Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Día do Orgullo

A editorial Chan da Pólvora, a única do Estado cunha colección de poemarios LGBTI, di adeus en Galicia tras dez anos de actividade

Antón Lopo, editor: «É evidente que o neofascismo e a radicalidade conservadora son perigosos para os dereitos da xente LGBTQ»

O selo edita «Literatura de Sodoma» que recupera tres libros de poetas malditos portugueses perseguidos no 1923

Bandeira lgbt.

Bandeira lgbt. / José Luis Roca

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Mar Mato

Mar Mato

Vigo

O cancaneo homosexual (saír a lugares públicos para atopar parellas esporádicas para sexo) xa ten o seu poema en galego. Asínao o autor cangués Carlos Amado e titulouno «Primeiros pasos». Os versos de abertura sinalan: Na área de descanso da autopista a porta xiratoria chía/ cada catro voltas/ e redimensiona o bosque. Aí -nese tránsito/ evanescente- coñezo a Roque- é de Marín. Nos últimos, escribe o autor: Somos dous descoñecidos pero xuntos damos pasos/ que non deramos antes. Pertencen ao poemario «Monte aberto», Chan da Pólvora, editora galega que di adeus tras dez anos de actividade. O poeta aclara que «publicar poemas de temática LGBTIQ+ non supón para min saír do armario, eu vívoo con normalidade desde sempre».

A obra forma parte da colección «Rabo de Egua», de Chan da Pólvora, a única editorial da Galicia e do Estado con poemarios LGBT. O seu editor, Antón Lopo, mesmo pensa que pode ser a única ou unha das poucas de toda Europa centrada nesta temática. «É unha marabilla de colección -defende Carlos Amado- na que aparecen autores tan senlleiros como Rimbaud ou Lorca». Tamén se atopa o best seller da editorial «Mapa da estría», de Andrea Nunes.

Antón Lopo, editor de Chan da Pólvora.

Antón Lopo, editor de Chan da Pólvora. / Antonio Hernández

«Había ausencia no meu horizonte dunha visibilidade literaria dos escritores e escritoras que crean dende un punto non heteropatriarcal. Iso levoume a propoñer a creación da colección. Non quería un monocultivo, senón un bosque mixto», sinala o editor de Chan da Pólvora, Antón Lopo.

A visibilidade está provocando unha reacción virulenta contra o que non é da norma

Antón Lopo

— Editor de Chan da Pólvora

Este recoñece que «estamos vivindo un momento de retroceso en todos os dereitos. Vemos moita violencia contra as minorías. As agresións ás persoas LGBT están sendo grandes. A visibilidade está provocando unha reacción virulenta contra o que non é da norma». Para o editor, «o mundo vive unha crise de ignorancia grandísima».

Carlos Amado concorda. Aínda que el vive a súa condición sexual con normalidade, é consciente do momento histórico e do achegados que están certos abismos. «É evidente que o neofascismo e a radicalidade conservadora son perigosos para os dereitos da xente [LGBTQ+] que vive unha realidade que non é maioritaria», reflexiona.

Chan da Pólvora di adeus cun recital

Para o poeta de O Hío (Cangas), «é unha sorte que exista unha plataforma que dea visibilidade» aos poemas de contido homosexual. Chan da Pólvora cumpre xusto dez anos e di adeus como editorial. O domingo día 28, Día do Orgullo, celebrará a súa derradeira festa.

Será na Horta das Chas (na rúa das Fraguas en Compostela) a partir das oito da tarde cun recital de 20 poetas nos que o público escoitará recitar a Carlos Amado, Andrea Nunes, Pepe Cáccamo, Margarita Ledo, Ismael Ramos, Ana Romaní, Branca Novoneyra ou Teresa Moure, entre outros.

O regreso de tres autores malditos portugueses

Se Chan da Pólvora di adeus, o que si proseguirá é a colección Rabo de Egua. «De feito, temos pensado publicar un libro antoloxía da poesía queer galega», sinala Lopo. Mais, antes, este domingo, na festa na Horta das Chas, presentarán «Literatura de Sodoma», un volume con poemas e escritos de tres poetas malditos portugueses dos anos 20 do século pasado que sufriron persecución social e do Estado pola súa defensa na poesía da liberdade sexual.

Os tres autores perseguidos, cuxa obra ordenou queimar a autoridade, foron António Botto, Raul Leal e Judith Teixeira. Esas obras son agora recuperadas por Chan da Pólvora en «Literatura de Sodoma», con texto introdutorio do escritor galego Carlos Quiroga, experto en Pessoa, e que procurou os poemas e escritos e asina o libro.

Pessoa, detrás dos libros queer

Lopo lembra como Fernando Pessoa (célebre poeta luso de ascendencia galega) foi editor da segunda edición das «Cançoes» de António Botto na súa editorial Olisipo. Pessoa louvou o libro no que agora podemos ler «O homem cede ao desejo/ Como a nuvem cede ao vento» ou «Anda nu- saltando e rindo, sobre a areia da praia/ Parece um astro fulgindo».

Conta o escritor galego Carlos Quiroga (experto en Pessoa) que o xornalista portugués Álvaro Maia chamou «Literatura de Sodoma» mallando no libro de Botta «chamándoo indecente, escandaloso». Maia non foi o único en criticar. Sumouse tamén unha asociación de estudantes universitarios católicos de Lisboa que «fixeron unha campaña.

Publican un manifesto e o gobernador civil requisa a obra de Botto (que cando estaba exiliado en Madrid era coñecido como (El Príncipe de los Maricas), un ensaio de Leal que defende a homosexualidade e un volume de Judith Teixeira (Decadência) no que había erotismo explícito e no que algúns viron pegadas lésbicas. Era o ano 1923 e ela era unha muller divorciada, casada por segunda vez que escribiu no libro un poema de amor á morfina».

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents