Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Palestina

A epopea da Global Sumud Flotilla rumbo a Gaza xa ten a súa película: asínaa o director galego Alberte Pagán

Estreou onte en Compostela o documental «O sonho da razom»

Avisa: «Quizás mañá teñamos que loitar contra o fascismo aquí»

Imaxe antiga recuperadana película "O sonho da razom" de Alberte Pagán.

Imaxe antiga recuperadana película "O sonho da razom" de Alberte Pagán. / Foto cedida por Alberte Pagán

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Mar Mato

Mar Mato

Vigo

Alberte Pagán é un dos cineastas galegos que máis defende un cinema con selo propio e experimental. Este xoves estreou en Santiago de Compostela «O sonho da razom», unha longametraxe documental sobre a o xenocidio que Israel está a cometer en Gaza e a intervención do exército israelí sobre a flotilla Global Sumud.

Pagán explica que «é un filme moi diferente a 'Película urxente por Palestina' -na que tamén trataba o conflito palestino-isrraelí- que era un panfleto de incitación á loita. O novo non parte tanto da tripa e do corazón senón que intenta reflexionar sobre estas oito décadas de colonización de Palestina por parte de Israel. A orixe foi a foto do cartaz, feita no mar de Galilea no 1896. Estaba fascinado con esa imaxe desde había anos e non sabía que facer con ela ata o ano pasado».

Foto de finais do século XIX de pescadores palestinos no Mar de Galilea.

Foto de finais do século XIX de pescadores palestinos no Mar de Galilea. / Cedida por Alberte Pagán

Esa imaxe agasalláralla o cineasta Cris Lores, de Pontevedra. «Atopouna seguramente nalgún mercadillo hai moitos anos», engade o realizador do Carballiño.

Anos despois de recibir esta foto, no 2025, mentres a Flotilla da Liberdade navegaba para intentar rachar co bloqueo por mar contra Gaza, Alberte Pagán seguía o avance dos barcos desde a terra. «Vixiabamos as cámaras dos barcos da Flotilla e quedei fascinado con esa cámara neutra acompañando as embarcacións. A partir da conxunción destas dúas imaxes naceu a película», sinala.

Quizá mañá teñamos que loitar contra o fascismo aquí

Alberte Pagán

— Cineasta

A colaboración de Pagán con este proxecto nacera antes, na marcha global ao paso de Rafah. «Esta pretendía camiñar dende o Monte Sinaí ata a fronteira con Gaza polo territorio exipcio. Foi a partir de aí que se constituíu a movemento Global Sumud no cal eu participei. En canto tiven oportunidade embarqueime, este ano. Fíxeno por coherencia para loitar contra o fascismo», engade.

Asegura o director de cine que hoxe en día debemos loitar contra «o fascismo sionista pero quizá mañá teñamos que loitar contra o fascismo aquí. De ocurrir, gustariame que o pobo palestino e outros pobos do mundo viñesen loitar connosco».

Un filme, un collage do século XIX ata agora

Trala imaxe antiga en Galilea como punto de partida, o filme ofrece «unha especie de collage» na que Pagán vai «achegan do outras fotografías de Palestina do século XIX e as imaxes da vixilancia da Flotilla. Vouno aderezando con palabras e textos que tiro de diversas fotos desde Kafka a Netanyahu e o ministro Smotrich, ademais de textos bíblicos e mapas do século XIX», sinala.

Alberte Pagán, director de cine que presenta "O sonho da razom" sobre o conflito e o xenocidio en Gaza.

Alberte Pagán, director de cine que presenta "O sonho da razom" sobre o conflito e o xenocidio en Gaza. / Claudio Pato

Explica que o fin é ir comparando a documentación de dous séculos atrás coa situación actual e reflexionando que podería ter sido Palestina sen a ocupación que sofre. «Sería un país sen un xenocidio en marcha década tras década», responde el mesmo. Ademais, a poboación sería máis elevada xa que non sufriría o éxodo imposto que levou a milleiros e milleiros de persoas a abandoar o país para vivir, moitas delas, en campos de refuxiados en estados limítrofes.

«O réxime sionista fala moito do dereito ao retorno da poboación xudea pero perto do millón de persoas que expulsaron cando se creou o estado de Israel parece que non ten dereito ao retorno», sinala.

«Non é unha película narrativa»

En canto á linguaxe cinematográfica, recoñece que o filme «bebe moito do experimental. Aviso que non é unha película narrativa. É máis ben un filme para reflexionar. É un ensaio pausado co que se pretende que o público reflexione a partir dos elementos que lle propoño».

Respecto da intervención do exército israelí na Flotilla no Mar Mediterráneo lembra pensar que «a medida que se achegaban á costa palestina sabías que o secuestro ía suceder pronto. Eran noites enteiras pendentes do teléfono ata que as interceptaron».

Engade que «cun réxime fascista nunca sabes que vai acontecer. Este ano houbo moita violencia coa Flotilla. Volveu xente cos ósos rotos, houbo violencia sexual... Como ven que poden secuestrar 500 persoas e 80 barcos no Mediterráneo con impunidade, séntense con forza para ir escalando a violencia para o futuro».

Estamos anestesiados ante o xenocidio?

Non hai espazo para a poética tampouco imaxes dos bombardeos. «Penso que mostrar os bombardeos e as mortes diarias nos televisores anestésiannos. É o vello problema de como filmar e mostrar o xenocidio. Busco que a xente analice que pasa agora, por que e dende cando está a acontecer», sinala.

Respecto á anestesia que rexistramos, plantexa unha cuestión. «A xente pregúntase como foi posible que se permitira o holocausto. Pois estámolo permitindo agora. No fascismo, sempre hai xente que o xustifica pola perversión da linguaxe. De repente, Israel ten o dereito a defenderse. Que curioso que a potencia ocupante teña dereito a defenderse, este dereito deberíano ter os que son ocupados. É doado manipular a mentalidade colectiva», reflexiona Pagán.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents