Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Literatura

«O lapis do carpinteiro», a obra máis internacional de Manuel Rivas e nacida en Tui, celebra o fito dos 100.000 exemplares vendidos en galego

Xerais publica unha edición especial do libro que impulsou a novela da memoria histórica en Galicia e España

Manuel Rivas: «Günter Grass dixo que aprendera máis sobre a guerra lendo esta obra que cos libros de Historia»

Os protagonistas son Chonchiña (Ascensión Concheiro) e Paco Comesaña, unha parella republicana de Tui cuxo amor sobreviviu ao golpe franquista e se leu en máis de 40 países

Manuel Rivas recolle o premio Galego do Ano no 2025.

Manuel Rivas recolle o premio Galego do Ano no 2025. / Jesús Prieto

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Mar Mato

Mar Mato

Vigo

A novela «O lapis do carpinteiro», de Manuel Rivas, foi un fenómeno literario mesmo antes de chegar o primeiro volume ás librarías galegas en maio do 1998. Case 30 anos despois, este supervendas a longo prazo das letras galegas segue vixente. O vindeiro 2 de xullo, Xerais pon á venda unha reedición especial para celebrar que a obra acumula máis de 100.000 unidades vendidas en galego. A estas, hai que sumar as traducidas en máis de 40 idiomas.

«Probablemente, é a obra máis traducida da literatura galega. O lanzamento, xa no seu momento, desbordounos», recorda Manuel Bragado, máximo responsable de Edicións Xerais naquela altura. «Fixemos 5.000 exemplares para a primeira edición e agotámolos na prevenda aos libreiros. Despois, fixemos outros 2.000. É dicir, no primeiro mes, vendimos 7.000; rompeu todas as nosas previsións».

Manuel Rivas, en Vigo, no ano 1998.

Manuel Rivas, en Vigo, no ano 1998. / De Arcos

Bragado: «Nunca antes se producira un fenómeno dese tipo»

Bragado engade o que supuxo este fenómeno literario no país: «Foi un momento marabilloso, dun éxito colectivo, da sociedade lectora en galego. Nunca antes se producira un fenómeno dese tipo. Era unha obra literaria, unha novela da memoria republicana de Galicia, cunha historia de amor marabillosa e de reflexión política». Recoñece que, para el, como editor «foi un orgullo acompañar a Manuel Rivas nesa viaxe».

Paga a pena percorrer o seu carreiro. No 1998, Manuel Rivas xa era un autor consagrado mesmo alén da Galicia. Tres anos antes publicara «Que me queres amor?» (Galaxia) co que gañou o Premio Torrente Ballester e o Nacional de Narrativa.

Unha novela nacida en Tui

Tras ese éxito, Bragado lembra que lle comentara que tiña «unha obra relacionada coa súa estancia en Tui». O propio Manuel Rivas -que a finais dos anos 70 foi correspondente do FARO na Coruña- lembrábanos hai unhas horas que durante moito tempo tivo unha «natureza nómade. A miña compañeira, Isabel, é profesora de instituto. Tiña as oposicións aprobadas pero non unha praza fixa naqueles anos 90. Vivimos tres anos en Tui cos nosos fillos. Eu era xornalista freelance. Traballaba por libre. Foron uns anos marabillosos alí. Gustábanos moito o Baixo Miño, a beira do río».

Foi na vila tudense, onde lle falaron ao autor dun médico republicano e da súa muller. A súa historia era perfecta para a sección de entrevistas que tamén tiña Rivas entón nun xornal galego. «Eles regresaran despois da morte de Franco. Este médico vivía nun barrio no que había bastantes zamoranos cos que tiñan moi boa relación. Dicíanme que tivera unha historia moi intensa, que estivera preso en San Simón e que se levaba ben co vecindario porque, en caso de necesidade, atendía gratuitamente», relata o escritor.

"O lapis do carpinteiro", na nova edición. Muda a portada pero volven a agasallar un lapis ao mercalo.

"O lapis do carpinteiro", na nova edición. Muda a portada pero volven a agasallar un lapis ao mercalo. / Xerais

Dous protagonistas reais

Rivas achegouse ao fogar desa parella entrañable, Chonchiña (Ascensión Concheiro) e Paco Comesaña, dos que acabaría converténdose en amigo. É o mesmo que acontece no arranque na novela cando Sousa, un xornalista novo pero desencantado, visita por encargo dun xefe ao vello doutor Da Barca e a súa dona, Marisa Mallo.

«Eu non sabía como empezar a historia (...). Esa imaxe de que o médico está cunha máscara de osíxeno ten un carácter simbólico. Ten un fío de vida pero saca a máscara. Parece que volve a resistir. Aparece con moita enerxía. O personaxe do xornalista ten algúns trazos meus pero non son eu. El está queimado, é cínico, pero reactívase e volve coller interese pola condición humana e pola historia a raíz de coñecer a parella. Eles conseguen espertar nel de novo o máis importante nun xornalista e nun escritor, a lóxica do asombro, a curiosidade», reflexiona o autor.

A medida que avanzan as páxinas imos sabendo como se coñeceron Marisa e Daniel da Barca, como namoraron, a importancia da política e da II República na súa relación, como o golpe fascista do 1936 lles virou a vida e como lograron que o seu amor vencera a brisa da morte da guerra e da ditadura.

Recoñece Rivas que, para conformar a historia, axudoulle moito coñecer amizades do casal como o pintor Xosé Luis de Dios e Perla, a súa compañeira, máis o pediatra natural de Tui Ánxel Vázquez de la Cruz. Sobre este último, o escritor indica que pertence ao grupo de «persoas que non teñen estatuas pero que son decisivas para a historia de Galicia; están no segredo e no corazón dun país».

«O lapis do carpinteiro», coa súa portada orixinal dos anos 90.

«O lapis do carpinteiro», coa súa portada orixinal dos anos 90. / Mar Mato

Un bestseller mesmo antes de chegar ás librarías

Todas estas persoas aparecen citadas no arranque do libro primixenio. Para lembrar o que supuxo no 1998, un dato: saíu do prelo en maio; e en decembro do mesmo ano xa ía pola sétima edición. «Eu percibino nas presentacións. Eran acontecementos. Na Coruña, foi na sala máis grande que tiña entón Caixa Galicia. A xente non podía entrar. A saída era como unha manifestación», rememora. Porén, Bragado lembra a primeira de todas, no Airas Nunes en Compostela. «Eu tiven o pálpito aí que estaba diante dunha obra que sería un libro para o futuro», sinala o exeditor.

A elección do Airas Nunes non se debeu ás súas ricas tortiñas, senón porque nese baixo rexentaba Ánxel Casal o seu taller tipográfico de onde saíron boa parte dos traballos da editorial Nós ademáis da primeira edición dos seis poemas galegos de Lorca. Na crónica do FARO, da presentación do libro en Santiago en xuño do 1998 lembraban isto último ademais de que o poeta e o editor foran fusilados con poucas horas de diferencia no 1936, entre o 18 e o 19 de agosto, pero a máis de mil kilómetros de distancia. Un, en Teo; e o outro, nalgún punto aínda non descuberto de Granada.

Pero por que se volcou todo un país cunha novela? «Dalgunha forma, era un libro esperado. Despois saíron moitas obras sobre o que chamamos a memoria histórica, pero cando se publicou 'O lapis do carpinteiro' non había tantas. Había libros de memoria biográfica como os publicados por Díaz Pardo, que tamén aparece no libro como un personaxe decisivo. Xurdía unha historia durante moito tempo silenciada, maltratada. Foi un silencio impúdico, un dos trazos máis impresentables da Transición. Obrigar a calar á xente foi unha forma de manter o medo activo. Este libro rompeu coa lóxica e o réxime do medo. Por iso, tivo tanto impacto», responde.

O lapis, que importancia ten?

Para Rivas, o protagonista «é o propio lapis. O doutor Comesaña aparece como portador co seu abrazo dunha vida. Transmite a súa memoria e a memoria colectiva. O lapis é a reencarnación das persoas que o tiveron na man. É o portador da conciencia na relación tensa co garda e verdugo, Herbal. Neste libro, a gran cuestión é por que se desactivou a compaixón en moita xente».

Por iso, durante moitos anos, cada exemplar viña acompañado dun lapis de carpinteiro vermello. «Esa foi unha idea que xurdiu de Celia Torres, directora de edicións en Xerais», recorda Bragado. Coa edición especial que sairá no 2 de xullo, volverá a servir de agasallo co libro. Cambiará iso si a portada. Xa non será a de Xosé L. de Dios, senón unha asinada por Pepe Barro, adiante Fran Alonso, director de Xerais hoxe en día. Este engade que «é a novela para adultos máis vendida da editorial. É un acto de xustiza reeditala por superar os 100.000 exemplares en galego».

Manuel Rivas: «Na Alemaña, preguntáronme como fora capaz de darlle voz a un asasino»

No estranxeiro, a obra ten vida propia. «Para min, foi sorprendente que fora tan traducido. Günter Grass dixo que aprendera máis sobre a guerra lendo esta novela que cos libros de Historia. Na Alemaña, chegaron a preguntarme como fora capaz de darlle voz o carceleiro e asasino. Eu respondíalles que concebira a novela pensando nun verdugo, nun perseguidor, un cabrón notorio que sexa un personaxe, Herbal. O seu final é o máis simbólico da obra, como índose da vida. O menos miserable que lle pasou foi coñecer a historia de amor e a resistencia de Da Barca e Mallo», conclúe Rivas.

A obra foi levada ao cinema por Antón Reixa na dirección. De protagonistas, contou con Tristán Ulloa (Da Barca), María Adánez (Marisa Mallo) e Luis Tosar (Herbal). Estreouse no 2003.

A nova edición que sae o día 2 vai ser presentada na Festa dos Libros en Pontevedra o 3 de xullo a partir das 19.00 horas e na Feira do Libro de A Coruña o 9 de agosto ás 19.30 horas, segundo sinalaron dende Xerais.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents