Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

V CENTENARIO

Unha exposición e varias charlas afondan no pasado galego do poeta portugués Camões, cun antergo de Camos, Nigrán

Estatua de Camoes en Lisboa.

Estatua de Camoes en Lisboa. / Osvaldo Gago/Wikipedia

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Mar Mato

Mar Mato

Vigo

Vigo acolle ao longo de hoxe luns unhas xornadas que conmemoran o quinto centenario do nacemento de Luis de Camões. A partir das 12.30 horas pola mañá e desde as 16.30 horas da tarde, a Fundación Penzol é o escenario de charlas ao redor do escritor portugués máis universal da súa historia. Tanto a exposición que se inaugurará como algunha das intervencións van centrarse na orixe galega de Camões.

Xosé Manuel Soutullo, director da Fundación Penzol, explica que «está documentado que a procedencia familiar é galega. Unha parte da familia sería orixinaria de Camos, Nigrán, no Val Miñor. Na exposición que inauguramos, imos amosar un documento dos fondos do arquivo da Penzol sobre Vasco Pérez de Camões, que era tataravó do poeta».

Engade que é un documento de Henrique III no século XIV onde lle retira a Vasco Pérez os privilexios que tiña sobre a vila de Baiona. Porén matiza que «isto non significa que Camões tivese un vínculo directo con Galicia no seu tempo».

As charlas e a mostra tamén se fixarán na recepción na Galicia da obra do autor luso ao longo do século XIX e do XX. Nelas, van presentar o documento que testemuña a orixe de Camos. Tamén tratarán a recepción das súas obras na intelectualidade galega «desde Rosalía de Castro a Filgueira Valverde». Nas vitrinas, imos presentar unha bibliografía da Penzol sobre e de Camões. Temos varias edicións de «Os Lusíadas», algunhas, do século XIX editadas tanto en Portugal como en Francia», sinala Soutullo. "Imos presentar un exemplar anotado por Eduardo Pondal", engade.

Soutullo apunta que tivo influencia en Rosalía, Murguía, Pondal, Noriega Varela e en narradoras como Marilar Aleixandre. Ademais Xosé Manuel Dasilva presenta nas xornadas de hoxe o seu libro "Camões en Galicia" (Galaxia), con ensaios sobre algúns autores que trataron sobre o poeta luso. Aí, inclúese o traballo de Curros Enríquez como tradutor.

Estas actividades en Vigo pechan os dous anos de celebración do quinto centenario de nacemento do escritor portugués -nacido o 10 de xuño- que se desenvolveron no país veciño.

O horario de actos para hoxe na cidade olívica é o seguinte:

-12.30 horas. Inauguran e abren ao público a exposición «De aquí o xerme saíu», sobre as presenzas galegas de Camões no V centenario do seu nacemento. Está previsto que interveñan: Manuel Puga Pereira, presidente da Fundación Penzol; Dolores Vilavedra, vicepresidenta do Consello da Cultura Galega; Henrique Monteagudo, presidente da Real Academia Galega; João Bezerra da Silva, cónsul xeral de Portugal en Vigo; Joaquim Coelho Ramos, comisario xeral adxunto para as Comemorações do V Centenário do Nascimento de Luís de Camões; Xosé Manuel Dasilva, subdirector da Fundación Penzol e comisario da exposición; e unha representación da Alcaldía de Vigo.

-16.30 horas. Xosé Manuel Soutullo abre o programa da tarde e Dasilva presenta o seu libro. Despois, seguiralle unha conferencia de Monteagudo baixo o título de «O galego en Portugal no século de Camões» así como outra de José Carlos Seabra Pereira, da Universidade de Coimbra.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents