Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Cultura

Os rostros espectrais do patrimonio pictórico galego

Documentando patrimonio artístico de Galicia, o lucense Luís Valle topou que preto dun 10% dos cadros revelaban un efecto «pantasmal»

O poeta aproveitou a descuberta para «Insomnia», un fotopoemario editado por Malafera e no que os seus textos dialogan con estes retratos extraídos de pinturas que abranguen dende o medievo até principios do século XX

Un dos rostros captados no rexistro visual elaborado por Luís Valle.

Un dos rostros captados no rexistro visual elaborado por Luís Valle. / Luís Valle

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Carolina Sertal

Carolina Sertal

Vigo

Foi de casualidade. No marco dun proxecto de fotografía científica e patrimonial, coordinando a dixitalización de Bens de Interese Cultural (BIC) de Galicia, o Luís Valle topou con que arredor dun 10% dos elementos pictóricos que fotografaba agochaban moito máis do que a captura ordinaria en cor amosaba en primeira instancia. E é que, afondando nas capas de edición dixital da fotografía tomada de certas obras pictóricas, no momento de viralas a branco e negro, a mirada das persoas retratadas baleirábase por completo, dando lugar á aparición dun efecto espectral sobre os seus rostros.

Xestor cultural e autor vencellando especialmente á poesía, o lucense, que sempre apostou por relacionar as artes visuais e plásticas co xénero lírico como ferramenta para a apertura de novos sendeiros á escrita poética, non dubidou en aproveitar aquela descuberta e así foi como naceu o proxecto de «Insomnia», un fotopoemario publicado pola viguesa Edicións Malafera e no que os textos de Luís Valle dialogan cunha escolma dos retratos «pantasmais» extraídos de pinturas do patrimonio artístico de Galicia que abranguen dende o medievo até principios do século XX.

«Partindo daquel traballo técnico, no que a fotografía é o máis obxectiva posible, como contrapunto, empecei a tratar as fotografías un pouco por divertimento e chegou un momento no que atopei que algunhas das imaxes que tomara dos óleos, unha vez que se viraban a branco e negro, quedaban pantasmagóricas. Sobre esas imaxes negativas empecei a asociar os meus textos e a crear unha especie de xenealoxía, de historia familiar desas obras que son completamente independentes, afastadas no tempo e de pintoras e pintores completamente plurais, ás que lles din unha dimensión familiar, dialogando con elas e escribindo textos que se acomodaron sobre elas», conta Luís Valle.

O poeta e xestor cultural Luís Valle.

O poeta e xestor cultural Luís Valle. / Cedida

Con respecto ao efecto espectral que revelaron as obras artísticas que documentou, o poeta lucense sinala que «ao fotografar o óleo acontece que, por un efecto óptico de captación de rexistro visual, hai ollos que se baleiran e o iris branquéase, achegando un efecto que en realidade é o contrario do que poderiamos esperar, porque hai unha revelación negativa, e algo que debería alonxarse da propia vida, achégase máis, achegando unha certa espiritualidade inquietante, como se revelaran a súa alma, o seu espírito. Esta descuberta foi froito da casualidade, revelando unha estética negativa que funcionaba francamente ben para o diálogo en ‘Insomnia’».

Neste senso, en relación co fotopoemario, Valle comenta que «o feito de tratar as pinturas con imaxes en branco e negro tamén fai que a imaxinación da persoa lectora sexa quen en realidade traballe e cree a obra, e esta é unha parte que me parece moi interesante da creación poética, facer algo o suficientemente condensado e complexo, pero coas suficientes chaves para dicir máis do que aparentemente se di. Esa é para min a idea da escrita poética, a máxima condensación da linguaxe, permitindo que as persoas descubran algo non tan próximo, que con certa atención intuitiva cheguen a conclusións distintas ás que chegan na vida cotiá. Para min esta é a dimensión máis valiosa da poesía».

Outro dos rostros incluídos no fotopoemario de «Insomnia».

Outro dos rostros incluídos no fotopoemario de «Insomnia». / Luís Valle

Así mesmo, sobre relacionar os versos coa disciplina artística da fotografía, logo de 30 anos dende que iniciou a súa escrita, Luís Valle sostén que «é moi interesante para ampliar as posibilidades expresivas da poesía, o diálogo con outras artes. Dalgún xeito, a éxtase pictórica da interpretación poética doutras artes, ese diálogo entre artes visuais e a palabra, creo que son unha vía de traballo moi produtiva. ‘Insomnia’ é o meu primeiro fotopoemario, pero é probable que afonde nesta liña de traballo máis adiante».

Edición independente

O feito de que o fotopoemario de «Insomnia» fose publicado nunha editora galega independente é para Luís Valle un aspecto importante a destacar, afirmando que «dentro de todo o panorama editorial galego, tal e como está conceptuado o libro, eu o único selo no que vía ‘Insomnia’ era en Malafera. Non é que este proxecto fose deseñado para Malafera, pero si que era a única editora na que eu vía publicado este fotopoemario, e foi un pracer traballar con Branca e Alfredo».

Se ben o autor lucense ten publicado con editoras convencionais, Luís Valle apunta que, na súa opinión, cómpre poñer en valor a edición independente, posto que «con cada texto poético ou con cada obra creativa, deséñase unha maqueta específica e pensada para que o artefacto literario funcione o mellor posible. Sen quitar mérito á edición convencional, é un pracer abordar proxectos nos que o traballo é completamente individual, completamente personalizado, no que se pode falar das dimensión do libro, do tipo de capa, da posición dos textos, de incorporar imaxes... Neste caso, ademais, ‘Insomnia’ é un libro monocromo en negro, un tipo de impresión totalmente anómala no que é a edición ordinaria», conclúe.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents