Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Branca Trigo Premio de Poesía de Carral

«Adóitase dicir que as autoras escriben cada unha dende un sentimento diferente. No meu caso, ese sentimento é a fame»

A viguesa vén de publicar «Especies invasoras», poemario co que acadou o galardón

A poeta viguesa Branca Trigo.

A poeta viguesa Branca Trigo. / @dnilo_0

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Carolina Sertal

Carolina Sertal

Vigo

«Velaquí un libro para ler coas mans, velaquí poemas que atravesar ás cegas, versos que só rasgando a tea do ansiado discurso nos concederán o don da verdade, o don do desocultamento (...) Velaquí a obra na que Branca Trigo nos convoca e nos convida a tomar esta casa baleirada de toda idea; porqueaquí é todo corpo e non idea de corpo». Son as palabras que o poeta Samuel Merino dedica no limiar de «Especies invasoras» á súa autora, a poeta viguesa Branca Trigo, quen vén de publicar este poemario co que acadou o XXVIII Premio de Poesía de Carral.

-Como naceu «Especies invasoras»?

-Empeceino a escribir en 2022. Daquela estaba traballando de teleoperadora e tiña tempo entre chamada e chamada, na casa non tiña moito, así que empecei a escribir alí. Naceu como dous poemarios independentes, un era «A misa do can» e o outro era «O roteiro». Eran textos moi breves con dinámicas internas bastante fluídas, pero non moi estruturados, polo feito de que os fun escribindo no traballo, e naceu deses momentos de intentar fuxir da rutina laboral, elaborando unha poética menos documentada que os meus outros textos, pero creando imaxes partindo da exploración interna.

-En que momento decide fusionar ambos textos?

-Unha vez que os rematei, decateime de todos os fíos que os unían e de que eran as dúas caras dun mesmo espello. «O roteiro» vai da exploración dunha casa, sempre escrito en segunda persoa, unha voz vai guiando a outra e realmente poden verse como dúas caras da mesma moeda. O outro é un texto continuo, un torrente, pero as ideas de base eran as mesmas, quizais o primeiro dende un punto de vista máis individual e dende o social, pero tiñan ese mesmo contexto de estar explorando un lugar propio pero sentíndote estranxeira nel, de aí o título «Especies invasoras», por esta cuestión de ser sinalada como invasora cando fuches introducida nun lugar, igual que as especies nos distintos ecosistemas. E por outra parte, polas especies da misa, o pan e o viño, a carne e o sangue. Polo tanto, este libro estaba composto por unha parte máis corpórea e máis sólida e outra máis líquida deste monólogo e torrente.

-A carne, o corpo, a fame… son temáticas recorrentes na súa obra e neste poemario volven estar presentes.

-Adóitase dicir que as autoras escriben cada unha dende un sentimento diferente, ben sexa dende o abandono, a tristura, o amor… No meu caso creo que ese sentimento é a fame, sempre o foi, e tamén co tempo fun explorando distintas facetas desa cuestión: dende esa investigación que fixen sobre os trastornos de alimentación en «Condolore» a «Mundo Carne», no que xa o mundo e o corpo rematan fusionados nun só. En «Especies invasoras», que escribín antes deste último como paso intermedio, nesa sensación de estar percorrendo un corpo, non se percorre unha casa, unha montaña , un deserto, senón que se están percorrendo as arterias, os intestinos, e a metáfora da devoración está presente de maneira recorrente.

A poeta viguesa Branca Trigo.

A poeta viguesa Branca Trigo. / @dnilo_0

-Por outra banda, chama a atención a relevancia que cobra a figura do can, tamén moi presente no seu último traballo, «Mundo Carne».

- A min sempre me gustaron moito os cans. Unha das miñas novelas favoritas, dende que ma fixeron ler no instituto, é «Frankenstein», sobre todo pola idea de sermos creados e abandonados polo noso creador e gústame moito o can para simbolizar iso, que é unha especie que non existiría de non ser polo ser humano e que agora vive nun abandono constante. Penso que se os cans escribisen poesía ou literatura se parecerían moito a Mary Shelley. Hai un verso deste poemario que di : «Non eramos antes de domesticar a quen nos ama», aquí estou referíndome a que o que nos fai humanos é ese xogar a ser Deus e exercer poder sobre outras especies, pero tamén a que o que nos fai persoas son as relación de poder cos nosos seres amados.

-Se cadra é subxectivo, pero en «Especies invasoras» tamén é posible detectar unha rachadura con respecto á familia tradicional.

-Na poesía, e máis concretamente na poesía galega, hai un constante discurso de volver á casa familiar, da nai, da avoa, é un dos leitmotiv da nosa tradición poética, pero eu sempre procurei fuxir un pouco de aí, porque penso que é necesario. Esta historia da familia tradicional, do fogar, da casa, non debería estar tan presente como un dos piares do que escribimos, do que cremos e a onde pertencemos. No meu caso, sempre fun unha persoa bastante desarraigada, tamén en canto á nación. Busco poñer por escrito que a familia non sempre é un lugar ao que pertencer, senón que ás veces tamén é un lugar hostil, un lugar que arde.

-No que hai violencia.

-Correcto. Pero tamén penso que non é un poemario que fale exclusivamente de contornas violentas ou abusivas, senón de ser conscientes das violencias que existen en todas as relacións humanas, en todas as familias, en todas as casas, en todas as nacións.

-O poemario acadou o Premio de Poesía de Carral, como recibiu o recoñecemento?

-A verdade é que eu xa presentara este poemario a bastantes premios. Se son sincera, o meu motivo principal eran os cartos, porque xa comentei anteriormente que estaba nun traballo completamente precario do que quería saír, por iso o presentaba a todos os premios posibles. Pero tamén é certo que me fixo especial ilusión gañar o Premio de Poesía de Carral porque hai varias poetas ás que considero principais no panorama galego e que o acadaron outros anos, como poden ser Oriana Méndez ou Silvia Penas, que estivo no xurado, de feito, e ata certo punto supuxo sumarse a unha xenealoxía de persoas ás que admiro. Por outra banda, velo publicado este ano en papel é unha gozada e poder velo publicado en papel por outra editorial que non sexa a propia é de agradecer por non ter ás costas todo o traballo que supón a edición.

-Na actualidade, está traballando en novos proxectos?

-Escribín un poemario que estou enviando a premios e tamén hai un texto que estou traballando cunha compañeira que é tatuadora e ilustradora, co obxectivo de valorar unha publicación no futuro. Sobre todo estou centrada en darlle difusión aos poemarios que xa teño publicados, agora «Especies invasoras» e, por outra banda, «Mundo Carne», un poemario que tamén o estou levando a escena con Octavia Russo e Bruno Mosquera a través dun proxecto que se chama «Culto carne».

-A faceta escénica tamén é relevante para os seus poemarios.

-Si, no caso de «Culto carne», este proxecto foi posterior a escribir «Especies invasoras», por iso non teño claro se este poemario será posible levalo a escena, a ver que se me ocorre. Si é certo que, máis recentemente, desenvolvín moito máis a parte dos recitais e de colaborar con outras artistas que traballan outras disciplinas.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents