Cultura
Galaxia estrea nova sede en Vigo e nomea a Tamara Andrés como responsable de Edicións
A tradutora, escritora e investigadora convértese na primeira muller que asume o dito cargo en 75 anos de vida da editora
As novas oficinas atópanse en Travesía de Vigo, 71, no mesmo edificio no que se acubilla o almacén que distribúe literatura a todo o territorio galego

Logo de celebrar o ano pasado o seu 75 aniversario e tras a recente renovación da dirección, con Marcos Calveiro relevando no cargo a Xosé Manuel Soutullo, a Editorial Galaxia inicia unha nova etapa marcada pola estrea dunha nova sede na cidade de Vigo e co nomeamento de Tamara Andrés como responsable de Edicións.
As novas instalacións foron presentadas esta mañá polo presidente da editora, Antón Vidal; o director de Galaxia, Marcos Calveiro, e a nova directora de Edicións, Tamara Andrés, que acaba de converterse na primeira muller en asumir o dito cargo en 75 anos de vida da casa editora. Co traslado das novas oficinas a Travesía de Vigo, 71, Galaxia centraliza así toda a súa actividade, posto que as novas instalacións están situadas no mesmo edificio no que acubilla o seu centro loxístico, integrado por un almacén que distribúe arredor dun centenar de títulos a todo o territorio galego.
Na presentación pública da nova sede, Antón Vidal destacou que era «unha satisfacción» amosar a cara renovada das oficinas e afirmou que a editora segue «medrando dentro das posibilidades do mundo da literatura en Galicia e da literatura en galego», poñendo ademais en valor o esforzo dos traballadores e traballadoras asegurando que «Galaxia non deixa de ser un milagre». Neste senso, o presidente da compañía fixo referencia a que «non é unha mercantil ao uso, porque Galaxia foi unha concepción dun grupo de xente que despois do gran mazazo da Guerra Civil, na clandestinidade, volve a recrear o Partido Galeguista pero xa despois do ano 45 se dá conta de que sería imposible manterse na clandestinidade e crea unha mercantil, unha mercantil que chega até nós defendendo sempre un ideario transversal onde teñen cabida todas as ideoloxías e no que o único que nos une é o concepto da idea, esa idea que é Galicia e a defensa da cultura galega. Esa é Galaxia».
Pola súa banda, Marcos Calveiro sinalou que «a editorial, dende 1950, sempre intentou estar na vangarda apostando pola renovación e polo futuro, e este de hoxe é un chanzo máis. Nestas novas instalacións estamos xuntos todos os traballadores co pulmón da editorial, que é o almacén no que están os libros, polo que é moi importante».
Nova directora de Edicións
Para presentar a Tamara Andrés, Marcos Calveiro fixo fincapé en que a tradutora, investigadora e autora poiense pasa a converterse na primeira muller en asumir a responsabilidade de Edicións nos 75 anos de traxectoria de Galaxia «sucedendo a xente como Ramón Piñeiro ou Carlos Casares e ten a vantaxe de que nos últimos anos xa estivo traballando con nós como editora externa, responsabilizándose da colección de poesía Dombate, na súa condición de poeta e autora».
No seu primeiro acto como directora de Edicións, Tamara Andrés comentou que medrou tendo como figuras referenciais a Xaime Illa Couto, Carlos Casares ou Fina Casalderrey, entre outros, polo que apuntou que para ela era inevitable sentirse «moi honrada e con moita responsabilidade nesta nova etapa». Andrés adiantou que continuará na liña de «seguir incorporando novas autorías ao catálogo e co obxectivo de incidir en xéneros como a poesía, o teatro ou a banda deseñada, así como recuperar moitas autoras e incidir sobre todo na autoría feminina».
Tamara Andrés (Combarro, 1992) é doutora en Tradución e Paratradución pola Universidade de Vigo cunha precoz traxectoria como escritora e tradutora, que ata agora combinaba como docente na institución universitaria viguesa. Máis alá do seu perfil investigador e autorial, no eido editorial, cómpre destacar que Tamara Andrés realizou labores de tradución, corrección e revisión para distintos selos e, dende 2024, é responsable da colección de poesía Dombate, de Editorial Galaxia, selo onde publicou o poemario «Corpo de Antiochia» (2017), o álbum ilustrado «Distancias» (2020, con Marcos Viso) e «Eu son de aquí e alá» (2026), libro híbrido arredor da figura de Matilde Lloria. Entre as súas traducións máis recentes cómpre salientar unha antoloxía poética de Vicent Andrés Estellés (Premio 2024 de Tradución da Universidade de Vigo) e, xunto a Oriana Méndez, «As iluminacións», de Arthur Rimbaud (2024, XXII Premio de Tradución Plácido Castro). Como editora, deu ao prelo, xunto con Ana Luna, «No lindeiro do bosque. A tradución nos primeiros anos de GRIAL» (Editorial Galaxia, 2025).
Suscríbete para seguir leyendo
- Rescatada del agua una persona que flotaba boca abajo en una playa de Sanxenxo
- Dos toneladas de microplásticos llegan a la ría de Vigo cada año desde el Morrazo
- «Ya no me queda nada por hacer en el partido ni en la política»
- Abraham Mateo consigue dejar 'loco enamorado' al público de Castrelos
- La Europol incluye en su lista de más buscados a una mujer que se hizo pasar por médica en Lugo y A Coruña
- La estudiante viguesa del campus de Pontevedra, Marta Domínguez, se proclama de nuevo campeona de squash del mundo universitario
- Un Celta 'in crescendo' empata ante el Nápoles
- Tres heridos en dos accidentes de tráfico en Cangas y Moaña
