Mostra Internacional de Ribadavia | Janet Novás Bailarina e actriz
Janet Novás, Premio Nacional de Danza: «Estou nun momento de desgana de volver a bailar; non ten que ver coa danza, senón co sistema»
Sinala: «Teño 44 anos e un corpo adulto que o mercado xa non acolle da mesma maneira»
A bailarina porriñesa presenta este sábado con Mercedes Peón a derradeira función do seu espectáculo con ela na MIT de Ribadavia
«Empecei a bailar (a música de ) Mercedes Peón cando limpaba a casa coa miña nai», recorda

Janet Novás actúa na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia con Mercedes Peón este sábado. / Amador Lorenzo Blach/Instagram Janet Novás

A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT) será este sábado o escenario dunha despedida tras oito anos de esforzo e aplausos. A bailarina Janet Novás e a música Mercedes Peón representarán por derradeira vez o seu espectáculo «Mercedes mais eu». Falamos coa porriñesa Novás sobre este adeus, sobre a importancia do lugar de procedencia na súa obra e sobre o peso do corpo e do paso do tempo nunha bailarina e coreógrafa como ela, Premio Nacional de Danza e Goya a actriz revelación.
En que tesitura se atopa para ofrecer a derradeira función de «Mercedes mais eu» na Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia?
Para min, é importante pechar etapas para abrir outras novas. Nestes últimos anos, pasaron moitas cousas. Este traballo con Mercedes foi unha peza que xirou moitos anos. Ofreceume cousas incribles. Pensamos que sería bonito pechar a peza na Galicia, na casa, para unha celebración.

Mercedes Peón e Janet Novás. Ambas presentan a súa peza en conxunto por derradeira vez na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia. / Instagram Janet Novás
Lin no seu Instagram e imaxineina de nena co trapo de limpar o pó os sábados na casa de seus pais imitando a Mercedes Peón.
Si, é verdade. Había algo na súa voz e na maneira de utilizar o ritmo que me conectaba con algo moi poderoso. Dende nena, descubrín moitas cousas. Empecei a bailar a Mercedes limpando a casa coa miña nai. Despois, cos anos, deime conta de todo o que está detrás do que facemos: a linguaxe profunda que ten que ver co territorio. Por iso, vibráme tanto.
Cre que a conexión con Galicia creceu máis en vostede a raíz dos proxectos que realizou (con Mercedes Peón, «O corno», «Romaría»...)?
Creo que se visibilizou máis. Teño que darlle grazas á xente de Galicia que estivo sostendo aquí o tecido de danzas e artes escénicas porque sempre me tiveron en conta desde que moi nova comecei a bailar. Falo do Teatro Ensalle, do Centro Coreográfico Galego con Natalia Balseiro, Matarile, Voadora, Ruth Balvis, o colectivo RPM, o Festival de Cans... Sempre tiven un vínculo forte con Galicia que se fixo máis visible co cinema. Unha artista soa non chega aos lugares.
Faltan máis conservatorios de danza na Galicia onde formarse?
Os conservatorios fan un labor importante pero creo que Galicia non precisa máis; xa hai. O que si necesita Galicia é un lugar de formación cunha ollada que atenda as artes vivas desde un lugar contemporáneo, coas linguaxes na música, no cinema, na pintura, a poesía, a danza...
O ideal sería un centro público.
Obvio, porque pagando sería moi complexo. Debería ser accesible e debería ter un vínculo directo a longo prazo cos teatros de Galicia, as escolas... Habería que crear unha rede real de formación e educación dende a parte máis artística á social. Precisamos algo que acolla o que está a suceder aquí coa Mostra de Ribadavia, no colectivo RPM que leva anos acollendo artistas en residencia, na Bienal de Pontevedra... Galicia está nun momento artístico moi bonito. Sería un lugar de creación vinculado con todos estes espazos para crear un núcleo. É o que acontece en Cataluña cunha rede moi conectada. En Madrid, non sucede isto.
«Where is Janet» naceu dun momento no que pensou en deixar a danza. Tralos logros dos últimos anos, imaxino que dará grazas á Janet desa altura por continuar.
Bueno, é un tema que me persegue sempre. Non está solucionado de todo. Ao final, estamos nun país no que vivir da arte é unha aposta moi grande, pola que sacrificas moitas cousas. Estou moi agradecida pero, coa idade, un vai cuestionando de que maneira quere seguir vivindo. Esta cuestión de deixalo ou non ten que ver co desprazamento. Non creo que deixe a danza porque é algo que xa está en min e ten que ver cunha maneira de entender o mundo dende o corpo. Irá mutando. O cine xa me fixo desprazalo un pouco. Agora faime ter unha ollada a outros lugares.
Logo, como se atopa vostede agora?
Agora estou escoitando un abano que se empeza a abrir. Como artista, tes que estar nun lugar de moita escoita. Cando empezas a crecer moito e ter visibilidade, tes que estar todo o rato para volver ao centro, fóra do ruído, para entender por que estás aquí. Que che dean un Goya ou un Premio Nacional de Danza está ben pero hai que deixalo de lado por un traballo artesanal.

A bailarina e actriz Janet Novás. / FdV
O ego necesita estar equilibrado.
Tes que estar no traballo. É un mundo de estar exposta polo que te podes perder do traballo e cando pasa isto último perde o sentido todo e comezas a facer cousas baleiras. Non entendes o motor de por que estás. Ese exercicio é o máis difícil e hai que traballalo como cando fas ao ximnasio. Tes que fortalecer o músculo de estar no centro. Quero ser fiel a min mesma máis alá do que a xente queira.
O seu último traballo en «La buena hija», que supuxo para vostede?
Foi unha gozada traballar co elenco e coa directora. Ofreceume a oportunidade de seguir no cinema, que me encanta. Se seguen vindo oportunidades, é un luxo.
Con que proxectos anda entre mans? Amosou un vídeo sobre bailar e a desgana.
Agora estou nunha etapa da vida na que xa non estou tan namorada da danza como estaba. Estou empezando a acercarme á aceptación dun cambio de corpo. Os corpos mudan; eu teño 44 anos. É un corpo adulto que o mercado xa non acolle da mesma maneira. Ese é un dos motivos polos que deixo a peza con Mercedes Peón. Hai unha cousa de consumir ese corpo de 33 anos cunha enerxía determinada. Queren seguir consumindo iso cando eu non son iso. Quero soltar algo de min dunha parte preciosa da miña vida pero quero propoñer outro corpo, o da miña realidade actual. É un corpo atravesado polos conflitos da maternidade. É un lugar complexo para as mulleres desta idade. Estou vendo que está pasando e como quero compartir iso dende a fraxilidade. Vouno facer de maneira honesta coidando a miña intimidade. Estou nun momento de desgana de volver a bailar. Non ten que ver coa danza.
Ten que ver co momento da vida...
E co sistema. Nunca me interesou; hai algo do mercado que non ten que ver coa miña natureza e a miña forma de crear. Non digo que sexa vella pero hormonalmente empezan a suceder uns cambios. Antes había unha enerxía que non cambiaba, que se reciclaba. Agora, empezas a ver que non é así. Todo iso trae moitas resistencias e dúbidas. Eu non recoñezo o meu corpo e quero volver recoñecelo para aceptalo e abrazalo. Ás veces, somos moi duras con nós mesmas, sobre todo se te dedicas ao mundo da danza porque hai unha presión sobre o físico se es muller. Tamén, no cinema. A cuestión física está sempre aí presente. As mulleres sabémolo.
Suscríbete para seguir leyendo
- Bañeras de mármol y piezas de la balaustrada de hace un siglo entre los restos del derribo del antiguo balneario do Outeiro: la Xunta pide a la Policía Autonómica que acuda al inmueble
- Fallece con cinco días de diferencia el matrimonio centenario de Nigrán tras 78 años de casados
- La Policía Local de Vigo rescata a una joven arrastrada por la corriente unos 50 metros en la desembocadura del Lagares
- Murió tras un error de diagnóstico en las Urgencias del hospital de Ourense después de un accidente en una ambulancia
- Así afecta la presencia de E. coli en las playas de Vigo: esto es lo que pasa si te bañas
- Ya está el calendario escolar 2026-2027 en Galicia: fechas de inicio de curso, vacaciones y claves para la conciliación familiar
- El PP pide responsabilidades al gobierno local por los vertidos en las playas y el «caos en el balizamiento»
- Qué supermercados, tiendas y centros comerciales abren en Vigo este 15 de agosto: todos los horarios