CINE E MEMORIA HISTÓRICA | Eloy Enciso Director de cine
Eloy Enciso, director de cine: «Temos moita información dos campos nazis alemáns pero moi pouca dos campos de concentración franquistas»
O seu novo filme, «Todo é cárcere», terá a súa estrea no Festival de Marsella esta semana
Co anterior, «Longa noite», triunfara en Locarno

O director de cine Eloy Enciso presenta en Marsella o seu filme «Todo es cárcel» / Mario Llorca

No 2019, o lucense Eloy Enciso facíase co Boccalino de Oro á mellor dirección no Festival de Locarno co filme «Longa noite». A película remataba tronzando a persoa espectadora en dúas, cunha lectura de cartas reais de presos nos primeiros anos do franquismo. Eran as derradeiras letras que lle enviaban ás familias antes de ser asasinados. Con elas, fomos testemuñas de como lles fuxía a esperanza. Agora, Enciso retorna cun novo filme, «Todo é cárcere» (Todo es cárcel, para o mercado hispano) no que explora os campos de concentración creados a raíz do golpe fascista do 1936. A película vai ter a súa estrea no Festival de Marsella dentro duns días. O filme foi rodado en parte na Galicia e preséntase en galego e castelán.
Xurdeu a idea da longametraxe xusto no fin do anterior filme?
É unha boa pregunta. Cando estaba preparando «Longa noite», un día fun ver un lugar que fora un campo de concentración en Cedeira. Pareceume interesante reflexionar sobre estes lugares que de forma invisible tiveron un episodio na súa historia e que quedaron mudas. Tiven a intuición de que tiña que facelo noutro momento. Un día decidín investigar sobre os campos de concentración franquistas. Temos moita información dos campos nazis, dos alemáns, pero moi pouco dos campos franquistas. Falamos de máis de 200 por todo o Estado polos que pasaron case un millón de persoas. Cando descubrín a magnitude pensei que requería unha película.

O director Eloy Enciso. / Mario Llorca
Parte dunha fotógrafa, Elsa (a actriz Elsa Pereira, de Oia inda que vive en Compostela), que investiga sobre o tema.
Como xa pasara con «Longa noite», máis que un proceso elaborado de casting, busquei no que tiña a man. Non busquei xente que tivera formación para actuar. Coñecía a Elsa hai tempo. Ela é bailarina pero pensei que podía funcionar ben para o papel. É a súa primeira película. O cine que eu fago non busca unha construción psicoloxista do protagonista. Xa pasaba en «Longa noite» onde sabiamos pouco do protagonista. El recollía historias, que pasaba ao seu arredor. Nesta non é así. Imos coñecer a familia de Elsa, a situación que teñen cunha casa. Morreu un familiar e teñen que ver que van facer coa vivenda, decidir vendela. A min, o que me interesaba é o pensa Elsa e como os curmáns non están de acordo. É un xogo metafórico sobre as famosas dúas Españas: unha parte quere avanzar na cuestión da memoria e do que aconteceu durante o franquismo e outra que di que se queremos avanzar non temos que mirar atrás.
Entendo que vostede cre que debemos falar disto.
Temos o descoñecemento xeral. Cando traballo nas miñas películas, gústame ler moito, sobre todo memorias. É curioso porque nunha delas cheguei a unha reflexión porque no momento da Transición xa se falaba de que había que olvidar para ir para adiante. O autor dicía que para esquecer, primeiro tes que saber. Esa é a idea. O problema é que aínda non sabemos. Coa temática dos campos, nin sequera sabemos que aconteceu. A película quere botar un pouco de luz e animar a xente a que coñeza para despois decidir se quere lembrar ou esquecer.

Fotograma da película "Todo es cárcel". / Mario Llorca
Ademais de Elsa hai unha parella de namorados atravesados pola guerra no 26 que se escriben cartas. Son misivas reais?
As cartas construínas eu pero a partir de cousas que eu lin ou vin. Carmen e Ángel non existiron literalmente pero houbo moitas carmes e ángeles. O que representan é o que lles pasou aos que non conseguiron marchar, os que viviron o exilio interior.
A historia transcorre con flashbacks?
Pasa en tres temporalidades diferentes. Unha é o momento das cartas, o primeiro franquismo; despois está o presente coa protagonista Elsa; e despois a temporalidade abstracta da paisaxe. É outra protagonista. A película xurdiu para intentar facer un retrato de paisaxes vinculadas en silencio a unha historia política asociada coa violencia. O presente é un palimpsesto de moitos pasados.
O franquismo tivo que estar moi impregnado na sociedade para durar tanto tempo.
Esa é a definición do franquismo sociolóxico que está invisibilizado con moitas formas de pensar e dicir, de estruturas. Tamén pasa co machismo e outros problemas. Pasa moito no Estado español. Na Transición e despois non se fixo traballo para botalas fóra e non se perpetuaran. Coa Xustiza, podemos pensar que acontece algo diso agora; o mesmo coa política e o caciquismo que é evidente tanto na dereita como na esquerda.
Onde rodaron?
Dous grandes polos son Galicia e Alicante. Dentro de Galicia, en Ourense e Meira (Lugo) -de onde procede o director- inda que hai outras localizacións como Oia (Pontevedra). A protagonista fai unha viaxe porque está investigando este tema. Entón aparecen localizacións en bastantes lugares da península como Madrid, Burgos, Albacete...
Que supón presentalo en Marsella? Custoulle facer máis este filme que o anterior?
Teño ganas de amosar a película e que comece a circular. Para a chegada a España, haberá que esperar ao outono. Penso que si me custou máis que o anterior. É algo que falo cos compañeiros de profesión. Temos a sensación xeral de que e máis difícil cada vez. A idea do que ten que ser o cinema vaise perdendo. Coas plataformas e o dixital poderiamos pensar que cada vez é máis doado amosar e propór e facer películas máis diferentes, pero a realidade non é así. Cada vez hai unha forma de pensar as películas dunha forma máis formateada. Os que queren facer algo diferente téñeno máis difícil. Hai máis concentración de diñeiro en películas máis grandes, en filmes dirixidos a un consumo masivo e cunha forma de narrar que apela máis á inmediatez, aos contidos máis espectaculares, cunha linguaxe máis distanciada da historia e da linguaxe do cine.
Suscríbete para seguir leyendo
- Adiós a los conciertos de verano en los chiringuitos de Vigo
- La concesionaria del Cunqueiro cierra por primera vez el año con números rojos
- «Hemos visitado colegios y sorprende que niños de primaria no sepan identificar un pez tan característico y gallego como el rape»
- El Concello de Vigo prohíbe la pantalla de la Diputación en Praza da Estrela para ver el España-Bélgica y Luisa Sánchez lo achaca al «sectarismo» del alcalde
- La Guardia Civil confirma que la mujer de A Portela, en Bueu, llevaba tres semanas muerta en su casa
- Condenan al Sergas por la extirpación «a ciegas» del útero a una joven de 33 años en Vigo
- Borja Iglesias: «Tras mi debut en el Mundial, Claudio me hizo llorar con su mensaje»
- Detenido un conocido estafador venezolano por un intento de fraude a una empresa de Moaña