Memoria histórica democrática
Dignificar a dor do silencio
Logo de gañar o Premio SELIC , a novela «O silencio non arrola», de Adrián Noia, acaba de chegar ás librarías para amosar a realidade de milleiros de persoas que continúan na procura dos restos dos seus parentes en fosas e cunetas. O autor aborda a historia familiar que foi xermolo da novela, unha busca que está a piques de concluír

Antonio Civera Caudet. / Cedida

«O día que eu nacín, María Civera Caudet levaba 54 anos esperando». Como tantas avoas, nais, fillas ou irmás de familias españolas, a muller que inspirou ao compostelán Adrián Noia boa parte da novela coa que o ano pasado acadou o Premio SELIC de creación literaria, «O silencio non arrola», agardou toda unha vida para obter acougo e recuperar os restos do seu irmán, Antonio Civera Caudet, un soldado republicano que fuxiu a Francia e que, tras ser capturado, sobreviviu aos campos de concentración nazis de Mauthausen e Gusen até que foi liberado en 1945, falecendo dous anos máis tarde en París ao non ter a posibilidade de regresar a España. María Civera Caudet endexamais retirou dos dedos da súa man un anel que portaba un retrato do seu irmán, a quen incluso intentou axudar entrando na Falanxe para ver se era posible, dende o núcleo, contribuír ao seu regreso.
Foi aquel xesto de dor e esperanza, o de levar sempre consigo o anel e nunca retiralo, o que remexeu algo en Adrián Noia, quen se recoñece moi «sensible» para todo o relacionado coa memoria histórica democrática, de maneira que María Civera Caudet foi a muller pola que atopou azos para escribir a historia que, logo de acadar o galardón, acaba de chegar ás librarías para amosar a realidade de milleiros de persoas que continúan na procura dos restos dos seus parentes en fosas e cunetas.
«Se ben esta historia da miña rama familiar de Valencia non é a parte central da novela, si que é certo que está moi presente ese espíruto de gardar a memoria de falar diso porque, algo moi habitual nas familias nas que houbo represaliados é, precisamente, o silencio e non mencionar esa dor, pero a miña tía María si que o facía», sinala o autor, engadindo neste senso que «a novela o que intenta non é tanto buscar os culpables da guerra, senón falar do silencio, dese sufrimento desta xente, que tivo familiares que foron asasinados, exiliados ou represaliados».

María Civera Caudet. / Cedida
Logo de asistir en 2022 a unha homenaxe que se lle fixo a Antonio Civera Caudet, e tendo moi presente a figura de María, Adrián Noia tamén centrou a súa ollada no «baleiro» do que era consciente que tamén existía na historia familiar da rama materna en Galicia: «Eu sabía que dentro da miña familia máis directa había unha historia e que decidín investigar sobre todo nos xornais, facendo un percorrido por estes familiares. Sempre tiven curiosidade por saber que acontecera, porque a miña bisavóa morreu cando a miña avoa tiña 8 anos, sei que tanto ela como o meu bisavó viviron circunstancias complexas durante a guerra, porque el foi reclutado no 37 e no 38 estivo na Falanxe moi pouco tempo, pero polo que falei cunha investigadora da Universidade de Santiago de Compostela, neses anos, especialmente en Santiago, houbo moitos alistamentos e moitos non por motivos ideolóxicos, senón por supervivencia. Sei tamén que eran xornaleiros, eran xente traballadora, e con este contexto de base pensei en reconstruír esta historia de maneira ficcionada para intentar pechala, aínda que nunca saberei que foi o que aconteceu», destaca o tamén autor de «Pontealbar», publicada hai menos dun ano en Galaxia.
O colectivo da memoria
Ter recibido o Premio SELIC de creación literaria pola que constitúa a súa primeira novela de memoria histórica é para este autor compostelán «unha maneira de dar dignidade a estas historias familiares propias, porque en realidade tamén é a historia de moita xente que aínda que sexan netos ou bisnetos continúan buscando os restos deses familiares. Hai persoas que teñen éxito e os atopan, pero eu por exemplo, a día de hoxe, pois non sei onde está a miña bisavoa. Esta é unha maneira de plasmar o que aconteceu na posguerra, o que pasou con moita xente anónima que está enterrada en fosas e cunetas, e tamén de que as familias vexan que non están soas, de sentir o colectivo dentro da memoria histórica, de que si están acompañadas».

O autor compostelán Adrián Noia. / Cedida
No ano 2018, a «tía María» de Adrián Noia faleceu sen ter recuperado ao seu irmán, porén, apenas unha semana despois de que o libro que ela inspirou ocupara as baldas das librarías galegas, o autor compostelán recibiu a mellor das novas, pois os descendentes de María Civera Caudet poderían estar a piques de ver cumprida a vontade que guiou toda a súa vida, xa que é moi posible que os restos de Antonio Civera Caudet sexan recuperados en París. «Quero pensar que, unha vez que se atopen, a familia por fin estará aliviada e tranquila, porque aínda que María non o chegara a ver, puideron cumprir a súa vontade», conclúe o autor.
Suscríbete para seguir leyendo
- Tres apagones tras una avería eléctrica dejan sin luz a miles de vecinos y negocios en el centro de Vigo
- Los camiones del Combo Dominicano se atascaron en Trives pero la orquesta tiró de entrega y talento para mantener la gira: «Nos hicisteis disfrutar igual que siempre»
- El eclipse desde los cielos gallegos: un avión privado desde Suiza a Peinador, dos A400M militares franceses y decenas de avionetas en el interior
- «Ha sido una de las mejores experiencias de mi vida»: Óscar Pereiro conquista el Camino con su hija Catalina
- Roca Rey y José Tomás, dos figuras para dos «No hay billetes»
- El Concello de Cangas achaca la contaminación en la playa de Menduíña a la acumulación de grasa en el bombeo y revisa las arquetas en busca de algún vertido ilegal
- Muere un motorista de 47 años en Vigo al sufrir una salida de vía en una rotonda próxima a Peinador
- Muere el músico y diseñador gallego Víctor Coyote a los 68 años de edad en un accidente de bicicleta