Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Memoria histórica

90 anos da Guerra Médica do 1936: máis de 250 doutores represaliados polo franquismo con asasinatos e condeas en Tui, Ponteareas, Redondela, Vigo e múltiples vilas

A represión polo golpe de estado franquista cebouse cos médicos

Moitos foron asasinados, inhabilitados, encarceados ou destituídos con multas de ata un millón de pesetas

Un deles foi o facultativo que inspirou «O lapis do carpinteiro», de Manuel Rivas

Detalle do edificio da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela.

Detalle do edificio da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela. / Xoán Álvarez

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Mar Mato

Mar Mato

Vigo

Hai xusto 90 anos, o 17 de xullo, prodúcese en Melilla o Alzamiento dunha parte do exército español en Marrocos contra o goberno republicano. Francisco Franco voa un día despois de Las Palmas a Tetuán para tomar o mando das tropas. Comeza o golpe de estado contra a II República; inician a Guerra Civil española. A reedición de «O lapis do carpinteiro» de Manuel Rivas fainos regresar a eses días e a como o médico Francisco Comesaña -no libro, o doutor Daniel da Barca- é encarceado e condenado a morte. Non foi o único facultativo represaliado. O psiquiatra e investigador David Simón Lorda ten cuantificados máis de 250 só na Galicia.

No caso de Francisco Comesaña, este foi xulgado e condeado por traición, baixo a pena de morte. Ter nacido en Cuba, permitiulle á súa familia lograr que lle conmutaran a sentenza final por unha cadea perpetua que minguou os anos na cadea ata o 1939. Outros como o tudense Darío Álvarez Limeses non tiveron esa sorte.

Darío Álvarez Limeses.

Darío Álvarez Limeses. / Wikipedia

O 30 de outubro do 1936, con 58 anos de idade, era asasinado na súa vila. En vida, lograra a Medalla de Ouro da Cruz Vermella polo seu altruísmo na atención de vítimas de accidentes e catástrofes», como resume Rosendo Bugarín. Este, nun artigo de «Galicia Clínica», explica que nunca ocupou cargos políticos inda que formaba parte de Izquierda Republicana. En Tui, coñecíano como «o médico dos pobres». Non lles importou aos franquistas cando o condenaron a morte. Asasinárono xunto a outras persoas, ente elas, o tamén médico tudense Alejo Diz Xurado.

Rápida, a represión avanzaba naquela Galicia do 36. «O plan executado é tan simple como a idea do golpe do estado: eliminar a quen ten o poder», escriben Fernández Prieto e Míguez Macho no libro «Golpistas e verdugos de 1936».

O poder librábase nos sanatorios

O poder non só se libraba nos cuarteis, nos concellos e nas escolas, tamén nos sanatorios e nas consultas médicas. «Foi unha represión selectiva, de status sobre aqueles que ostentaban o recoñecemento social», escribe o psiquiatra e investigador David Simón Lorda en «Recuperando a memoria (histórica) na sanidade galega» .

Aí, escribía que os galenos represaliados na Guerra Civil e nos anos inmediatamente posteriores sobrepasaban os 150. Case dez anos despois, noutra publicación, o mesmo autor elevaba a cifra a máis de 250. Canto máis se investiga debaixo da alfombra e do olvido, máis se atopa.

Un suicidio inducido en Compostela

O terror que persegue os médicos republicanos revivímolo en diferentes libros. Un exemplo é «Un señor elegante», de Suso de Toro, ao falar da «desesperación na madrugada» de Luís Morillo Uña. Este, con 35 anos de idade, era catedrático de Xinecoloxía na Facultade de Medicina de Santiago e decano da mesma.

Foi destituído e no proxecto Nomes e Voces sinalan que tras sufrir a persecución e o acoso de estudantes falanxistas decidiu suicidarse no 1937 antes da noite de Reis. De Toro na súa obra conta como o médico Ramón Baltar intentou dar esperanza a Morillo de que nada malo lle pasaría, que fora para a casa tranquilo que algo argallaría para agochalo e facilitarlle o exilio. Mais Morillo xa o tiña decidido.

«Non o puideches impedir, a desesperación prendera nel moi fondo, máis do que ti pensabas. Estaba obsesionado, que o habían matar, que o habían matar (...) Estaba aterrorizado. Naquel tempo os días eran terríbeis», escribe de Toro sobre a imposibilidade de Baltar de Salvar a Morillo.

Comisións de depuración nos colexios de médicos

Naqueles anos, nos colexios de médicos do Estado, formáronse comisións asesoras de depuración para analizar a conduta dos médicos membro durante a República. O resultado foron milleiros e milleiros de expedientes en España.

Nos propios hospitais e sanatorios da época, os facultativos librabaran durante os anos anteriores a súa batalla sobre a medicina, sobre como tratar sen cobrar ás persoas máis necesitadas, sobre como mellorar a atención á cidadanía. A competencia pola dirección dos centros de saúde abriu rencillas que acabarían en axustizamentos na Guerra Civil.

O doutor Amancio Caamaño Cimadevila, de Pontevedra.

O doutor Amancio Caamaño Cimadevila, de Pontevedra. / Nomes e Voces

Amancio Caamaño e o Hospital de Pontevedra

Un destes casos foi o de Amancio Caamaño Cimadevila. Nacido en Negreira (A Coruña). Formado no estranxeiro, destacou pola súa práctica como cirurxán. Candidato de Izquierda Republicana e membro de loxias masónicas, foi director do Hospital Provincial de Pontevedra. Nel, os médicos de ideoloxía de dereitas mantiveron un enfrontamento cos republicanos nos anos anteriores que derivou en destitucións ou pérdida de recoñecemento dos primeiros. Co golpe de estado, o 24 de xullo foi detido por masón e colaborar co Socorro Rojo Internacional. Tiña 42 anos cando en novembro foi asasinado na estrada de Campañó na Caeira (Poio), o espazo no que semanas despois matarían a Alexandre Bóveda.

Os asasinatos non só lograban sacar de diante a médicos reputados deixando os seus cargos para outros máis afíns á Falanxe, tamén se traducían na recaudación de diñeiro para a ‘causa’ xa que as familias eran sancionadas con multas moi cuantiosas (nalgún caso dun millón de pesetas de antano) e mesmo con expropiación de bens como lle aconteceu a Celestino Poza Cobas, médico pontevedrés, encarceado en San Simón.

As sancións perseguiron mesmo aos que quedaron con vida. O vallisoletano Francisco Anastasio Bejarano estivo en varias frontes na Guerra Civil ata chegar a ser capitán médico no bando republicano. Ao rematar a guerra, condénarono a morte.

Librouse dela porque o seu pai, de familia pudente e avogado, coñecía a Queipo de Llano e outros xenerais, segundo relata Simón Lorda. A condea final tradúcese en 12 anos de cárcere. No 1940, foi trasladado ao campo de concentración de Camposancos, na Garda; e un ano despois ao cárcere de Santa Isabel en Compostela. Nesta última, unha ducia de persoas morrían ao día. Co fin de mellorar a saúde dos presos, Bejarano encargouse da Enfermaría como «médico recluso».

Grazas á intercesión de médicos como Manuel Álvarez Álvarez saiu da prisión pero sendo desterrado a Cortegada de Baños (Ourense). Non lle deixaron colexiarse. Inhabilitado estivo tamén o oculista vigués Juan Montaña Fernández tras pasar anos no cárcere.

Mais as historias que máis pesar causan son as de galenos como o redondelán Telmo Bernárdez ou a o ponteareán José Antonio Fernández de la Vega, os dous fusilados por formar parte de Izquierda Republicana.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents