Vigo celebra o V Centenario do nacemento do poeta Camões
Unha mostra, charlas, unha ofrenda floral e un recital conmemoran o aniversario do símbolo de Portugal cuxo tataravó procedía de Camos en Nigrán
A Fundación Penzol amosa unha pergameo do século XVI sobre a súa liñaxe

Alba Villar

O poeta portugués Camões escribiu: «Múdanse os tempos, múdanse as vontades,/ Muda o ser, muda a confianza;/ todo o mundo é composto de mudanza,/ tomando sempre novas cualidades». Os seus versos neste soneto sonan contemporáneos pero sepárannos deles varios séculos. En Vigo, celebraron este luns o V Centenario do seu nacemento, nunha xornada coa presenza dalgúns dos principais responsables culturais de Galicia e algún de Portugal.
Camões naceu no 1524 e finou o 10 de xuño do 1580. O seu tataravó era galego e levaba por nome Vasco Pérez de Camoens. Na exposición inaugurada onte en Vigo na Fundación Penzol, un dos paneis versa sobre a orixe galega do rapsoda.
Un tataravó de Camos refuxiado en Portugal
Xa biógrafos apuntaban no século XVII que por el corría sangue galego. Na mostra, lembran que o seu tataravó refuxiuse no Portugal despois do enfrontamento dinástico entre o rei Fernando I e Henrique de Trastámara no que Vasco Pérez elixiu apoiar o primeiro. De feito, na Fundación Penzol amosan por primeira vez ao público o pergameo no que o rei lle retira os privilexios a Vasco Pérez.
A exposición tamén recolle que varios estudosos apuntaron que Pérez de Camoens viviu na contorna de Fisterra; outros indicaron que morara en Noia e unha terceira vía no século XX defendeu que era do Val Miñor. En concreto, de Camos, parroquia de Nigrán ao establecer un vínculo co seu apelido patronímico e o lugar (Camos/Camoes).

Vitrina da exposición sobre a relación de Camoes con Galicia. Á dereita, pergameo sobre o seu tataravó de Camos, Nigrán. / Alba Villar
A linaxe de Pérez de Camoens foi evoluíndo ata nacer Luis de Camões. A súa vida foi en si mesma unha aventura que en moitos puntos nos pode lembrar á de Lope de Vega ou Cervantes (amoríos, vivencias militares, riñas e literatura a tope). A súa principal obra foi "Os Lusíadas", unha epopea de case 9.000 versos na que narra a primeira expedición de Vasco de Gama de Portugal á India.
O escritor estivo no cárcere
Camões sumouse á expedición despois de pasar un tempo no cárcere por faltarlle ao respecto a un servente da Casa Real. O escritor logrou o in
dulto de Joao III e, a cambio, fíxose soldado da Coroa portuguesa. Nesa viaxe á India pasando por África, escribiría «Os Lusíadas» relatando as escaramuzas, enfrontamentos, mortes e victorias. O nome fai referencia aos portugueses, como descendentes de Luso, fillo de Baco.
Tanto esa epopea como el mesmo fóronse convertendo nun símbolo do pasado glorioso de Portugal e cada 10 de xuño, o aniversario do seu falecemento, conmemoran o Día de Portugal. Unha aclaración, o poeta non perdeu nesa viaxe un ollo
Galicia logrou entrar nos fastos da celebración do V Centenario do seu nacemento cunha xornada celebrada hoxe. Primeiro, as autoridades culturais inauguraron a exposición «De aquí o xerme saíu», na que tamén recollen a pegada que deixou o autor na literatura galega. Pola tarde, Xosé Manuel Silva presentou o seu libro editado por Galaxia e no que afonda no pasado galego do escritor; tamén houbo tempo para charlas de expertos e para un recital de poemas no que César Morán ten previsto cantar Verdes São Os Campos, na versión musicada por Zeca Afonso.
Na inauguración da mostra, a presidenta do Consello da Cultura, Dolores Vilavedra, sinalou que «é unha honra contribuír a facela realidade. Esperamos que sinale un antes e un despois, que sexa un punto de inflexión para o coñecemento do escritor na nosa terra e un paso adiante no diálogo entre Galicia e Portugal».
Pola súa parte, Henrique Monteagudo, presidente da RAG, indicou agradeceu a ampla participación portuguesa nesta celebración na cidade olívica. Tamén rememorou a celebración do cuarto centenario do nacemento no 1924. Indicou que cen anos despois, «a xornada de hoxe enmárcase nesa liña de continuidade que une a Real Academia Galega coa cultura portuguesa desde os seus comezos, unha tradición na que Camões sempre foi atendido en recoñecemento da grande influencia que deixou nas nosas letras».
O Consulado-Geral de Portugal em Vigo ten previsto rematar a xornada coa ofrenda floral diante do busto de Camões (ás oito da tarde) na praza de Portugal. Nela participarán todas as institucións implicadas, representadas na xornada polo presidente da Penzol, Manuel Puga Pereira; o presidente da RAG, Henrique Monteagudo; a vicepresidenta do CCG, Dolores Vilavedra; o cónsul xeral de Portugal en Vigo, João Bezerra da Silva; o comisario xeral adxunto da Estrutura de Missão para as Comemorações do V Centenário do Nascimento de Luís de Camões, Joaquim Coelho Ramos; e mais a representación do Concello de Vigo.
Suscríbete para seguir leyendo
- El mercadillo de Cangas cerró hoy a su hora entre lamentos de los comerciantes
- La Cofradía de Pescadores de Aldán denuncia la presencia continuada de yates en el muelle, pese a estar probido
- Las titulaciones que cerraron con las notas de corte más altas del Sistema Universitario de Galicia: tres superan incluso a Medicina
- Muere un joven de Madrid tras impactar contra una furgoneta en Ourense
- Estudiantes ante la Delegación de la Xunta: «Xa que non podemos ensaiar no conservatorio superior, ensaiamos aquí»
- El Concello de Bueu ejecutará la compra de una finca para la construcción del nuevo depósito de agua en Cela
- Eterno Víctor Iglesias Viqueira
- La presión de los precios pincha la «burbuja» de vivienda en Galicia: las compraventas agravan su caída al 11% en mayo