Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Música tradicional galega

Catorce grupos e artistas representarán a Galicia no Intercéltico de Lorient na Bretaña francesa: "É como xogar na copa do mundo e saber que vas gañar"

Dende Ailá e Luar na Lubre suspiran por que Galicia copie a iniciativa bretona pola profesionalización do festival e a colaboración de máis dun milleiro de persoas voluntarias

«É complicado que te escollan e é moita responsabilidade porque vas representar a Galicia. Ten que saír perfecto», confesan dende Tequexetéldere, de A Estrada

Carlos Núñez retorna ao Festival Intercéltico de Lorient.

Carlos Núñez retorna ao Festival Intercéltico de Lorient. / A.L.

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Mar Mato

Mar Mato

Vigo

O gaiteiro galego Carlos Núñez contaba con 13 anos de idade a primeira vez que actuou no Festival Intercéltico de Lorient. Sempre que fala daquel intre subliña como lle impresionou. As fotos de Michel Boin tomadas naquel 1984 en branco e negro plasman o momento e regresan ao presente. Este verán, o vigués retorna ao que está considerado o maior encontro da música celta do mundo. Preto de un millón de persoas acudiron o pasado ano á vila da Bretaña francesa.

Nesta edición, desde o 31 de xullo ata o 9 de agosto, ademais de Núñez outros artistas galegos actuarán: Susana Seivane, Luar na Lubre, Ailá, Benefán, o grupo estradense de baile Tequexetéldere, a Banda de Gaitas Estivada, José Manuel López coa súa masterclass de gaita, a pandeireteira e cantareira coruñesa Icía Kirk e Joel Lorenzo (no lugar de Bieito Pereiro). A maiores, loitarán polo trofeo MacCrimon -que o ano pasado logrou un galego- os gaiteiros Manuel Seoane, Ismael García, Héctor Lomba e Antón Franco.

Carlos Núñez na súa primeira actuación no Festival de Lorient con 13 anos

Carlos Núñez na súa primeira actuación no Festival de Lorient con 13 anos / Michel Boin /Facebook Carlos Núñez

Da Estrada, á meca do tradi celta mundial

Lorient supón unha meca pola que se suspira. Nesta edición, actuarán por primeira vez alí os integrantes do grupo de baile Tequexetéldere, da Estrada. «A nivel de festivais do mundo celta é como ir xogar a copa do mundo e saber que vas gañar. Só vai unha agrupación de baile de Galicia cada ano. Entón, somos moitos os que queremos ir. É complicado que te escollan e é moita responsabilidade porque vas representar a Galicia. Ten que saír perfecto», confesa José Garrido, xerente da agrupación.

Para que así resulte, comenta que están a realizar «tres ensaios semanais, así que o estamos vivindo con intensidade. As pandeireteiras ensaian pola súa parte, o corpo instrumental tamén e os de baile para despois probar todos xuntos».

Hai meses que levan montando o repertorio con bailes que representarán as catro provincias galegas. «Temos actuacións todos os días e xornadas con varias», engade. O grupo de baile actuará con 14 parellas en fileira nas Noites Máxicas, no estadio de fútbol. «Así -sinala José- é máis vistoso, o escenario grande así que tes que ir con mínimo 12 parellas para que quede bonito»

A recuperación dunha aña

Entre o repertorio que teñen pensado, destaca unha aña. «Hai tres anos recuperamos unha. É un baile típico que se facía coa malla da herba. A xente xuntábase e era como un 'ligoteo' cun bailando cunha rama de loureiro mentres ía sacando a bailar as mulleres. As pandeireteiras en lugar de pandeireta tocan neste baile con sachos», adiante José.

Ailá regresa ao Intercéltico para facer bailar

Pola súa parte, Ailá retorna para actuar por segunda vez. Xan Pampín recoñece que «sempre é unha fachenda representar a Galicia fóra das nosas fronteiras físicas, sexa Asturias, León, o Celtic Connections ou Lorient. Nós estamos consolidados como grupo (cumpren cinco anos dende o primeiro disco). Pulimos o repertorio estes anos e xa ten todo que ver co baile. A nosa potencia está na música festiva de transmisión oral».

O público de Lorient ve Galicia cuns ollos incribles"

Xan Pampín

— Músico integrante de Ailá

Pampín destaca tamén que «o público bretón e o do festival ve Galicia cuns ollos incribles porque a nosa música é moi potente. Para eles, está moi cargada de enerxía polo tema do baile e do viva que está aquí. Non é música de museo e iso transmítese no directo. O público é incrible e moi respectuoso; non como aquí que a xente se pon na barra do bar a berrar. Habería que ter máis respecto aquí».

Pero en que máis se pode fixar Galicia no Intercéltico de Lorient para extrapolalo ao noso país? Pampín teno claro: a profesionalización do festival. «Teñen director artístico, xente que vai ás feiras, que está preocupada por que as programacións estean en consonancia cos seus principios. Hai centos de voluntarios [máis dun milleiro] que traballan gratis para que saia adiante. Que máis podemos aprender? Soubo adaptarse aos tempos, mudou co cambio das estéticas e das formas de entender as músicas celtas e tradicionais», responde.

Ailá actuará por segunda vez no Intercéltico de Lorient.

Ailá actuará por segunda vez no Intercéltico de Lorient. / Ailá

Para Pampín hai outro elemento: «O Festival de Lorient conta cunha persoa en cada nación celta que leva a delegación nelas do certame. Esas persoas son as encargadas de escoller as artistas que actuarán no FIL cada ano. Hai un traballo repartido para meterte nas entradas dunha cultura que non é a súa. Os delegados en cada nación saben como se respira en cada unha, que talentos novos hai...».

A profesionalización do tradi galego, algo necesario

A profesionalización do festival é algo que tamén resalta Bieito Romero, de Luar na Lubre, que actuarán alí para celebrar os seus 40 anos na música. «É un festival moi importante na música celta. Estamos encantados de voltar a Lorient. O primeiro ano que fomos foi no 1986, o ano no que se creou Luar na Lubre. Foi moi emocionante. Deberíamos aprender deles como organizan as cousas».

A continuación, destaca como a cultura está «trenzada» coa programación musical. «Isto fai que o evento teña unhas particularidades sólidas. Debemos aprender deles. Lévannos moitos anos de vantaxe. Deberíamos sacarlle rendabilidade ao que significa a cultura celta e a un evento desas características».

Luar na Lubre cumpre 40 anos neste 2026.

Luar na Lubre cumpre 40 anos neste 2026. / AYUNTAMIENTO DE SALAMANCA

Romero recoñece o gran momento que vive a música tradicional galega, mais preguntámoslle que podemos argallar para que non quede nunha moda duns anos. «Ben sabes que son altibaixos. Hai momentos de efervescencia. Agora vivimos un quizais; dá a sensación. Pero aquí falta unha industria propia e un apoio claro para apostar polas músicas se fan dende aquí. Nos 90, esta música xa collera un estatus importantísimo fóra de Galicia. Agora, temos que conseguir maior repercusión no exterior para a nosa música. Iso conséguese creando estruturas empresariais e culturais que lle dean forma. Non vale só con ter talento; se non o exportas, acaba enquistándose ou morrendo no lugar».

Un cambio de mentalidade

Non abondaría con axencias musicais fortes, as administracións públicas tamén deberían aportar. «Publicitan as praias fóra; deberían facer o mesmo coa música para que teñe trascendencia fóra coa proposta empresarial. Iso é o que están facendo noutros lugares. Temos que abrir os ollos ás iniciativas que funcionan no exterior», conclúe Romero.

O cambio de paradigma é necesario. Novas xeracións xa están a petar na porta. Un exemplo é a cantareira e pandeireteira Icía Kirk, que ten colaborado con Ailá e é parte do grupo Xiro. A artista coruñesa viaxará actuará de novo en Lorient para participar nun campamento de novos artistas.«Imos dous artistas de cada nación celta», sinala. O outro galego será este ano o arousano Joel Padín, moi coñecido polos seus vídeos no Tik Tok. «Na primeira semana, ensaiamos coa axuda dun titor en cada grupo; na segunda, actuamos xuntos no Festival. Entre todos, imos propoñendo pezas dos nosos países para facerlles os arranxos e tocalas», explica a moza coruñesa que participou no Festival anos atrás co grupo Donaire.

Icía recoñece que ir a Lorient «é un soño, unha experiencia moi grande á que lle teño moita ilusión. Emocióname ir representando a Galicia».

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents