Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

FEIRA DO LIBRO DE VIGO

Fernando Domènech, tradutor de clásicos gregos: «Nas súas traxedias, Séneca dinos que hai que controlar as paixóns, se non pasa o que pasa»

O tradutor publica en galego e en verso libro «Medea» e «Fedra», coa editorial canguesa Rinoceronte

Presenta o libro o vindeiro luns na Feira do Libro de Vigo

Fernando Domènech estará o luns na Feira do Libro de Vigo.

Fernando Domènech estará o luns na Feira do Libro de Vigo. / Carlos Pardellas

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Mar Mato

Mar Mato

Vigo

Fernando Domènech, licenciado en Filoloxía Clásica e Románica pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e que foi profesor de Latín durante case 40 anos, ten traducido «El Príncipe» de Maquiavelo; tamén a Pico dela Mirandola e a Eberhardt («Siluetas na area»). Esta última publicouna a editorial de Cangas Rinocerente. Con ela, volve traballar. Nesta ocasión, plasmou en galego e en verso libre as traxedias «Medea» e «Fedra» que escribira Séneca, filósofo, orador e gran dramaturgo no Imperio Romano, da época de Nerón, a quen formou e quen lle ordenou que se suicidara. O libro coas dúas traxedias preséntao o vindeiro luns na Feira do Libro de Vigo ás 19.15 horas.

Por que «Medea» e «Fedra»?

Non as elixín eu senón que foi unha suxestión do director da colección Raúl Gómez Pato. Eu traducira o libro da viaxeira Isabelle Eberhardt, a nobre rusa-suíza que viaxaba vestida de home por Alxeria, que tivo éxito. El quería que seguise con figuras femininas e suxeriume Medea e Fedra que son as personaxes máis redondas de Séneca. Aceptei porque me parecía un reto atractivo.

Por que un reto?

Primeiro, como latinista é un reto porque son difíciles de traducir. Séneca é un autor complicado, barroco, con moitas figuras estilísticas. Eu pensaba facelo en prosa pero non me sentía cómodo e prepareina en verso libre. Medea e Fedra son mitos, mulleres que tiveron, teñen e terán moitas reinterpretacións e están de plena actualidade.

Fernando Domènech, tradutor que presenta libro na Feira do Libro de Vigo.

Fernando Domènech, tradutor que presenta libro na Feira do Libro de Vigo. / F.D.

O verso libre parecíalle un abismo por tomarse demasiada liberdade e perder o espírito primixenio da obra?

Exactamente. O labor de concentrar a expresión no ton poético axeitado tivo momentos de soidade e de heroísmo pero funnos superando. Humildemente, creo que quedou ben. Na presentación do outro día na Coruña e no Observatorio de Cotobade, Estíbaliz Espinosa leu fragmentos e a lectura quedou moi bonita.

O pobo chan coñecemos a Séneca principalmente como filósofo. Agora, non deixa de saltar ademais no YouTube, pero está considerado un gran dramaturgo.

Dalgunha maneira está de moda polo estoicismo, si está bastante trendy, aparece moito en reels. Aquí hai unha polémica. As traxedias son gregas pero Séneca fai unha reinterpretación. O mundo romano reinterpreta o mundo grego e é o transmisor polo que chega a nós. Séneca pon as bases do que vai ser a dramaturxia posterior, coa truculencia e o sangue, coa Medea como unha bruxa. Isto anuncia a Shakespeare e o teatro barroco. En Galicia, hai varias reintepretacións de Medea e Fedra: de Luz Pozo, do profesor Pociña e de Manuel Lourenzo.

Lin que hai unha contradición entre o que escribía Séneca e o que el facía en vida, por exemplo, formando a Nerón.

Non sei se chamalo contradición. Hai estudosos que ven nas traxedias consellos. Hoxe fanse reinterpetacións feministas e mesmo queer destas traxedias pero el é un estoico nunha sociedade heteropatriarcal. El o que nos di é que hai que controlar as paixóns porque se non, pasa o que pasa. É a mensaxe fundamental que transmite e non é contraditoria coa súa filosofía.

Fernando Domènech presenta «Medea e Fedra» na Feira do Libro de Vigo o vindeiro luns.

Fernando Domènech presenta «Medea e Fedra» na Feira do Libro de Vigo o vindeiro luns. / CARLOS PARDELLAS

As dúas personaxes femininas son moi independentes aínda que logo acaben mal.

Si, é o que chamamos hoxe na teoría de xénero a axencia. A axencia destas dúas mulleres é poderosa. Dan pasos que as mulleres na sociedade romana non daban.

Por que seguen tendo atracción as traxedias gregas? Seguimos sendo os mesmos seres humanos?

Iso último está claro. No Festival de Mérida, ano tras ano aparecen os clásicos gregos. Foi moi comentada a Fedra de Lolita cunha muller empoderada. Os personaxes das traxedias teñen interese. Eu fun profesor 36 anos en Secundaria. Aos alumnos, interésalles o xénero e saben máis que os seus profesores. Hoxe é case imposible non falar destas mulleres dende o punto de vista do xénero.

Tamén está a crítica ao poder.

Si, nos dous casos. Tamén moitas relecturas entran na crítica postcolonialista no referido a Medea, porque é unha bárbara. Foi unha muller que o deu todo por Xasón que a acaba traicionando. Medea é unha muller acurralada, está nun mundo alleo. Deuno todo polo seu marido e este vaise con outra. Nese exilio, hai un rei, Creonte, que ten unha actitude pouco empática, cun poder mal exercido.

Na versión de Séneca, Medea mata os dous fillos que ten con Xasón ou son outras persoas quen o fan?

Ela mata os dous, un despois do outro, subindo a un punto alto da escena e interpelando a Xasón. Iso era impensable no teatro grego onde os asasinatos se cometen fóra da escena e alguén vén e os conta. Con Séneca, é en directo e con actitude metateatral de facelo a el espectador. Ela ten conciencia de raíña; logo marcha nun carro que aparece na portada do libro e nos cartaces. El foxe da escena nun carro guiado por serpes aladas.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents