Un videoxogo galego ambientado nas Cíes e en Cabo Home plasma a súa fantasía en sete linguas, entre elas o bretón e gaélico
Pódese xogar gratis tamén en galego, castelán, inglés, francés e no idioma galés
O seu autor é o xornalista, escritor e creador multimedia Manuel Gago

Manuel Gago vén de crear o videoxogo «O corvo das Cíes». / M. G.

Roi Gago é un bebé galego; vén de nacer. Entre o seu axuar de benvida, xorde un elemento que chama a atención. «Hai xente que tece patucos para os seus sobriños, eu prepareille un videoxogo», espeta nada máis comezar a conversa Manolo Gago, o seu tío escritor e director de culturagalega.gal, a plataforma online de divulgación do Consello da Cultura Galega. A obra que lle dedicou a Roi leva o nome de «O corvo das Cíes».
Aínda que ten un corte fantástico bebe moito da tradición galega. Ademais, sitúanos nas illas da boca da ría de Vigo pero tamén en zonas de Cangas como o Facho de Donón ou Cabo Home.
«Sempre me interesaron as excavacións que se fixeron no Monte Facho e a presenza do deus chamado Berobreo. Tamén me interesaba ese lugar privilexiado mirando para as Illas Cíes. Na costa pontevedresa, as illas son lugares onde van os mortos na tradición oral. Pareceume un escenario marabilloso para desenvolver unha historia fantástica inspirada nos mitos tradicionais galegos», sinala o xornalista da Pobra do Caramiñal pero nado en Palmeira (Ribeira).
Un xogo sobre o taboleiro das Cíes
Gago reflexiona que, na gran maioría dos videoxogos, buscan crear novos espazos de fantasía. «Pensa en 'Xogo de Tronos' ou 'O señor dos aneis'. Inventan un territorio pero, a min, paréceme máis chulo plasmar a fantasía en lugares reais. Por iso, aproveitei a topografía das Illas Cíes. Cando xogas neste videoxogo, estás xogando na xeografía destas illas en na do Cabo Home».
O escritor e xornalista subliña que «un problema hoxe en día é que hai moi poucos xogos divertidos baseados no imaxinario de Galicia. E este é rico abondo para facer xogos chulos como este».
Un corvo, de protagonista
«O corvo das Cíes» arranca cunha portada con fondo azul 'Castromil' na que vemos a silueta dun corvo máis o nome da peza («O corvo das Cíes»). Tras pulsar en comezar, a pantalla lévanos á viaxe das almas. «Cóntase que as almas dos mortos navegan ao solpor para habitar para sempre nas illas do alén», as Cíes, lemos para adentrarnos nunha aventura dun «tempo mítico».
O paso seguinte é a visión dun dragón sobrevoando Cíes mentres lemos «mais un andazo de monstros xurdiu do fondo do mar e ocupou as Illas dos Mortos e as súas augas», acompañándonos todo o tempo unha música épica composta por Gago con ferramentas de IA.
«O dragón papa as almas», aclara Gago quen engade que hai tamén unha invasión de monstros mariños e aéreos que asolagan as Cíes.

«O corvo das Cíes» é un videoxogo de Manuel Gago. / C.M.
Xa temos claro cales son os antagonistas; pero quen é o heroe? «Hai un corvo. Era unha especie moi querida na costa galega. Unha vez nas miñas redes fixen un fío pedindo que me contaran se nas súas comarcas tiñan corvos amaestrados e non podes imaxinar a cantidade de xente nas Rías Baixas que o lembraba».
O deus Berobreo, de Donón, un personaxe
O corvo protagonista é a ave do deus Berobreo. Este era adorado no santuario do Monte Facho en Donón, Cangas. Foi descuberto a principios deste século a raíz dunhas excavacións arqueolóxicas nas que se atoparon preto de 180 aras -do século II a.C. ao IV. d.C.- con inscripcións na pedra en latín na honra da devandita deidade.
«Berobreo chama o seu corvo para que consiga que as almas non sexan devoradas e consiga un poderoso torque co que vencerá eses monstros. A función da ave será guiar as lamas ao outro mundo. Na Idade do Ferro en Europa, na época dos castros, había unha ave psicopompa, condutora de almas. Por outro lado, o corvo ten que acabar coa besta», explica o autor do videoxogo. E nesta festa, que papel teñen as gaivotas? A resposta, no final de «O corvos das Cíes».
En sete linguas
O videoxogo ofréceo en galego, castelán, inglés, francés, bretón, galés e gaélico. «Quería un xogo para todo o arco atlántico», sinala. De feito, a partir do outono comezará a movelo alén de Galicia.
Tamén ofrece unha chiscadela ao avó de Manuel Gago, bisavó de Roi: «El contábanos historias de que debaixo do Barbanza había un lago e nel unha illa cunha pereira con peras de ouro que sostén a vida. Esa lenda está homenaxeada no xogo». O videoxogo podemos atopalo gratis na web de Gago, manuelgago.org.
Suscríbete para seguir leyendo
- El afloramiento de aguas profundas por el viento de nordés «congela» a los bañistas de las playas de la ría de Vigo
- Adiós a los conciertos de verano en los chiringuitos de Vigo
- Portugal da luz verde a la acuicultura del futuro con su primera macrogranja de peces en alta mar
- Muere una mujer de 60 años tras caer en un pozo y electrocutarse en Vigo
- Travesía de Vigo recupera la normalidad después de que un tráiler bloquease la rotonda con Buenos Aires
- Cangas comienza a instalar vallas en las carreteras en el entorno de las playas para impedir aparcar
- Borja Iglesias: «Tras mi debut en el Mundial, Claudio me hizo llorar con su mensaje»
- Isabel y Adolfo, de Venezuela a Ourense con sus tres hijos para reabrir un puesto en la plaza de abastos: la inmigración que rescata el comercio en Ourense