a berrar no 2017, na epígrafe «En galego sempre» do Instituto Galego de Estatística asentábase preto dun 31% da poboación, namentres que na de «En castelán sempre» ficaba un 24,5%. A familia desta cativa dunha parroquia redondelá amoreamos conscientemente os extremos de cadanseus nobelos para erixirlle un berce mol que resoara a resistencia e desobediencia. E funcionou! Con dous anos, da lingua de Sara non emerxía un filamento, senón un manto infindo de riqueza, de cultura, pero sobre todo de aguante. Ela toda sendo por si mesma un tear. Porén, aquel mesto tapiz admirábel e abraiante non foi máis que unha efémera quimera, pois logo de pisar as aulas por primeira vez en 2020, en decembro, da súa lingua nai pendía un único floco: «Eu».
Do 14% de crianzas de «En galego sempre» que foi no seu día, Sara atópase na actualidade no case 54% de «En castelán sempre», ficando o primeiro grupo nun irrisorio 7%. Polo demais, hai quen atragoamos unha maraña de fíos, conscientes de sermos un pobo encamiñado á amnesia e a un borrado con cifras que hoxe acariñan un 30% de castelanfalantes sempre e só cun 24% de galegofalantes acotío.
A cativa que antonte debullaba chícharos casca arestora abelás con rabia en cociña hipotecada. Soña con Zeltia, filla e terra bosquexadas no maxínás que legar o fío herdado de Carola e así, sen constante risco de extinción, existir.
- «Premios» contra el absentismo: la industria gallega pacta pluses de 2 euros al día o 700 al año por no faltar al trabajo
- Rescatan a un niño de 5 años que se estaba ahogando en una piscina del balneario de Mondariz
- Vecinos de Ons paralizan los primeros desembarcos del día en protesta por no poder celebrar su fiesta
- Estabilizado el incendio en Moaña junto a la Autovía do Morrazo, en cuya extinción participan dos avionetas, un helicóptero y numerosos medios terrestres
- Cangas multará de forma directa y sin actuar subsidiariamente a los propietarios de fincas sin limpiar que sean reincidentes
- Paco y Carmen, el matrimonio centenario de Nigrán que murió en unos días
- De una valla de ocho metros al «sí, quiero»: Patricia y Rubén ya son marido y mujer
- Tres centenarios al mes pasan por los quirófanos del Chuvi, nueve veces más que hace una década