CELEBRACIÓN MUSICAL
Unha romaría con 270 músicos e bailaríns de música folk celebra os 50 anos de Anaquiños este sábado en Chapela
Marina Cabaleiro ten 75 anos de idade e leva bailando galego dende adolescente; este sábado actuará na festa do grupo folclórico
«Teño osteoporose e mándanme que salte», destaca a bailarina para engadir que hai tan bo ambiente que non lle fai falla «ir ao psicólogo»

Mar Mato

Marina Cabaleiro ten xa cumpridos os 75 anos e baila galego que a torce o demo. Empezou co baile tradicional cando aínda era adolescente para despois pausalo por cuestións da vida ata que hai 20 anos o retomou no grupo Anaquiños de Chapela, da parroquia homónima de Redondela, a pouco máis dun quilómetro de Vigo. Dende entón, non o deixou. «Sigo bailando polos ósos, teño osteoporose e mandáronme que salte. Estar coas compañeiras ademais é marabilloso, non fai falla ir ao psicólogo», comenta entre risos no local da agrupación folclórica. Este sábado é un día especial para ela: Anaquiños celebra os seus 50 anos de historia cun romería por todo o alto.
Non é doado que unha agrupación musical, sexa profesional ou non, cumpra medio século. Detrás hai décadas de traballos, felicidade e tamén frustracións. De aí, que nos últimos meses no seo do grupo folclórico Anaquiños de Chapela anden co corazón revolucionado. O día grande para celebrar o aniversario achégase: este sábado día 20, unhas 270 persoas actuarán nun evento que busca ser como eran as romarías de antes.
12 grupos de música tradicional
A partir das 12.00 horas e ata preto das dez da noite ou máis, actuarán 12 grupos de música tradicional galega. O espazo para celebralo, a zona axardinado do Centro Social do Piñeiral en Chapela, con vistas á ría de Vigo.
«Temos convidados a grupos de pandeireta, gaita e coros dos arredores de Chapela, Trasmañó e Rande. Gustarianos convidar a máis grupos pero non nos dá para máis o día. Como final de festa, o Coro Cantores de Brión, aportación do Concello de Redondela. Farán o peche», resume Carlos Igrexas, presidente de Anaquiños. A maiores, tamén haberá exintegrantes da agrupación que volverán actuar para este cumpreanos.
Ademais de Anaquiños, o público disfrutará da música e do baile de grupos como o Coro Cantares de Brión, Tirapuxa, Froles Mareliñas, As Cacharelas, Semente Nova, Choran as Pedras, Gaiteiros de Rande ou Agarimos.
Dende nenos a maiores aprenden nas distintas seccións
Begoña Anido, que foi secretaria no pasado e agora toca o bombo en Anaquiños, detalla que «o grupo, agora mesmo, está formado por un grupo de nenos pequeniños que bailan, un grupo de medianos que xa bailan cos maiores, os maiores e outro grupo de veteráns. Na sección de gaitas hai un grupo consolidado de gaiteiros e tamén un grupo de pandeireteiras. Este ano fixemos unha nova sección de pandeireta para nenas pequenas que están comezando».
A romaría do 50 aniversario tamén homenaxeará as profesoras e profesores que formaron o grupo. Miguel Salomón e Mucha (de Froles Mareliñas) foron os primeiros mestres. O director do Colexio Igrexa de Chapela falara con eles para ver se podían dar clases no centro de baile galego. «Salomón xa non vive, pero Mucha si e merece todo o noso recoñecemento», subliña Anido.
Na actualidade, os que imparten aulas son Mercedes Dafonte (baile) e Luís Correa «Caruncho» (gaita e pandeireta), que serán homenaxeados tamén, ademais de Paula Pérez (baile) e Juan Álvarez (percusión).
Comezou como unha actividade extracurricular no colexio
O que comezou como unha actividade extracurricular, creceu para a partir do 2001 engadir unha sección de gaiteiros e pandeiretas.
Quen se achegue a Chapela para a festa poderá adquirir bebida e comida xa que haberá polbo, xamón asado, choripán, rosquillas e empanadillas. Tamén estará á venda un libro coa historia do grupo e con información sobre as partes do traxe tradicional galego ou as dos instrumentos. O volume inclúe fotos da evolución de Anaquiños.

Anaquiños, de Chapela, cumpre 50 anos e prepara unha gran festa da música tradicional. / Mar Mato
«Coa pandemia, houbo grupos que o pasaron mal»
Na actualidade, a agrupación está integrada por 80 persoas que cantan, bailan ou tocan. A cifra é un logro. «Coa pandemia, houbo grupos que o pasaron mal. Algúns noutras zonas do Estado desapareceron. Nós decidimos non parar. Co efecto Tanxugueiras, tivemos un bum coas pandeiretas e tivemos que pechar a inscripción porque non dabamos para máis. Nestes últimos tempos, tamén houbo un repunte de xente nova que non bailara galego ata agora pero que quere aprender. Queren seguir a tradición», reflexiona Carlos.
«Nós aprendemos de outros. Ás veces, estamos facendo historia e non nos damos conta», sinala Carlos Igrexas. Bego Anido, pola súa parte, engade: «Este é un reencontro coa veciñanza; queremos mostrarlle que hai un traballo de 50 anos que dá uns froitos».
Suscríbete para seguir leyendo
- Los padres de la alumna con sumas erróneas en la nota de la PAU tras las revisiones denuncian «indefensión»: la corrección de la CiUG llega tras cerrar el primer llamamiento en varias comunidades
- Valença estudia trasladar la estación del AVE Vigo-Oporto a las afueras de la villa fronteriza
- Condenan a un vecino de Vigo a abandonar la vivienda por las continuas molestias al resto de la comunidad
- Inversores compran tres edificios en el centro de Vigo para dedicarlos a pisos turísticos
- Concierto de Juan Luis Guerra en Sanxenxo: el artista salda su deuda con Galicia en una fiesta de ritmos latinos ante 15.000 seguidores
- Juan 'Pegatinas': O San Benito máis triste de todos
- Luto en Lalín por la muerte del expresidente del Motoclub Kilómetro 0, Juan Carlos Blanco
- Tres accidentes casi simultáneos dejan dos heridos, uno de ellos grave, en el sur de la provincia de Pontevedra