Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Letras Galegas 2027

Unha oportunidade para reivindicar a Anisia Miranda

A escolla de Xosé Neira Vilas pola RAG para a homenaxe do vindeiro 17 de maio permite achegarse tamén a outra figura fundamental na promoción e preservación da cultura e da literatura galega na diáspora, a da escritora Anisia Miranda

Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda.

Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda. / Arquivo FDV

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Carolina Sertal

Carolina Sertal

Vigo

«Éncheme de ledicia que a memoria de Anisia siga viva. En min sempre segue presente, consciente ou insconsciente, os seus valores como ter un espírito crítico ou manter un pensamento aberto e tentar non perder a curiosidade dun neno, todo o que me ensinou segue a ser o mellor que podo atopar en min». Son as palabras que Diego Rodríguez trasladou no seu momento a Andrea Mosteiro, graduada en Lingua e Literatura Galega e Premio á Calidade Lingüística do Traballo de Fin de Grao da USC (2025) co título: «Anisia Miranda Fernández: vida e obra dunha escritora universal», sobre a fonda pegada que deixou nel a innovadora e pioneira iniciativa da apertura dunha biblioteca rural que a escritora Anisia Miranda impulsou en Galicia na década dos 90 xunto co seu compañeiro de vida, Xosé Neira Vilas.

O anuncio da Real Academia Galega (RAG) da escolla do «pai» do icónico Balbino como vindeiro homenaxeado nas Letras Galegas non só é unha oportunidade para rescatar o fondo legado literario co que Neira Vilas nutriu o patrimonio galego, senón que tamén se presenta como unha excelente ocasión para a divulgación e reivindicación doutra figura esencial na promoción e na preservación da cultura e da literatura galega na diáspora, a da xornalista e escritora Anisia Miranda, quen camiñou parella co autor de Vila de Cruces na posta en marcha de proxectos chave tales como a fundación da editorial Follas Novas e a distribución e publicación do libro en galego no mercado americano, así como o lanzamento das revistas cubanas dirixidas a público infantil «Zunzún» e «Bijirita» ou a creación da dita biblioteca rural na parroquia de Gres, en Vila de Cruces.

Baixo a titoría de Dolores Vilavedra, actual presidenta do Consello da Cultura Galega, Andrea Mosteiro Sangiao (A Estrada, 2003) afondou nos últimos anos na figura de Anisia Miranda cun Traballo de Fin de Grao cuxo obxectivo era valorar a súa contribución á literatura galega, nun contexto social onde as literatas foron invisibilizadas por ser as esposas de prestixiosos escritores. A través da súa investigación, Mosteiro procurou revelar os motivos polos que Miranda se erixiu como unha voz imprescindible na literatura galega, destacando moi especialmente que, malia ser unha autora alófona, foi quen de «defender, preservar e captar a esencia da cultura galega nas súas obras».

Filla de migrantes ourensáns, Anisia Miranda naceu en Cuba no ano 1932 e a unha idade moi temperá, sendo unha adolescente, inicia xa a escrita dos seus primeiros poemas e colaboracións xornalísticas. Á hora de abordar a súa figura, Andrea Mosteiro explica que para comprender a súa adhesión ao galeguismo hai que desprazarse até Bos Aires, onde se instala en 1953 coa súa familia. É en Arxentina onde toma contacto cos intelectuais galegos grazas a unha participación activa en institucións como a Asociación Galega de Universitarios, Escritores e Artistas (AGUEA) e asistencia e intervención en encontros eruditos, pero destacando moi especialmente a conferencia sobre Rosalía de Castro que impartiu Ramón Suárez Picallo no Centro Ourensán, pois ademais de supoñer un punto de inflexión para Anisia Miranda no tocante a súa conexión co galeguismo foi o espazo no que precisamente Xosé Neira Vilas e máis ela enlazaron camiños.

Anisia Miranda

A xornalista e escritora cubano-galega Anisia Miranda. / Magar

Deste período da metade do século XX, a investigadora sobre a xornalista e escritora cubano-galega tamén pon o foco na importancia que supuxo para Anisia Miranda ter a oportunidade de formarse baixo a guía de intelectuais do talle de Eduardo Blanco Amor, tal e como aconteceu a raíz da creación da AGUEA. Así, para Miranda supuxo unha ocasión para consolidar o seu achegamento á cultura galega e rematar situándose como unha figura relevante para a súa preservación na diáspora. A este respecto, Andrea Mosteiro fai referencia a que a súa participación no I Congreso da Emigración Galega, celebrado no Centro Ourensán en 1956, tamén foi determinante.

Logo do seu casamento co autor de Vila de Cruces, ambos emprenden en 1957 a posta en marcha de Follas Novas, «un espazo que se configurou como unha feira permanente do libro galego», apunta Andrea Mosteiro, quen no seu Traballo de Fin de Grao tamén o destaca como «un proxecto pioneiro orientado a fortalecer os lazos entre Galicia e a súa comunidade emigrante a unha escala internacional». E é que ademais de ser o berce da primeira edición de «Memorias dun neno labrego», Andrea Mosteiro sinala que, dende Follas Novas, Anisia Miranda e Neira Vilas se ocuparon de «centralizar e distribuír obras publicadas tanto en Galicia como na emigración, a través dunha extensa rede coa que chegaron a Montevideo, Caracas, Nova York e Santiago de Chile», de maneira que se ocuparon de garantir a produción cultural galega malia as trabas políticas do momento.

Así mesmo, baixo o selo da súa propia editorial e cun deseño e ilustracións de Luís Seoane, Anisia Miranda publica o seu primeiro poemario en 1960: «Esta es mi Cuba, hermano», unha obra que para Mosteiro representa «unha confluencia excepcional entre a literatura galega e a vivencia do exilio, consolidándose como unha das publicacións máis emblemáticas do proxecto».

Sería interesante elaborar unha biografía académica sobre Anisia Miranda e unha para público infantil e xuvenil

É precisamente a principios dos anos 60 cando o matrimonio se instala en Cuba, onde impulsarían as revistas infantís «Zunzún» e «Bijirita», con Anisia Miranda como fundadora e redactora xefa e co obxectivo de «publicar literatura de calidade para nenas e nenos cubanos e democratizar a educación nun tempo no que as escolas eran escasas» Andrea Mosterio analiza que, con respecto á publicacións que a escritora realiza nesta época, destacan especialmente os xéneros da narración breve, teatro e xornalismo literario, mencionando a modo de curiosidade que «emprega pseudónimos como ‘Doña Lechu’ e ‘Aurora del Río’ ou ‘Emiliana Araújo’, na honra da nai do seu pai, para o xornalismo literario».

Así mesmo, a investigadora pon de relevancia o importante impacto que tiveron as ditas publicacións, pois acadaron tiradas de 350.000 e de 250.000 exemplares, respectivamente. En relación á temática, Andrea Mosteiro refire no seu Traballo de Fin de Grao que en «Zunzún» céntrase en elaborar «as edicións monográficas, como as da biografía da infancia de José Martí e do Che, ambas da autoría de Anisia Miranda e a segunda con máis dun millón de exemplares».

Nos 90, o matrimonio instálase no Gres natal de Neira Vilas e aí Anisia inicia unha función pedagóxica co proxecto da biblioteca rural que en pouco máis dun ano acada 177 socios, según indica Mosteiro. Na súa derradeira fase de creación literaria, Anisia Miranda afianza as súas facetas como poeta, dramaturga e xornalista literaria galega. Por outra banda, o seu compromiso coa cultura galega tamén quedou reflectido coa tradución de poetas como Rubén Darío, Amado Nervo, José Martí ou Walt Whitman ao galego.

A modo de conclusión, Andrea Mosteiro, bolseira na actualidade do proxecto «Informes de Literatura» do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, subliña a necesidade de continuar investigando e difundindo a obra de Anisia Miranda, «non só como un acto de xustiza histórica, senón tamén como unha forma de enriquecer o patrimonio cultural galego», pois a investigadora considera que a xornalista e escritora non acadou no ámbito académico o recoñecemento á magnitude e ao alcance das súas contribucións tanto na literatura como na cultura en toda a diáspora galega. Neste senso, a investigadora pon o foco en que «sería interesante elaborar unha biografía académica sobre Anisia Miranda e unha para público infantil e xuvenil», ademais de apostar pola edición da súa obra inédita e pola reedición do traballo que foi publicado en Ediciós do Castro, pois Mosteiro pensa que «é importante que o resto da poboación teña acceso a súa obra».

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents