ONCOLOGÍA | Rexina Vega Escritora, pacente oncolóxica e membro da Asociación de Cáncer de Mama Metastásico
Rexina Vega, paciente oncolóxica: «Cando me rapei o pelo pola quimioterapia subín unha foto ao Facebook e ao Instagram; fíxeno por unha cuestión política»
A escritora publicará no outono un libro sobre a súa experiencia como paciente de cancro de mama
Falou da obra no curso de verán sobre Oncoloxía no Talaso Atlántico
«Hai un lavado de imaxe do cancro se mama, é a principal causa de morte das mulleres novas deste país», critica

Rexina Vega coa cadeliña Chloe cando estaba no tratamento con quimioterapia. / Hermes Salceda

A escritora Rexina Vega (Premio Xerais e Francisco Fernández del Riego) vén de facer o seu segundo Camiño de Santiago. Desta volta, a ruta xacobea cara Fisterra. Falamos con ela; ten a voz cantarina polo teléfono. Celebramos que sone feliz ata que un oco ás veces resoa ao preguntarlle pola súa participación no VIII Curso de verán de Oncoloxía Integrativa da Universidade de Santiago de Compostela (USC) no Talaso Atlántico de Oia. Máis de 30 profesionais falarán de distintos aspectos. Vega centrouse na relación entre o cancro e a literatura. Ela é paciente oncolóxica.
Fixera antes o Camiño de Santiago?
É a segunda vez. Comecei a raíz do cancro. Antes, nin se me ocorrera. O ano pasado fixen Tui-Santiago. Unha vez o fas, engánchate. Nunca imaxinei que fose tan adictivo.
O curso que abriron este luns ofrece ollares amplos como a menopausia precoz ligada ao cancro.Coñezo xente á que lle anticiparon o cese da regra a raíz de ter tumores malignos de mama.
Este é o terceiro ano que participo no curso. É unha iniciativa supernecesaria. Participo porque o meu foi un cancro de mama metastásico e tamén porque son representante da Asociación de Cancro de Mama Metastásico. Non che din todos os efectos secundarios que vas ter. A cuestión é que á xente nova que lle paran a menopausia, non lle din nada do que lles espera. É terrible no seu corpo, na saúde mental, na súa sexualidade. As secuelas poden ser terribles.
Na súa intervención, centrouse na relación cancro-literatura.
É unha enfermidade que necesita un relato e que precisa desfacer o relato asumido; tamén necesita desfacer a metáfora como a que utilizou desgraciadamente Feijóo hai uns días: esa idea do cancro como a desfeita absoluta, como unha enfermidade necesariamente mortal; iso está cambiando como cambiara antes coa tuberculose e a sida. É necesario que fagamos relatos de continuación da vida. Por iso, moita xente que sobrevive a un cancro, acaba escribindo. É unha enfermidade extrema e faise necesario un relato para crear de novo unha identidade. Hai moitísimas obras sobre esta doenza.
Que exemplos pon?
A Fran Cortegoso, na literatura galega, e a Maria Merce Marçal na catalana; esta última con «Raó del cos» que escribiu durante a súa convalecencia por un cancro que a mataría. Tamén obras de Pia Pera, Virginia Woolf, Susan Sontag, Joan Margarit... Hai moitas escritas de convalencencia ou agonía sublimada á literatura. Eu tamén fixen un poemario que vai saír en setembro nunha nova editorial que se titula «Lázara».
Como plasma a súa vivencia neses versos?
Recolle esa idea de que os supervivintes non estamos vivos exactamente nin mortos. Pasas unha experiencia extrema de poñer en perigo a túa vida e continúas co fantasma da morte porque un enfermo oncolóxico o é durante toda a vida. Habitas o mundo dun xeito distinto. Habitas un corpo que mudou; hai unha disociación, unha crise de identidade moi profunda. O impacto do diagnóstico, a disolución da identidade, o pavor á quimioterapia, a degradación do corpo e a recuperación...Narro isto en clave poética porque creo que as vivencias extremas como mellor se narran é con poesía ou prosa poética.

A escritora Rexina Vega, nunha foto de arquivo do 2021. / Eli Regueira
Custoulle enfrontar o que sentía co papel ou facilitáballo o papel?
Cando estaba máis enferma, cando pasaba a quimioterapia, lía de maneira devoradora. Eran libros sobre a enfermidade. Lía de xeito obsesivo case como a lectura adolescente para intentar apreixar o sentido. Non tiña a forza suficiente para pasalo á escrita. Ao recuperarme da quimioterapia, foi cando empecei a vomitalo no papel. Era algo que necesitaba. Primeiro, escribín mentalmente e despois no papel.Transmitir a túa experiencia pode axudar a outras persoas. Este é un poemario sobre a vida e sobre a morte e isto vainos tocar a todos.
No inicio, comentaba que formaba parte dunha asociación.
Ao principio, tardei en achegarme a asociacións pero logo entendín que necesitaba loitar politicamente polos dereitos para reclamar máis investigación e máis beneficios sociais para as enfermas. Son a delegada territorial en Galicia da Asociación Española de Cáncer Metastásico. Hai un lavado de imaxe do cancro. Din que o de mama é o cancro bo pero é a principal causa de morte das mulleres novas deste país. Leva a 6.000 mulleres por diante ao ano en España. Entre o 30 e o 40% dos cancros acaban en metástases. Estas están en vías de cronificación pero aínda hai un nivel de mortes alto. Iso non sae nos anuncios de compresas.
É posible que no xornalismo teñamos a culpa de focalizarnos na salvación...
Non, está ben. O discurso ten que ser positivo. O proceso de cronificación dos cancros lévanos a unha realidade que non existía antes. Empezamos a ser un número elevado de pacientes que vivimos con cancro e cunha vida funcional absoluta; pero vivimos pendentes de tratamentos e coa doenza durmida. De aí, a idea de «Lázara», dun ser dalgún xeito mutante, cun pé na vida e con outro no máis alá. É unha nova realidade e hai que poñer axudas psicolóxicas e de apoio social e económico. Hai moita xente nova que queda precarizada.Hai unha loita política moi potente que dar pola visibilidade.
Sempre tivo claro que quería falar do seu diagnóstico?
Esa tamén é unha cuestión política. Cando me rapei o pelo pola quimioterapia en seguida subín unha foto ao Facebook e ao Instagram. Considerei que era importante visibilizar esta realidade. Ten unha parte política: dáse moito esta realidade pero a experiencia queda invisibilizada para ofrecer un discurso alegre para non sufrir. Eu intento trascender esta realidade buscando un sentido para a vida, un sentido esperanzado. Por outra parte, hai unha loita simbólica que quero amosar no poemario.
Cal?
Quero chamar a atención sobre a morte. Non pode ser que teñamos unha sociedade tan de costas á morte. Se non pensas nela, cando chega o pavor é maior. Hai que aprender a morrer.
Por que non o facemos?
Berger di que o capitalismo cambiou a denominación dos mortos que pasan a ser os eliminados. Os mortos xa non están presentes. O capitalismo busca eliminar a experiencia negativa, o mesmo que fai o cancro de mama. Céntrase nunha falsa imaxe de felicidade permanente pero somos máis desgraciados que felices; encauzan todo para que sexa un carrusel de alegría: unha enorme mentira.
Así impulsan máis a gastar.
Claro. Dinche «se tes isto, tes alegría», pero esa alegría é efémera polo que tes que seguir comprando. Os cadáveres só quedan un día no tanatorio. Queda todo borrado, queren que se acabe pronto pero o que corremos por un lado envelénanos por outro.
Suscríbete para seguir leyendo
- Dónde (y dónde no) ver el eclipse de este miércoles cerca de Vigo
- Denuncian a la protectora Os palleiros de Pontevedra por la desaparición y acogida posterior de una perra en Poio
- Pinchan las ruedas de 10 coches de portugueses en la playa de Areacova
- El cultivo de la cebada se extiende por Galicia: Hijos de Rivera se alía con 27 agricultores de A Limia y alcanza las 850 hectáreas
- Menores con adulto y permiso parental se quedaron fuera de la platea de Castrelos para ver a Abraham Mateo: «Sé que es la ley, pero...»
- Cada año 200 profesores piden compaginar la docencia con otro puesto de trabajo
- El Casino de Pontevedra mantiene la tradición: 22 chicas, «presentadas en sociedad»
- Dos policías nacionales salvan a una mujer que se quedó inconsciente al atragantarse en un bar de Vigo