Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Lingua

A Real Academia Galega escolle este mércores o homenaxeado nas Letras Galegas de 2027 con Neira Vilas como claro candidato

Constantino García González é a outra proposta coa que se debaterá

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

Alberto Rivera

A Coruña

A Real Academia Galega escolle este mércores 8 de xullo en pleno ordinario a figura homenaxeada no Día das Letras Galegas do vindeiro ano 2027. Os académicos e académicas terán que escoller entre as candidaturas de Constantino García González (Oviedo, 1927-Santiago de Compostela, 2008) e a de Xosé Neira Vilas (Vila de Cruces, 1928-2015), quen acapara maior consenso e conta con máis papeletas para ser escollido.

Para poder ser escritor homenaxeado nas Letras Galegas teñen que pasar dez anos do pasamento da persoa. Neira Vilas faleceu hai agora once anos, a finais de 2015 e, segundo explican fontes da RAG, a súa candidatura está encamiñada a ser a que finalmente saia como persoa que se celebrará o vindeiro ano e que sucederá a Begoña Caamaño.

Xosé Neira Vilas

O escritor e divulgador cultural Xosé Neira Vilas, fixo do mundo labrego e da emigración galega en América os temas da súa literatura conta entre a súa obra co libro Memorias dun neno labrego (1961), o máis vendido e traducido da literatura galega, que narra as condicións de vida da sociedade campesiña galega nos primeiros anos do século XX desde a perspectiva dun neno.

Neira Vilas foi un home moi recoñecido en vida polas súas achegas á narrativa galega. Ademais de Memorias dun Neno Labrego, na súa obra destacaron Cartas a Lelo (1970) e Aqueles anos do Moncho (1977), que, tal e como describe a Academia, foron escritas cunha lingua patrimonial de orixe popular e nun estilo directo e accesible. Ademais, Xente no rodicio (1965), A muller de ferro (1969) e Querido Tomás (1980), retratan desde unha ollada adulta o mesmo contexto social e histórico.

O de Vila de Cruces tamén foi escritor de literatura infantil, de artigos en prensa, tradutor e Doutor Honoris Causa pola Universidade da Coruña e da Habana. Foi Premio da Crítica Española de narrativa e da Crítica Galega na categoría de ensaio, recibiu o Ramón Piñeiro de ensaio, o premio do Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega e a Medalla Castelao (1988), entre outros recoñecementos. Entrou na Real Academia Galega en 2001 a proposta de Antón Santamarina, Francisco Fernández Rei e Xesús Alonso Montero, quen foi o encargado de lle dar resposta en nome da institución ao seu discurso de ingreso.

Constantino García e Neira Vilas na rúa Tabernas no ano 2000

Constantino García e Neira Vilas na rúa Tabernas no ano 2000 / RAG

Constantino García González

Fronte a Neira Vilas tamén foi proposto Constantino García González, quen naceu en Oviedo (1927) e desenvolveu unha carreira investigadora como lingüista que foi recoñecida internacionalmente. Tamén realizou un amplo traballo en prol da lingua galega que o converteu nun dos impulsores fundamentais do proceso de normalización que coñecemos hoxe. Tras estudar Filoloxía Románica na Universidade de Oviedo e doutorarse na Universidade Complutense de Madrid, realizou diversos traballos como profesor e filólogo antes de chegar en 1965 a Galicia, cando se converteu en catedrático de Filoloxía Románica da Universidade de Santiago de Compostela.

Na USC foi secretario da Facultade de Filosofía e Letras durante sete anos e, posteriormente, decano da xa chamada Facultade de Filoloxía en varios períodos. Tamén foi o primeiro catedrático da institución que ditou en galego a lección de apertura de curso, no 1977-78, co discurso “Galego onte, galego hoxe”. Foi un dos fundadores e primeiro director do Instituto da Lingua Galega, que botou a andar en 1971, desde onde impulsou a implantación do estudo da lingua galega no ensino básico e medio mediante a organización de numerosos cursos de galego para mestres e profesores.

Ingresou na Real Academia Galega en 1982 a proposta de Xosé Filgueira Valverde, Ricardo Carvalho Calero e Casimiro Torres Rodríguez. Na rúa Tabernas desenvolveu funcións de secretario e a súa incorporación supuxo a presenza da ciencia lingüística na institución, ao dotala dunha estrutura orgánica máis efectiva e poñer en marcha o Seminario de Lexicografía —do que foi director— e máis tarde o Seminario de Sociolingüística.

Fuente: La Opinión A Coruña

Tracking Pixel Contents