Música tradicional
Expedición de Galicia Fiddle a Escocia: 40 alumnos amosarán a nivel europeo como se toca o violín galego
A asociación viguesa participa no congreso europeo máis importante de violín popular, a North Atlantic Fiddle Convention, que acollerá dende hoxe a terceira cidade máis grande de Escocia, Aberdeen. É a segunda vez que a entidade ten presenza no evento e é a antesala do Encordass Fiddle Fest

Marta G. Brea

Cando se cumpren oito anos dende a primeira vez que alumnado da Asociación Cultural Galicia Fiddle tivo a oportunidade participar no congreso europeo máis importante de violín popular, a entidade viguesa desembarca hoxe en Escocia cunha remesa de novos talentos que amosarán na North Atlantic Fiddle Convention que o violín é un instrumento moi vivo dentro da música tradicional galega. Por segunda vez na historia da entidade viguesa, un grupo de 40 alumnos e alumnas terá presenza neste evento internacional que rende homenaxe ás tradicións do violín do Atlántico Norte e que durante unha semana acolle a terceira cidade máis grande de Escocia, Aberdeen.
Horas antes de partir e previamente á celebración dun derradeiro ensaio da Escola Municipal de Vigo de Música Folk e Tradicional (ETRAD), no que alumnos que participarán na expedición afinaban as cordas dos seus instrumentos, o responsable de Galicia Fiddle, Alfonso Franco, non agochaba o orgullo e a ilusión que supoñen para a entidade cultural repetir experiencia. Así, o tamén profesor de violín folk sinalou que «non podemos estar máis contentos ante esta oportunidade, porque estamos vemos que vai saíndo adiante aquilo polo que loitamos dende sempre: crear unha xeración de violinistas novos en Galicia e tamén conseguir que o violín sexa un instrumento moi vivo dentro da tradición galega».

Alfonso Franco, profesor de violín folk en la ETRAD e impulsor de la asociación cultural Galicia Fiddle, acompañado de algunos de sus alumnos. / Marta G. Brea
Neste senso, Alfonso Franco lembrou sobre a primeira vez que tiveron protagonismo na North Atlantic Fiddle Convention que «fixemos un esforzo moi grande co obxectivo de motivalos, de que viran a nivel global como é o mundo do violín, máis alá dos campamentos que celebramos na Illa de San Simón, a onde sempre traemos grandes referentes. Queriamos que saíran de aquí e viran eles mesmos como é ese mundo, quedaron encantadísimos e, os que participaron, xa non soltaron máis o violín. De feito, algo moi bonito é que, algúns dos rapaces que daquela foron como alumnos, nesta ocasión participarán xa como profesionais e como profesores que van tocar e mesmo impartir clases».
Con respecto á participación de Galicia Fiddle no congreso europeo que se prolongará até o vindeiro domingo, día 28 de xuño, e que nesta edición festexa o 25 anivesario de intercambio cultural, música e danza reunindo a artistas, académicos, afeccionados e público de distintos puntos de Europa para poñer en valor as tradicións da danza e da música arredor dos violíns populares, Alfonso Franco indicou que «neste grupo levamos a uns 20 rapaces que son de nova fornada e que amosarán ao público o que é a nosa música, pero non só con concertos, xa que tamén teremos sesións de baile nas que ensinaremos como se baila a muiñeira ou a xota, por exemplo, e tamén se aprenderán cantigas en galego. Queremos que a experiencia sirva para que esta nova fornada se enganche ao violín e tamén que coñezan a realidade do instrumento a nivel europeo, porque pensamos que é unha fórmula que funciona».
Non podemos estar máis contentos, estamos vendo como sae adiante aquilo polo que loitamos sempre: unha xeración de violinistas novos en Galicia
Por outra banda, o director de Galicia Fiddle fixo referencia a que unhas das máximas representantes da música tradicional galega nesta viaxe serán o dúo Abril, integrado por Marina Carpente e Claudia Abril e recentemente distinguidas co Premio Martín Códax da Música 2026 na categoría de Música Folk, sobre as que Alfonso Franco recordou que «nesta ocasión van xa como artistas, pero é que no seu momento viaxaron como alumnas».
Así mesmo, o profesor de violín folk destacou que «eu levo asistindo regularmente á North Atlantic Fiddle Convention, facendo ponencias, presentando arquivos sobre o violín galego, tocando... e cando en 2018 fomos o grupo de 40 persoas de Galicia Fiddle foi un éxito total. Quedaron moi contentos con nós e este ano repetimos, ademais, os rapaces van ter a posibilidade de participar nun encontro con mocidade de Suecia, de Gales, de Escocia, de Galway, para preparar un concerto que se vai celebrar no gran teatro e no que a maior parte dos músicos van ser galegos».
Encordass Fiddle Fest
A viaxe e a participación de Galicia Fiddle no 25 aniversario da North Atlantic Fiddle Convention será para a entidade cultural viguesa a antesala do festival internacional de música de corda que anualmente celebran na Illa de San Simón, o Encordass Fiddle Fest, e que precisamente este ano ten deseñada unha edición especial dedicada a Escocia. A este respecto, dende a organización reivindicaron que o feito de escoller á nación escocesa como protagonista radica en que «a historia recente do violín folk galego non se pode entender sen Escocia. Nun primeiro momento, nos anos 80, co nacemento do folk na nosa terra, os poucos violinistas que se achegaban á música popular miraban cara a Escocia e Irlanda como referentes fundamentais dos que aprender».

Alfonso Franco, profesor de violín folk en la ETRAD e impulsor de la asociación cultural Galicia Fiddle, acompañado de sus alumnos que viajan a la Convención de Violín del Atlántico Norte 2026 (NAFCO). / FdV
Alfonso Franco comentou que contar este ano con artistas da talle de Alasdair Fraser ou Elias Alexander é un «verdadeiro orgullo» e tamén «unha débeda pendente». E é que o director de Galicia Fiddle apuntou que o prestixioso violinista escocés Alasdair Fraser interesárase no seu momento polo violín galego e convidou ao propio Alfonso Franco a participar como profesor nos anos 2011 e 2012 no Sierra Fiddle Camp de California. Foi precisamente a raíz dese intercambio cultural entre ambos profesionais que naceu a proposta de crear na Illa de San Simón un evento de características semellantes, que deu lugar ao nacemento do San Simón Fiddle e, posteriormente, ao actual Encordass Fiddle Fest. O profesor galego destacou que, «dalgunha maneira, este ano pechamos o círculo. Escocia sempre foi o referente do que partimos e antes de que Fraser, que é unha lenda viva e foi fonte de inspiración para o noso festival, regrese a Estados Unidos, queriamos que nos visitara».
O festival Encordass, no que está previsto que este ano participen 90 adultos e que segue a filosofía de amosar como cambia a maneira de tocar o violín en función da orixe do músico que o teña entre as mans, comezará o 2 de xullo cun concerto inaugural no Museo do Mar de Vigo, namentres que do 3 ao 5 de xullo o público poderá acceder á Illa de San Simón, na que se desenvolverán concertos, charlas e obradoiros de danza e gastronomía. Rematado o evento, será a quenda de 110 rapaces e mozos que participarán do 6 ao 12 de xullo no San Simón Fiddle para aprender a tocar os instrumentos de corda dun xeito alternativo ao impartido nos conservatorios de música tradicionais.
Suscríbete para seguir leyendo
- Los padres de la alumna con sumas erróneas en la nota de la PAU tras las revisiones denuncian «indefensión»: la corrección de la CiUG llega tras cerrar el primer llamamiento en varias comunidades
- Valença estudia trasladar la estación del AVE Vigo-Oporto a las afueras de la villa fronteriza
- Condenan a un vecino de Vigo a abandonar la vivienda por las continuas molestias al resto de la comunidad
- Inversores compran tres edificios en el centro de Vigo para dedicarlos a pisos turísticos
- Concierto de Juan Luis Guerra en Sanxenxo: el artista salda su deuda con Galicia en una fiesta de ritmos latinos ante 15.000 seguidores
- Juan 'Pegatinas': O San Benito máis triste de todos
- Luto en Lalín por la muerte del expresidente del Motoclub Kilómetro 0, Juan Carlos Blanco
- Tres accidentes casi simultáneos dejan dos heridos, uno de ellos grave, en el sur de la provincia de Pontevedra