PRECARIEDADE CULTURAL
Un produtor musical alerta: «Estamos sendo dopados pola Administración, cando se acaben as axudas ou as empresas cervexeiras pechen o grifo dos apoios non sei que vai ser de nós»
O Barómetro da Cultura Galega do Consello da Cultura galega sinala que catro de cada dez entidades culturais galegas facturan menos de 50.000 euros ao ano
Para algunhas fontes consultadas o sector musical corre bastantes «perigos»: «Se Estrella Galicia e Gadis desaparecen, para o sector cultural sería peor que cando desapareceu Abanca»

O son do camiño na edición 2026. / Álvaro Ballesteros

O Consello da Cultura Galega vén de publicar un novo «Barómetro da Cultura Galega» e os datos abren varios melóns para reflexionar. Unha das cifras impactantes é que catro de cada dez entidades culturais -en concreto, o 38%- presentan unha facturación por debaixo dos 50.000 euros (vendas anuais). A cifra evidencia a precariedade do sector xa que, desa cotía, habería que descontar nóminas, impostos, gastos correntes e algún que outro investimento. Imaxínense o que queda para salarios se son dúas persoas traballadoras. Tamén recolle o informe a alta dependencia das aportacións do sector público. Un promotor musical consultado que prefere gardar o anonimato é rotundo: «Estamos sendo dopados pola Administración».
Para entender estas declaracións, hai que ir por partes. O Barómetro analizou 829 entidades culturais entre as que se atopan empresas, fundacións, asociacións sen ánimo de lucro ou outro tipo de entes. De todas elas, un 27% (224 entidades) facturou entre 50.000 e 149.999 euros. Só o 14,6% (un total de 121) declarou unha facturación ou orzamento de 500.000 euros ou máis.
Moitas empresas de crecente creación e de xente nova
As cifras demostran que en xeral o sector cultural non se caracteriza por uns elevados ingresos. Emi Candal, socia da Cooperativa Urdime e responsable da sectorial de Cultura da Asociación de Cooperativas de Galicia recoñece que «gran parte das empresas culturais en Galicia son pequenas, con só unha ou dúas persoas traballando [o Observatorio cífraas no 43%] . Hai moitas dimensións diferentes nas compañías e moi ampla a actividade que desenvolven. Moitas son de crecente creación. O ano pasado naceu un número importante de cooperativas culturais. Tamén se está incorporando moita xente nova e emprendedores con microempresas. Que leven pouco tempo de vida pode ser significativo nese informe».

Inauguración dunha exposición no CGAC. / Xoán Álvarez
Porén recoñece que «a precariedade é algo que se dá no sector cultural. Non podo dicir se se está acrecentando pero si podo dicir que se está incorporando moita xente moza». Para Candal, «é un sector que require mellor e maior estabilidade. Hai que entender que a cultura como un dereito. Hai que garantir o acceso á cultura como público pero tamén como creadoras».
Para ela, habería que «avanzar» no desenvolvemento dunha normativa que facilite o mecenazgo e mellore o patrocinio para que as empresas públicas alén do cultural puidesen investir ou apoiar máis as entidades culturais. O informe do Consello da Cultura Galega recolle que o patrocinio ou o mecenado só son a principal fonte de ingresos para o 10% das entidades culturais do país.
A redución do consumo do alcohol afectará ao sector musical?
Aínda así un capítulo á parte merece o eido musical. O promotor musical consultado sinala que que no futuro vanse correr varios «perigos» que poderían afectar a celebración de festivais ou concertos. «Hai un cambio na sociedade. As novas xeracións xa non consumen tanto alcohol. Se segue a tendencia, as empresas cervexeiras van ver un descenso importante das vendas. Cando isto se dea, van seguir investindo tanto diñeiro nos festivais ou concertos de música? Que vai acontecer? Estrella Galicia, por exemplo, apoia moitos festivais en Galicia. Se Estrella Galicia e Gadis en menor medida desaparecen, para o sector cultural sería peor que cando desapareceu Abanca», alerta.
Elevada dependencia das axudas públicas
Outro risco do que advirte é a dependencia elevada das axudas públicas. Á hora de nutrirse de ingresos, en máis dun tercio das entidades culturais as subvencións públicas foron a súa fonte principal de ingresos, segundo o Consello da Cultura Galega. No 26,6%, o ingreso máis importante foi unha partida específica dentro dos orzamentos dunha entidade pública e no 21,7%, unha contratación pública.
Estes porcentaxes explican a radiografía que realiza o promotor musical consultado cando sinalou que «estamos sendo dopados pola Administración, cando se acaben as axudas ou as empresas cervexeiras pechen o grifo dos apoios non sei que vai ser de nós».

Performance no S8 na Coruña na súa última edición. / M.Mato
Esta fonte, porén, considera que aínda que as subvencións no eido da cultura si son necesarias, as administracións non deberían aportar cartos aaquelas iniciativas rendibles por si mesmas.
Tamén fai uinha reflexión importante sobre o papel da cultura e a súa diferenciación do lecer. «O problema con todo isto -sinala- é que se confunde o lecer coa cultura. Iso é perigoso. Parece que todo é encher encher, facer números a esgalla. A música non deixa de ser excusa para reunirse pero hai propostas que aportan algo máis». Por iso considera que se dá unha «situación perigosa. Por facer un evento se mete todo no mesmo saco. Estase denostando a palabra festival, a música está perdendo valor en si mesma».
Para a cantante e compositora Catuxa Salom, tamén hai lectura positiva da situación da cultura galega hoxe en día. «A miña tesitura agora non é fácil facendo cultura na Galicia pero vivín en California e en Madrid. Creo que en Galicia é máis doado dedicarse á cultura; obtés máis visibilidade que noutras comunidades. Agora mesmo, punteiras son Cataluña e o País Vasco. Teñen un investimento brutal en cultura e artistas. Sinceramente que Galicia vai por detrás: hai moitos eventos e festivais dos que moitos son gratis; hai moito investimento. Tamén hai que ofrecer algo único que te represente».
Suscríbete para seguir leyendo
- El Concello «encaja» el «Vigo Arena» en Teis: así es la propuesta de vanguardia que colocará la ciudad en el mapa de los grandes conciertos
- Tus heces por la ciencia: El Galicia Sur pide colaboración ciudadana para crear el primer observatorio de microbiota
- La Policía de Cangas ya puede puede multar en los núcleos de Aldán, Donón y Arneles
- Viejas virtudes, viejos defectos: el Celta empata en Braga
- Pilotos a ciegas y un tripulante asfixiado: urgen revisar el protocolo de seguridad por humo en algunos aviones tras el susto con un buitre en Madrid
- El miedo regresa a O Terrón tras otro incidente violento con el mismo protagonista
- Una boda con Obi-Wan Kenobi, Xena y dinosaurios hinchables
- El dueño del antiguo asilo de Cambados accede a dar una finca al Concello para una residencia