Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Xosé Neira Vilas, «construtor do noso imaxinario colectivo», Letras Galegas 2027

A Real Academia Galega aproba por unanimidade adicar o próximo Día das Letras ao autor de 'Memorias dun neno labrego' nunha sesión no Pazo Municipal da Coruña. A candidatura de Constantino García González foi retirada tras considerar que Neira Vilas «convoca todas as adhesións que significan as Letras Galegas»

Xosé Neira Vilas.

Xosé Neira Vilas. / XOAN ALVAREZ

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

María Rey

A Coruña

A Real Academia Galega escolleu este mércores, 8 de xullo, o persoeiro que será homenaxeado nas vindeiras Letras Galegas de 2027 nun pleno ordinario na Coruña. Tras un duelo entre Xosé Neira Vilas (Vila de Cruces, 1928-2015) e Constantino García González (Oviedo, 1927-Santiago de Compostela, 2008), as dúas candidaturas que se disputaban o título, finalmente foi o de Vila de Cruces o elixido para suceder a Begoña Caamaño.

«Tivemos un debate amplo sobre as dúas candidaturas presentadas», declarou o presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, quen anunciou que o acordo se tomou, finalmente, por unanimidade —30 persoas—, ao retirarse no propio pleno a candidatura de Constantino García González. «Non é habitual que saia por unanimidade», engadiu Monteagudo.

«A Academia está moi contenta de satisfacer esta ansia popular que nos chegou por moitas vías de dedicar o Día das Letras Galegas a Neira Vilas», engadiu Monteagudo. «A decisión non está tomada ata que se debate no pleno», especificou ante «que se dese por feito» antes da finalización da reunión que o elixido era Neira Vilas.

Plenario da RAG no que se escolleu a Neira Vilas

Plenario da RAG no que se escolleu a Neira Vilas / Gus de la Paz

O presidente da Real Academia Galega definiu a Neira Vilas como «un auténtico construtor do noso imaxinario colectivo», e destacou o seu labor na reivindicación da diáspora galega. «As súas calidades como escritor son extraordinarias, foi capaz de construír unha lingua literaria viva, rica e ao mesmo tempo espontánea, é un escritor que nos cautiva nas primeiras liñas dos seus textos», declarou Monteagudo.

«Hai unha obra en castelán que comeza con ‘En un lugar de la Mancha’; hai unha obra en galego que empeza con ‘Eu son Balbino’. Conseguir dende unha aldea de Gres chegar ao mundo enteiro é algo extraordinario, fóra do común. Non é un best seller, é algo mais», declararou Fina Casalderrey. Margarita Ledo, pola súa banda, destacou o rigor na fala e o papel activista de Neira Vilas. «É unha figura que convoca todas as adhesións que significan as Letras Galegas», indicou.

Pasaron 11 anos dende o pasamento de Neira Vilas —e case 18 dende o de García González—, polo que ambos escritores acadaban un dos requisitos para poder ser homenaxeado das Letras Galegas, que establece que deben ter pasado, como mínimo, dez anos do finamento da persoa.

Historias dende a quinta provincia

«Eu son… Balbino. Un rapaz da aldea. Coma quen di, un ninguén. E ademais, probe». Esas primeiras verbas, escritas da imaxinación de neno labrego de Neira Vilas, viaxarían a carón de rapaces de aldea e de cidade, do século XX e do XXI. Conforman o parágrafo introdutorio de Memorias dun neno labrego (1961), a novela máis vendida e traducida da literatura galega.

Esas vivencias propias e universais, de Balbino, Xosé e tantos outros nenos, foron publicadas por Neira Vilas dende a diáspora galega do outro lado do Atlántico, dende a Arxentina. Precisamente a quinta provincia galega, ademais do mundo labrego, foron uns dos eixos vertebradores do imaxinario do de Vila de Cruces.

Plenario da RAG no que se escolleu a Neira Vilas

Conferencia de prensa tras o pleno da RAG no que se escolleu a Neira Vilas / Gus de la Paz

Plenario da RAG no que se escolleu a Neira Vilas

Conferencia de prensa tras o pleno da RAG no que se escolleu a Neira Vilas / Gus de la Paz

Alén a historia de Balbino e Manolito, que «non hai quen lle tusa», na obra de Neira Vilas —de máis de 50 títulos— destacan Cartas a Lelo (1970), Aqueles anos do Moncho (1977), A muller de ferro (1969) e Querido Tomás (1980). Todos eles retratan, cunha linguaxe patrimonial, popular e accesíbel, o contexto social e histórico da época.

Narrador, ensaísta, xornalista, poeta, orador e conversador, Neira Vilas foi membro numerario da Real Academia Galega, doutor Honoris Causa pola Universidade da Coruña e La Habana e fillo predilecto do Concello de Vila de Cruces. Recibiu, asimesmo, o Premio da Crítica Española de narrativa e da Crítica Galega na categoría de ensaio, así como o Ramón Piñeiro de ensaio, o premio do Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega e a Medalla Castelao.

Constantino García González

O outro candidato proposto, ainda que finalmente a súa candidatura foi retirada, foi Constantino García González (Oviedo, 1927-Santiago de Compostela, 2008), un dos impulsores fundamentais do proceso de normalización do galego.

Foi un dos fundadores e primeiro director do Instituto da Lingua Galega, creado en 1971, dende o que fomentou o estudo do galego no ensino básico. Tamén destacou o seu labor como decano da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, sendo o primeiro catedrático da institución en valerse do galego para a primeira lección do curso 1977-78, co discurso Galego onte, galego hoxe.

Fuente: La Opinión A Coruña

Tracking Pixel Contents