Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Memoria histórica democrática

O Pimentel inédito da ditadura franquista

A editorial Alvarellos rescata versos únicos cos que o poeta lucense deixou testemuño do impacto da represión franquista en Galicia

O experto na súa figura Claudio Rodríguez Fer achega os detalles sobre o que define como unha «alta poesía» que agromou no exilio interior vivido na casa, dende onde Luís Pimentel escoitaba as detonacións dos fusilamentos

Luís Pimentel coa súa filla, Rula, e a súa muller, Pilar Cayón.

Luís Pimentel coa súa filla, Rula, e a súa muller, Pilar Cayón. / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Carolina Sertal

Carolina Sertal

Vigo

«Una noche eterna,/ ¡nos envolvía como negra bandera!/ (Ya jamás serán alegres las banderas)./ He jurado no ver nunca amanecer,/ aunque me lo pida un pájaro/ como una limosna/ En el amanecer/ todas las banderas están dormidas (...) ¡Aún tengo vida!/ ¡Mis gafas! ¡Mis gafas!/ ¿Habrá que sacarlas para morir?/ (Como un caballo del diablo/ se posaban sobre mis libros)./ Las sacaremos, como para nadar/ sobre aquel mar luminoso,/ fresco, en las mañanas dulces./ (Sí, yo he sido alguna vez dichoso). / Los pies desnudos de mi hija sobre la arena mojada.../ Ahora, estará dormida/ sobre el pecho dolorido de su madre. / ¡Dios mío! ¡Dios mío!/ Que no oiga/ el estallido del vuelo de las frías palomas./ Luego,/ en esta urna vacía del amanecer/ quedará un lívido silencio».

Tan só un pequeno fragmento do poema «Los fusilados», da serie «Cunetas», permite achegarse até o terror que asolagaba as vidas de galegos e galegas nos primeiros anos da posguerra. Luís Pimentel vivía daquela na cidade de Lugo, nunha rúa moi próxima ao cemiterio no que os franquistas efectuaban os fusilamentos, e o poeta non só asistía angustiado a aquelas estarrecedoras detonacións, senón que deixaba por escrito a crúa pegada que imprimían as mesmas no fondo do seu ser. Versos que, por pura lóxica de supervivencia, permaneceron inéditos durante toda a ditadura franquista, converténdose así o autor lucense nun dos escasos testemuños que relataron a represión franquista dende o interior das fronteiras de Galicia.

Non foi até 1981 que aqueles poemas de Pimentel saíron á luz en Madrid nunha «plaquette» de 215 exemplares e de maneira independente. De aí o importante traballo que vén de realizar este ano a editorial Alvarellos co lanzamento dunha singular edición de «Cunetas», un volume no que se compilan os poemas de denuncia que Pimentel escribiu en 1947 e que conta coa colaboración de Claudio Rodríguez Fer e de Xurxo Martínez.

Manuscrito

Manuscrito de Pimentel co inicio do poema «Los fusilados». / «Cunetas»

Filólogo e un dos máximos expertos na figura do poeta lucense, Claudio Rodríguez Fer fai especial fincapé no valioso material que contén «Cunetas», pois indica que «é practicamente o único testemuño poético que hai da represión fascista en Galicia e escrito dende Galicia na propia posguerra, porque a maioría dos poemas que se escribiron e publicaron sobre eses temas foron feitos dende a distancia, dende o exilio, dende a zona republicana na Guerra Civil ou xa máis avanzada a posguerra, mentres que estes poemas de Luís Pimentel foron escritos en carne viva».

Claudio Rodríguez Fer incide nese «valor especial» desta obra de Pimentel sinalando tamén que «non puideron ser publicados na época, son póstumos, e tan só os coñecían unhas poucas persoas que tiñan acceso persoalmente a Pimentel, a quen el mesmo llos leu. Non sabemos o número exacto, mais non creo que foran máis de cinco, polo perigo que podía supoñer». É por isto que o filólogo asegura que «había unha grande expectación por coñecer eses poemas, porque xa se sabía que existían, pero practicamente ninguén os lera».

Xunto co valor histórico de «Cunetas» destaca, así mesmo, a excelente calidade literaria da que Pimentel fixo gala nestas composicións poéticas, afirmando Claudio Rodríguez Fer que se trata de «alta poesía». Neste senso, o especialista menciona que «son poemas moi vividos, moi líricos, moi intimos. Pimentel é un poeta esencialmente intimista, que aquí trata un tema terrible, con implicacións políticas e sociais moi claras, pero que el describe dende o fondo da súa intimidade. É esta a particularidade de Pimentel, a súa non é unha poesía épica, narrativa, na que nos conta historias sobre a represión da Guerra Civil, senón que amosa o impacto que produce esa represión no seu ser máis profundo».

A este respecto, o filólogo sinala que, «nesa época, cando se producían os asasinatos, Pimentel vivía nunca casa moi próxima ao cemiterio da cidade no que tiñan lugar os fusilamentos, que normalmente eran ao amencer, agás algúns de personalidades relevantes, como os do doutor Vega Barrera e do gobernador civil, Ramón García Núñez, que se executaron pola tarde para escarmentar e aterrorizar aínda máis á cidade. Pimentel escoitaba as detonacións dende a casa, por iso escribe en ‘Los fusilados’ que incluso teme que a súa filla esperte co mesmo ruído co que as pombas se levantan sobresaltadas cando suceden os tiros. A situación era terrible, escoitábanse de mañá aqueles disparos dos asasinatos no medio da cidade, que non foron poucos, e el sobre todo teme que Rula esperte no medio de semellante horror».

A derradeira imaxe de Pimentel, tomada na Fonte dos Cabalos da praza das Praterías, en Santiago de Compostela.

A derradeira imaxe de Pimentel, tomada na Fonte dos Cabalos da praza das Praterías, en Santiago de Compostela. / Cedida

Escritos en castelán

Outro dos aspectos chamativos da serie «Cunetas» é que os poemas están escritos en castelán. A este respecto, Claudio Rodríguez Fer explica que a razón é que «Pimentel era un home instalado no castelán, entendía e lía o galego, pero non o coñecía de maneira suficiente como para empregalo literariamente, polo que non escribía nunca en galego», engadindo o experto que «son os seus amigos Ánxel Fole, Ramón Piñeiro, Ánxel Xoán, Carvalho Calero e Celestino Fernández de la Vega os que galeguizan a súa obra. El non era nacionalista pero si tiña sensibilidade galeguista, por iso lle pareceu moi ben ser traducido e incluso, por iniciativa de Piñeiro, el mesmo copia coa súa letra traducións que lle fan os amigos, fai manuscritos en galego de poemas seus que escribira previamente en castelán».

Claudio Rodríguez Fer conclúe apuntando que «é no exilio interior» no que agroma esta poesía de denuncia de Luís Pimentel, un home de gran sensibilidade, centrado na poesía e na cultura e que, se ben non exerceu militancia política, si demostrou o seu compromiso cando foi necesario, pois no seu faiado prestou refuxio durante días a Ánxel Fole cando este temeu pola súa vida. E como proba do seu rexeitamento á barbarie franquista, o seu «berro desesperado» nos manuscritos de «Cunetas» e que chegaron até á actualidade grazas a que a súa viúva, Pilar Cayón, os conservou, unhas páxinas que o propio Claudio Rodríguez Fer tivo a posibilidade de contemplar.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents