Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Arte

A xestión dos espazos expositivos en Galicia, a debate

O Consello da Cultura Galega celebra un encontro con expertos e profesionais para reflexionar sobre os modelos de xestión, gobernanza e políticas culturais públicas a raíz do cambio de dirección do CGAC

Profesionais dunha das mesas celebradas onte na xornada.

Profesionais dunha das mesas celebradas onte na xornada. / CCG

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

R. S.

Vigo

Gobernanza corresponsable, de modelos de xestións, de procedementos de selección que «teñen que ser necesariamente transparentes», con criterios públicos e dunhas institución culturais que «sexan libres, independentes e que poidan ser críticas». Foron algunhas das cuestións que se puxeron sobre a mesa na primeira xornada dos dous encontros sectoriais dedicados a analizar a situación dos espazos expositivos e das institucións de arte contemporánea en Galicia, un evento organizado polo Consello da Cultura Galega a raíz da crise no sector tras a recente designación da dirección do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC).

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Dolores Vilavedra, foi a responsable de inaugurar a primeira das xornadas e na súa intervención destacou que obxectivo do encontro é «abrir un espazo de análise e de reflexión no que participen persoas especialistas e profesionais do sector, xa que o que detectamos é un problema recorrente, non só en Galicia, senón no ámbito europeo, no que as institucións afrontan crises no seu liderado de natureza parecida», engadindo que «hai unha tensión subxacente entre o poder político e o poder cultural, este último un poder que se exerce con ferramentas simbólicas e hai unha tensión que resolver e, sobre todo, que analizar». A presidenta do CCG fixo referencia á necesidade de «ter institucións culturais sólidas, especialmente, nun momento no que a democracia está en perigo. Reforzar os espazos culturais como espazos democráticos é importante para ofrecer eses espazos de resistencia e de defensa dos valores democráticos nos que cremos».

A xornada estivo coordinada por Paula Cabaleiro, quen indicou que «dende a crise aberta e moi grave xurdida pola nova designación da dirección do CGAC, na nosa sección xurdiu e púxose sobre a mesa promover algunha acción para partiricpar do movemento contestatario por parte do sector e da cidadanía para contribuír a manifestar a nosa preocupación por esta situación». Cabaleiro sinalou que a iniciativa «A xestión dos espazos expositivos a debate» procura dar unha resposta «construtiva e útil para trazar unha liña de diálogo, reflexión e interlocución coas administracións públicas, o que non temos e demandamos» e tamén apuntou que a situación acontecida no CGAC «transcende a designación dunha directora nunha institución epicéntrica, pois fala dunhas políticas culturais trazadas cunha estratexia e que dalgún xeito, dende o sector, non están sendo corresponsables».

O marco xurídico e legal das institucións culturais, a xestión dos museos e centros de arte desde a perspectiva das asociacións profesionais independentes e a xuntanza de representantes de entidades culturais, do ámbito universitario e do sector galerístico centraron a primeira xornada que tamén celebrou mesas de traballo participativas nas que persoas asistentes e relatoras se distribuíron en diferentes grupos para debater sobre os retos da xestión cultural, a transparencia nos procesos de selección, a participación profesional nas políticas culturais, a autonomía das institucións e os mecanismos para reforzar o sistema artístico galego.

Dende o Consello da Cultura Galega adiantouse que este encontro servirá de base para unha segunda xuntanza, prevista para o 22 de setembro, cuxas achegas e conclusións serán recollidas nun informe que será presentado ao longo dos meses de outubro e novembro. Neste senso, a creación dunha mesa sectorial permanente como canle de diálogo entre o sector das artes visuais e as administracións, a necesidade de reforzar a gobernanza independente e a autonomía das institucións culturais, a recuperación dun plan director para o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), o cumprimento do Código de Boas Prácticas e a incorporación de mecanismos de transparencia nos procesos de selección foron algunhas das primeiras conclusións que deixou a primeira xornada.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents